moito gusto

tumblr_nc5zcvkd3k1qz6f9yo1_250

Le goût classe, et classe celui qui classe

P. Bourdieu

Díxome un paxariño que ti lles gustas aos gatos. Aos cans alobados. Gustas a nenas de entre 5 e 13 anos. Moito lles prestas aos irracionais: o número π e o número «e» contan contigo. A túa identidade imaxinaria verifica e^{i \pi} + 1 = 0\,\!. Gustas aos códigos abertos de par en pálpebras abertas. Aos tabáns e mosquitos. Aos desangrándose en B+. Ás que fan videoxogos. Gústaslles a algúns do hemisferio sur sen reparos coas túas curvas. Ás trans da túa zona. Tamén lles gustas aos teus fillos. Ao teu irmán. A Pierre Bourdieu, polo visto. Nas escaleiras de Escher, a unha galega que sobe. A min.

Sospeito que lle fas tilín a Antares e a toda Casiopea, como pouco. Non hai faia que non che dea sombra. Devecen por ti ácaros, lepismas, toxos e vampiros, coma por calquera. Gustas a depiladoras, dispensadoras de tinta e té, a pasteleiros, zoólogas e otorrinolaringólogos. Haslles encantar aos liques e é mutuo: entre as ideas das túas dedas medrará Lobaria pulmonaria se todo vai ben.

A forza de gravidade vai tola polos teus ósos. O carbono 14 chámate para quedar. Hai un fungo dourado que che fai as beiras. O código binario ponche olliños así. Mostacho e ovulación queren saír contigo na foto. Os recadadores de impostos, as ácratas, chinches, limoeiros e igual alguén que anda por aí. Un quark encantado e unha empresa aseguradora. Prato de gusto para samesugas e tigres do Amur. Para as Laminaria hyperborea e as mareas a esgalla. Para as multidimensións, a materia escura e tres parásitos intestinais. Ata Walt Whitman dirixiuse a ti expresamente: «…toca un home». E Hipatia olloute en fite unha vez.

Toda unha delicatessen para a Escherichia coli.
Estás requeteboa para as radiacións.
Ti estás de morte
para a vida.

O resto do mundo igual non te soporta.
Pero, a quen lle importa xa iso
a estas alturas do ego?

tumblr_nor8rc8gg01qa53wno3_1280

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s