
Saio correndo do teatro [Teatre Gaudí, Padre Claret 120]. Atraveso este blog e tiro para adiante. É a primeira vez na miña vida que corro por Barcelona. Visitara Barcelona varias veces antes, tres concretamente [la 1ª por coraje, la 2ª por capricho, la 3ª por placer] pero nunca vivira nela. Nunca correra nela.
Hai que terlle confianza a unha cidade para iso. Un rumbo fixo. Eu téñoo.
Non hai moito que correr. O cine está na mesma rúa, algo máis adiante, no 168. É un cine pequeno cun bingo. Pouca xente. Vou soa. Hai moito tempo que non vou soa ao cine. Merco Maltesers e un botellín de auga pirenaica con cumios nevados na etiqueta.
Saio da sala envolta nesa crisálida imaxinaria que tece unha película, todos eses rostros xigantes [o primeiro plano renacentista -e logo cinematográfico- coido que foi a causa icónica de que o ser humano rematase de namorar perdidamente de si mesmo], a peluxe no rostro de Kate Winslet, a música amplificada, deseñada para aocarche as válvulas cardíacas. Canda min sae unha velliña cunha muleta. Do Bingo. Non me paro a comprobar se sae feliz. Eu vou feliz.
Acendo o iPon. Aleatorio Cancións. A aleatoriedade conmóvenos porque, xa o dixen no post anterior, ten algo de destino minúsculo e punkarra. Que quererá dicirme o azar con esa selección de cancións? Nesa teoría do caos a pequena escala que poño en marcha cando froto a xema do meu dedo corazón contra a rodiña central, que liña argumental de cosmos albisco?
Enfilo por Càrrer de la Marina escoitando isto:
Nice dream [Radiohead]-When I was seventeen [Frank Sinatra]- Spirits in the material world [The Police]- The box [Orbital]- L’illusioniste [Keren Ann]- Non sei [Nordestin@s]- Chivo que rompe tambó [Bola de Nieve]
Non significa nada. Nada máis que eses son algúns dos meus gustos musicais. É a miña suxestión nocturna a que atopa semiótica niso. Algunha simboloxía, algún vencello comigo. O certo é que non hai ningún. Esa sucesión de cancións non me pertence. A única diferenza é que eu fágoa constar neste blog, calcifícoa. Convírtoa nun fósil. Algunha vez lerei de novo esa sucesión de temas e crereina algo máis miña.
Apropiámonos da música, incluímola nos nosos posts, talvez por un desexo de fosilizarnos a carón dela.
Por facer tempo [gran expresión], esa noite paseo ante o Auditori, no que cantei hai 5 anos. Lobgesang, Mendelssohn, soprano primeira, cuarta ringleira. Die Erde. Lembro aquela fuga. Desa cantata lémbroo case todo. Non podería esquecela mesmo que axitase o cranio ata que me nevase a vida, como nunha esfera de cristal. Endiañadamente Lichts. Die Waffen des Lichts. No Auditori. Subo e baixo unhas escaleiras que lembraba diferentes. Barcelona tamén é para min unha lembranza inventada. A primeira vez vina desde un autobús, nunha excursión de colexio. Barcelona significaba entón unha alteración sanguínea, unha pulsión coa que o universo non me correspondía. Ganas de aspirar o aire a padas.
Agora o aire entra e sae normalmente. Logrei ser normal, unha viandante normal que sae dun cine normal nunha cidade normal. Logreino.
Chego ao hotel e subo á habitación dunha das compañeiras. Atópoas a todas bebendo cava, espalladas nas camas e no chan. A tele está acesa, tamén un pequeno netbook branco coa páxina aberta dun diario dixital. Dánme a nova. As eleccións autonómicas saíron ao revés do esperado. A burbulla na que viña camiñando dende o cine Napòls fai plop.
Collo un vaso. Aleatorio Cancións segue a soar dentro do bolso. Para ese momento non lembro a banda sonora.
Na habitación campa o bo humor, malia todo. Nótase que non somos os nosos pais e as nosas avoas. Un cambio político para nós non significa apenas nada. A certos niveis si se nota, e moito. Pero na superficie todos imos seguir vivos, ninguén marchará para un gulag, non imos empuñar armas nin desaparecer do mapa.
Ás veces teño a sensación de que a política, o cambio social, é realmente outra cousa.
Actúa noutro teatro.
A súa banda sonora é un aleatorio de cancións.
Días despois, baixo o scaléxtric de Glòries, descubro esta pintada: el vasco continúa a ser tan lindo!
Quen escribiría iso? Un portugués, un porteño, un barcelonés? Referirase ao idioma ou a un mozo vasco especialmente cachondo?
Escribir nunha lingua que continúa a ser linda consola. Hai saudade niso. Pero o argumento da beleza por veces soa a eses razoamentos de alivio que aseguran que os negros teñen moito sentido do ritmo. Non deixan de ser argumentos exculpatorios, balsámicos. Supoño que tamén Aquiles acabou por namorar de Troia. Cando algo fica abatido, non deixamos de verlle poesía por todas partes.
Logo, sacudimos o mazazo final.
Mis felicitaciones por el blog, Estíbaliz, es magnífico!