pinte un bisonte na caverna, por favor

centro-on.jpg

fotografía: pequesquimal

Iván López Gimeno foi o primeiro convidado a este experimento. Unha mostra de traballos que teñen como común denominador o xiraren arredor dunha pantalla. O ollo hipnótico. Mitoxénico. Temíbel. Carente de pálpebras. De bágoas. As pantallas son signos dun ollar febril. Coma o dun crocodilo.

O experimento toma a forma dunha mostra de fotografía, páxinas web, ilustración… todo o pantallabelmente posíbel.

O Centro On brindounos a súa sala. Entre restras de valores bursátiles. Unha pequena matriz negra. Alí, baixo o paraugas protector e caro de finanzas alleas. Unha sala pequena, como unha caverna, cunha pantalla grande como un bisonte.

Iván L. Gimeno traballa en narración audiovisual. En principio, orientada a calquera formato: o televisivo, o vídeoclip, a curtametraxe. Interésame o principio, nó e desenlace: a historia. Fala seguro do que trae entre mans. Non teño nada novidoso que contarlle ao mundo. Xorden esas palabras, orixinalidade, criatividade. Son como campás. Campás que preceden ou envolven calquera alusión á arte. Pero as campás tamén tocan a morto.

Iván expón. Faino con claridade. É moi ameno. Lamento o escaso público. As súas ideas apuntálanse con experiencias de anos en medios comunicativos. Son vehementes. Destilan criterio. E tamén crítica á suposta novidade de certos formatos televisivos que simplemente redundan. O seu currículum -o que me mandou por email, nunca nos viramos antes- di: carreira de humanidades. Historia. En Santiago. Mentres tanto, agardaba a implantación da licenciatura de Comunicación Audiovisual. Iso e o tren de 30 minutos entre Coruña e Santiago eran as grandes promesas dos meus tempos de estudante. Penso que é bonito iso: a xente estuda carreiras por moitas razóns. Por acalar a conciencia. Por inxenuidade. Por contentar aos pais. Por fe. Tamén por facer tempo mentres se espera a outra carreira. É lexítimo. Cántas veces amamos a unha persoa expectantes porque outra nos ame. Facendo tempo.

Iván L. Gimeno ten experiencia como todólogo: fai de todo. Sempre orbitando arredor da narrativa audiovisual. A el gústalle a historia, especifica, contar historias. O guión parece a saída máis natural e cursa estudos destinados a gañarse a vida diso. Publica un libro de relatos. Un guión para a USC. Pero de guión a produción hai un paso. E a direción, cómo non. Semellan disciplinas entreveradas nalguén que comeza en plataformas con poucos medios. Hai que asumir varios papeis. Na New York Film Academy estuda Direción de Cinema Dixital e ten un compañeiro de piso xaponés. Ambas circunstancias conflúen e desembocan nun par de colaboracións memorábeis: un vídeoclip, Abisal, para o grupo Mecánica Celeste, e mais unha curtametraxe, The performer, visualmente moi lograda, contada a base de retallos a ritmo sincopado ou respiratorio, e cun argumento que instila sarcasmo no mitificado eido da actuación cinematográfica. Os desvelos por meterse no papel. O método. A escusa escenográfica: Nova York [a cidade que pode observar de esguello Hollywood]. O protagonista: o compañeiro de piso xaponés.

Algunhas das ideas lanzadas por este novo realizador ao longo da súa charla pintada na caverna:

#ser orixinal aínda é factíbel. Pon como exemplos a Charlie Kauffman e vídeos coma este.

#existe unha fractura xeracional entre os fillos da televisión e os mozos de hoxe que atopan en internet unha interactividade coa que o medio televisión xamais poderá competir [iso lémbrame á gala de Premios da Televisión, na que Buenafuente ironizou sobre o mesmo feito aludindo a youtube: infórmanme polo pinganillo de que xa se pode descargar en youtube a primeira parte deste monólogo]

#non é honesto vender como orixinais formatos televisivos que levan lustros funcionando

#en definitiva, ou iso pareceume entender a min, non se lle pode pedir orixinalidade nin frescura a un medio como o televisivo

O fallo da caverna: como no cine dos inicios, fallou o audio e non escoitamos nada da música dos vídeoclips. Por sorte The performer é case por enteiro unha curta muda.

As sesións deste ciclo estenderanse ata o xoves 27 de marzo de 2008. Emitiranse todos os xoves en rigoroso vivo e coleando, agás vacacións e festas de gardar. De 19:00 a 20:00.

Altas miras dende a caverna do Centro On

2 pensamentos sobre “pinte un bisonte na caverna, por favor

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: