| carne de mural/carne de peixe |

Mural da rúa Olmos, 25. A Coruña. U. Lugrís, 1952.

| Carne de mural/Carne de peixe |

Igual presentides que aquí vai pasar algo.

Que a paz da superficie vai preñada de abismo e o abismo
-gran de sal da mirabilia
cardume de hordas descatalogadas-
ábrese de carnes, cheirentas a balea.
Carne de mural.

Igual pareceuvos ver a ninguén, a Nemo nas anémonas da infancia
unha infancia atómica pola que sobe e baixa o pulso
dun submarino dentado, ollo de boi e de vaca
igual sentides o tsunami a punto como eu o sinto na medula.
Carne de peixe.

Igual o inminente ten o vaivén do emigrado. Igual o presentido
ten a resistencia da presa.

E a presa desiste e se abre para inundar de nereidas os tímpanos
para tocar campás de sal nas catedrais somerxidas pola ciencia.

A ciencia certa estades na vila asolagada onda a coiraza do Orzán.
Collede aire
para moitas
moitas eras.
No corazón desa coiraza
bombean os graffitis encendidos arredor dos pavimentos
de ámbar e coral, e canecos de xenebra escachados entre as ruínas
de megacentros comerciais e montes de ferruxe.

Igual formades parte desa urbana turba gris que é o futuro
coa turbulencia dunha lentura de millóns de anos
encerrada no cristal dun cromosoma á deriva.
Carne de mural. Carne de peixe.

Que os oceános son ceos invertidos e as galaxias
nebulosos maremagnums, barloventos de babel
a piques de romper, romper, romper a falar claro.

Hic habitat felicitas:
Carne de mural, carne de peixe.
Quen pintou a Marola pintou a mar toda.

Igual pensades que isto non é certo. Pero o océano ten algo
do inconsciente, algo de luxo, calma, karma e volutas
de voluptuosidade enferma.

Igual sentides como eu sinto como ela sente
o narval agochado entre as furnas do peito
e baixo o embigo
cómo vos abre as carnes, carne de mergullo que sodes
hordas do futuro, timbais de turba urbana e gris
varada no porto de Os, porto de nós, porto de vós
que sodes carne, carne de burbulla
carne de berbés, carne orzanada
estourido asolagado e cabronazo
que vos fai medrar as colas de faneca e de sardiña
de van para abaixo maragotas nun mar que se agota
que viviredes de novo entre sargazos igual sentides
a pixelada Marola no trebón aló no fondo
os graffitis da cidade desovada aló no fondo
“só o peixe morto segue a corrente”
igual sentides como eu sinto
que aquí vai pasar algo e que seredes
carne de mural, carne de peixe
híbridos nadando entre glaciacións e
criaturas mecánicas terrestres.
Con colas de faneca. Con ás de serea de Odisea.
Carne de Fingal. Circe de peixe.

Híbridos nadando entre glaciacións. Buzos de carne
que seredes
carne de mural, carne. Carne, carne de peixe.

Estíbaliz…Espinosa, 17 de decembro de 2011

O colectivo A Nave das Ideas prestidixitou un libro dixital coas achegas de moitos poetas que fermentaron textos baseados en cadros de Urbano Lugrís. O pretexto foron os fastos e saturnais celebrados en homenaxe ao pintor, levados a cabo de xeito singular e simultáneo na vértebra atlántica A Coruña-Vigo-senpasarpolaAP9.

Poden descargalo premendo sen temor aquí:

Urbano

E ler poemas de Daniel Landesa, Darío Xohan Cabana, Xurxo Martínez, María Lado, Olga Novo, Samuel L. París, Ledicia Costas, Tati Mancebo, Luis Rei, Manuel Forcadela, Lucía Aldao, Anxo Angueira, Olalla Cociña, Francisco Castro, Isaac Xubín… e así ata unha moitedume.

Como eu andei coa filloa absent-minded toda a semana, mandei un relato e non un poema. Tanta autopista me despista. Xa comentei hai uns días que o cadro escollido foi o mural do local da rúa Olmos, 25 -hoxe pechado uns días a cal e outros tantos a canto- , un fresco case na cripta, unha verdosa capeliña sixtina da que non atopei unha soa fotografía decente e completa.

Neste blogue, dúas entradas abaixo, poden ver algunhas fotos persoais de retallos da obra co meu cabezón diante. Pero quen carallo ía pensar que ese local podería pechar ao público?  Pois pechou. Pechou sen ningún tipo de conservación, catalogación ou garantía desas pinturas na parede. Así somos. Un fato de insensatos.

No relato Hic habitat felicitas especulo co día en que se volva a ver ese fresco, un día distópico dun futuro remoto, coa cidade do Orzán xa asolagada e membros dunha posible Unidade de Mergullo curioseando por entre as ruínas. Especulo coa posibilidade de entrar a formar parte dese mural, de cabeza contra o muro, asolagarse nel. Iso se antes non se achega unha turba urbana inflamada con fachos e sachos a tirar abaixo a porta do local rúa Olmos 25 para esixiren o  coidado e mantemento da pintura, que eu lembro xa moi escunchada. En fin, non deixo ideas. Esquezan isto. Non pensen máis nel.

No proceso de escrita do conto, secuestrei frases e motivos para un texto poético baseado no mesmo mural. O poema quedou así e aquí o deixo, a secar e airear coma se isto fose un secadoiro de congros. | Carne de mural/ Carne de peixe| recén saído do caldo dos miolos, o caldo de cianobacterias, versos e merda que sabedeusparaquécarallo fai todo isto. Entusiasmado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s