a fisioterapeuta

 | A fisioterapeuta |

A fisioterapeuta amasa a miña masa estelar
loita contra a lei da gravidade no meu cranio
coma unha superheroína en bata enfróntase
á escoliose do espazotempo
cun pouco aceite nas palmas

en silencio
dúas homínidas nunha habitación rosa:
seguindo unha órbita intercostal, ela
vendo as estrelas, eu

| Fisioterapia: de physis
que significa natureza |

Ela esfórzase en devolverme ás árbores
en aliviar o meu trapecio do peso do portátil
arríncame -a man- da máquina e a mecánica

e aproba que nade, si, «pero de costas»
albiscando constelacións
ou algo

Difícil que unha «cyborg» volva ser só «org»
a ver quen é o guapo que rexeita un implante
un bypass, ferrados de teras para a memoria
un texto biónico sardónico
nestes tempos tan siderais
quen ousa vivir sen wifi

Nin Aristóteles: physis é
cambio e movemento

| physis significa natureza |

E será por iso

que a fisioterapeuta trata de recolocarme no mundo
é a primeira en criticar o meu postureo
as súas xemas pínzanme como a unha arpa
lémbranme que son tan só
un malentendido do carbono
a calcificarse e oxidarse ao seu aire

carbono, si, pero entre o silicio e o litio e ademais
coa cabeza chea de helio e gas da risa

Cando termina a sesión
síntome dolorosamente aliviada
o meu pescozo é pura enerxía
pagho con ghusto

A fisioterapeuta de mans de árnica
-e caléndula e látego e odalisca e mel-
olla en fite algo tras de min
bisba un «vas levar, ti»
sácase un dos zocos sanitarios
e esmaga un moscón ao despiste
contra a parede

Claro que

| physis significa natureza… |

Estíbaliz…Espinosa, 2015

tumblr_mqnuqojzvY1qz6f9yo1_500

2 thoughts on “a fisioterapeuta

  1. encantoume…
    somos toda unha galaxia de complicacións que se solidifican!
    (nunca volverei ver os fisioterapeutas do mesmo xeito).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s