| carne de mural/carne de peixe |

20131221_222132
Mural da rúa Olmos, Urbano Lugrís (1952). Foto persoal de 2009
DSCN0317
Hica habitat felicitas. Mural da rúa Olmos, Urbano Lugrís (1952). Foto persoal de 2009

serealugris
Detalle da sereíña e o narval. Mural da rúa Olmos, Urbano Lugrís (1952). Foto persoal de 2009

| Carne de mural/Carne de peixe |

Igual presentides que aquí vai pasar algo.

Que a paz da superficie vai preñada de abismo e o abismo
-gran de sal da mirabilia
cardume de hordas descatalogadas-
ábrese de carnes, cheirentas a balea.
Carne de mural.

Igual pareceuvos ver a ninguén, a Nemo nas anémonas da infancia
unha infancia atómica pola que sobe e baixa o pulso
dun submarino dentado, ollo de boi e de vaca
igual sentides o tsunami a punto como eu o sinto na medula.
Carne de peixe.

Igual o inminente ten o vaivén do emigrado. Igual o presentido
ten a resistencia da presa.

E a presa desiste e ábrese para inundar de nereidas os tímpanos
para tocar campás de sal nas catedrais somerxidas da ciencia.

A ciencia certa estades na vila asolagada onda a coiraza do Orzán.
Collede aire
para moitas
moitas eras.
No corazón desa coiraza
bombean os graffitis encendidos arredor dos pavimentos
de ámbar e coral, e canecos de xenebra escachados entre as ruínas
de megacentros comerciais e montes de ferruxe.

Igual formades parte desa urbana turba gris que é o futuro
coa turbulencia dunha lentura de millóns de anos
encerrada no cristal dun cromosoma á deriva.
Carne de mural. Carne de peixe.

Que os oceános son ceos invertidos e as galaxias
nebulosos maremagnums, barloventos de babel
a piques de romper, romper, romper a falar claro.

Hic habitat felicitas:
Carne de mural, carne de peixe.
Quen pintou a Marola pintou a mar toda.

Igual pensades que isto non é certo. Pero o océano ten algo
do inconsciente, algo de luxo, calma, karma e volutas
de voluptuosidade enferma.

Igual sentides como eu sinto como ela sente
o narval agochado entre as furnas do peito
e baixo o embigo
cómo vos abre as carnes, carne de mergullo que sodes
hordas do futuro, timbais de turba urbana e gris
varada no porto de Os, porto de nós, porto de vós
que sodes carne, carne de burbulla
carne de berbés, carne orzanada
estourido asolagado e cabronazo
que vos fai medrar as colas de faneca e de sardiña
de van para abaixo maragotas nun mar que se agota
que viviredes de novo entre sargazos igual sentides
a pixelada Marola no trebón aló no fondo
os graffitis da cidade desovada aló no fondo
“só o peixe morto segue a corrente”
igual sentides como eu sinto
que aquí vai pasar algo e que seredes
carne de mural, carne de peixe
híbridos nadando entre glaciacións e
criaturas mecánicas terrestres.
Con colas de faneca. Con ás de serea de Odisea.
Carne de Fingal. Circe de peixe.

Híbridos nadando entre glaciacións. Buzos de carne
que seredes
carne de mural, carne. Carne, carne de peixe.

Estíbaliz…Espinosa, 17 de decembro de 2011

Se queres podes ler clicando aquí o relato baseado neste mesmo mural e publicado en In Nave Civitas, 2011

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: