b(azar) II

A través desa arma cargada de futuro polo diaño -Facebook é o seu nome- chégame unha proposta baseada na aleatoriedade: xogar a ser deseñador de portadas de discos inexistentes a partir das procuras random da wikipedia, de flickr ou das wikiquotes. Como vivo estas semanas nun hotel branco con wi-fi, almorzo-buffet e tedio-opulento, acepto.

Lástima que neste portátil non teña cargados máis que os tipos de letra por defecto do OpenOffice. Con todo, a proposta enturba a miña límpida materia gris e paso un par de horas entregada a ese absurdo cometido, fabricando portadas de discos inexistentes de grupos inexistentes, inexistindo, en definitiva. Photoshopeando portadas coma churros.

Con frecuencia de churro, calidade de churro e poder alimenticio de churro.

Unha vez perpetradas unhas 4 portadas abro unha carpeta no Facebook [ese antro de perdición, de perdición de tempo] á que titulo Randomismo.

Bótolles un última ollada antes de as subir á rede. Non están tan mal. Algunhas coarían por portadas reais. Cada unha levoume uns 10 minutos. O xogo seduciume porque en ocasións a min sedúceme calquera con xogos semiabsurdos e porque un fenómeno tan doméstico, tan cutre, tan fractal e tan feitonacasa paréceme a expresión perfecta da sobredose mundial de grupos e discos, só parangonable á de escritores e libros. Unha sobredose que comparo con aqueloutra de vocacións relixiosas na Idade Media: crerían todos eses monxes e abadesas e arciprestes firmemente en Deus? Amarán todos estes grupos, cantoras, percusioneiros, oh señor, a Música?

Vendo os resultados das 4 imaxes con orgullo de nai agradecida ao señor por lle ter enviado 4 fillos azarosos, resolvo que o nome de Krzewa gústame especialmente, quizais porque entre todos os nomes de cidades do mundo en xeral e da wiki en particular, foime saír o dunha cidade polaca; sen dúbida, a cita que dá título ao disco [there is no such thing as algebra] en consonancia coa foto das 3 lerchas campestres, axuda. Agradezo enormemente á divindade randomista wikipediana que me brindase na primeira procura Messier 77, unha galaxia espiral barrada que converteu no nome do meu primeiro grupo. A portada máis bizarra é a de Bekhud Badayuni, cunha errata que me quedou na palabra civilization e que a estas alturas non penso cambiar. O nome de grupo máis grimoso é ablepharon, palabra grega que significa sen pálpebras, algo impensable por exemplo na poesía galega, na que todo é pálpebra [ademais de paisaxe, excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe, Colectivo Ronseltz dixit]. Falando de personaxes, lembro  que hai anos encarnei un chamado Blefaron na comedia Anfitrión, de Plauto. Un tipo medio pampo, supoño que coas pálpebras a media hasta, durmiñón. Ter sabido iso das pálpebras naquela altura teríame axudado moitísimo na composición-introspección-stanislawskismo dese personaxe de 3 ou 4 frases que combinaba con outro na mesma obra [facía un dobrete]. É o que ten o traballo de actor: demasiada literatura. Se non lle botas literatura, non es actor.

É o que ten o traballo de escritora: demasiado teatro. Se non lle botas teatro, non es escritora.

Volvendo ás portadas random:  nun fallo imperdonable non anotei o nome dos autores dos fragmentos de citas que dan nome aos discos.

A música deses 4 grupos é, por suposto, aleatoria case postaleatoria cun punto after-cyber-wiki- punk.

portada aleatoria 1
portada aleatoria 1
Portada aleatoria 2
Portada aleatoria 2
Portada aleatoria 3
Portada aleatoria 3
Portada aleatoria 4
Portada aleatoria 4

Estas portadas poden tamén servir de reflexión verbo da posible e nunca ben ponderada xenialidade da aleatoriedade. Observen por un momento a derradeira portada: unha foto magritteana con alguén de costas, un grupo denominado Ablepharon [sen pálpebras] e o título do disco Problems of other people. Non é marabilloso como o azar urdiu unha composición indolente, cunha vulnerabilidade remota similar a unha canción de Radiohead? Os problemas doutra xente. Sen pálpebras un non ten máis remedio que velos. O único xeito de non velos é volver de costas. Quen é esa outra xente e cales son os seus problemas? Vivir ablepharon, sen pálpebras, equivale a telas perpetuamente pechadas sobre os ollos, a non ver? A non ver por ver demasiado? Somos nós, os espectadores, esa outra xente con problemas ou somos quen vivimos de costas a ela?

Non me digan -non me digan- que esa portada con todos os seus elementos non resulta cando menos enigmática.

Durante canto tempo aturaremos os humanos os enigmas do azar? Ata cando pensaremos que é fascinante e que goberna as nosas vidas dun xeito análogo a un destino algo máis ácrata que o Destino?

Outra día sigo con este fío.

Por se a alguén lle proe o hemisferio dereito, os termos do meme foron estes que copicolo:

Ola, estás aquí porque fuche “tageado” nesta imaxe, pero isto é un xogo no que tratamos de facer portadas aleatorias de discos.

Para facer isto:

1 – Vai a “wikipedia.” e Clica en “random article”, aquí: http://en.wikipedia.org/wiki/Special:Random … O nome da entrada que che saia será o nome da banda.

2 – Busca unha cita aleatoria, clica aquí: http://www.quotationspage.com/random.php3 … As 4 ou 5 últimas palabras DA PRIMEIRA CITA serán o nome do disco.

3 – Vai a flickr para ver as fotos interesantes dos últimos 7 dias, aquí: http://www.flickr.com/explore/interesting/7days … A TERCEIRA IMAXE, non importa cal sexa será a imaxe para a portada do teu disco

4 – Usa photoshop ou similar para xuntar todo iso.

5 – Postea a imaxe a Facebook, pega o texto coas instruccións e tagea aos amigos que queres que se unan.

Original text in english:
http://fluzo.tumblr.com/post/79649512/to-do-this-1-go-to-wikipedia-hit-random-or

4 pensamentos sobre “b(azar) II

  1. De acordo, será unha perda de tempo, pero é divertida, e as combinacións resultantes sempre dan para pensar.
    Xa seleccionei o nome da banda, o título do album e a foto; e é unha mágoa non saber utilizar eses programas de retoque para crear o meu disco, porque a miña combinación, para ser fruto do azar, quedou pero que moi ben.
    A cita: “Most people never listen”, un dos problemas, quizais, daa xente do teu último album.

    Unha cousa mais: segues xenial, coma sempre.

  2. góstame a idea pero non como se debe facer en facebook, é curioso eu que tamén teño un perfil na nai das redes (e recoñezo a utilidade para curiosear que fan os amigos/as máis inquedos) empezou estar ata o muro desta xigantesca irmandade e dos seus requerimentos de lecer encubertos con espesa publicidade. O meu movemento favorito é ignorar, ignorar e ignorar a persoas que non te saúdan na rúa pero queren ser amigos do facebook.
    eu hai un tempo fixen esta de coña, levoume un pouquiño maís e aínda que estéticamente non sexa moi “artie”, é dun amigo que nunca será famoso que tocaba a súa guitarra sen saber que estaba sendo fotografiado e na súa casa. E estaba tremendamente feliz intuindo un futuro que se adiviñaba marabilloso como asi esta sendo. E este cachiño pop de felicidade e autenticidade (reality bites) tamén sirve para xogar e facer bonitos agasallos.

    cover

  3. Góstache a idea, pero non a totalidade da idea. Compréndote.

    Facebook é terrible, si, estou de acordo. Para min ás veces tamén é un pesadelo social.

    En canto as portadas ficticias fanme pensar unha alternativa: para cando portadas de libros ficticios?

  4. Ola, o seu blog é moi interesante. Teño unha proposta que eu espera que sexa suficientemente gentil para cumprir: podes bekhud elimine o nome da foto anterior? el era meu bisavô, e é Dolores para ver o seu nome nunha foto de algún raro. moitas grazas!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: