o telón de ceros

Eu vin ceros e uns que vós non creriades.

Hai cousas. Hai cousas que só acontecen en internet. E, de logo trascenderartcanchangeyourlifeen, faranno manchadas de cibernética, manchadas deste grotesco e vasto curral que é a rede onde todos se buscan ás agachadas, tecooooleando o seu nome en google.

Á súa esquerda, un vaso de algo. Que apuran. A sorbiños. Compulsivos.

Todos os que traballamos aquí, deste lado do mundo, deste lado da fervenza do val dos elefantes, deste lado do ecrán, deste lado do telón de 000 e 11111, deste… [basta, non me pagan por exprimirme ata este punto, de feito non me pagan] sabemos que nos enteiramos de novas, memes, accións que ao mundo real poden arribar con outra forza, con perspectiva diferente. Sabemos que hai cousas que só existen aquí.

Que a súa dimensión é diferente por existiren aquí.

[I en ocasións vemos mortos]

Non sei se o sabemos ou o intuímos. Vén sendo o mesmo?

Deste lado do telón de ceros adquirimos outra entidade, que é case unha outra identidade. Os grandes tímidos atrévense e os ghuapos fican  reducidos a unha frase que asegura que son guapos a carón dun pequeno avatar. A xente búscase a si mesma para descubrir a outros que se chaman exactamente igual e viven en, poñamos, Petrópolis. Ante a interfaz os grandes negociadores salivan, os artistas dixitalízanse tamborilando os dedos sobre o qwerty con furia artística, as novas intranscendentes volven relevantes e acaban por colonizar a prensa e outros medios de comunicación. A rede, coma todo enredo comunicativo, tamén fala de si mesma, tamén practica a rendible autofaxia: do mesmo modo que os rancios contidos da tele consisten na propia tele [programas que aluden a outros programas, programas feitos de retallos, patchwork televisivo], un dos grandes protagonistas da internet é o propio elemento mistérico da internet. A enxeñería, a linguaxe, os artiluxios de ordenador. Geekadas. A sublimación da chatarra silícica.

E a comunidade virtual. O aval de todo intento de volvernos postrimería.

Moitos escritores, impostores, clons e aledaños saltamos aquí porque dexergábase un reino fabuloso tras dun telón de ceros. Un reino que tardou apenas un par de anos en se superpoboar, ben é certo, pero un reino onde por fin a impostura era lei e non importaba non figurar no círculo da edición e xestión de libros en papel. Tras do telón de ceros son moitas as tramas que se urden, moitas as conquistas e algunhas non pasan das 1000 visitas. A posteridade converte nun grial sensiblemente máis esotérico: quen pasa á posteridade entre tanto nome? Quen garante o seu nome ante un millar de nomes? Quen esixe semellante titanismo de si mesmo?

E sobre todo, que significa un nome?

Está claro que unha condición sine qua non para existir sobre as calizas da terra é existir sobre o cristal líquido da pantalla. Así aconteceu co Prestige, coas protestas pola guerra de Irak, co acelerador de partículas do CERN ata chegar ao governo de transición de Obama… e aquí, na internet, todas esas apariencias de realidade flotan con new yorkers, animacións chinesas, elena chernenko, portais nacionais de bhutan, rebelion.org, lotte reiniger, lectores malheridos, petites claudines, microsiervos, pornotubes, chuzas, persoas en prácticas, criaturas mecánicas, ciber pin-ups, turcos mecánicos, calidonias, haijins, levantadores de minas, foros de ubuntu, bellas varsovias, multas de luisgarcíamonteros, fotos do teu fillo, mensaxes da sonda mars phoenix en twitter e terabytes de documentos en creative commons.

Mentres outros ven a tele, somos moitos os que vivimos deste outro lado. Onde disque faise a compra, procúrase parella e se queda ben ante a modernez estando aquí. Cunha presenza espectral, inventada, conectada. Seica o mundo comezará en anos vindeiros a suceder por aquí? E a nova forma de sociabilidade redistribuirá as categorías sociais entre conectados e non-conectados [plugged e unplugged]? Que acontece cos que non acceden a este lado? Simplemente, non existen. Que conclúes se tecoleas Liberia e non aparece nada? Non existe.

Os que precisan colirio nos ollos e fisioterapia para malas posturas da columna xa somos lexión… Lexión de zombies.

5 pensamentos sobre “o telón de ceros

  1. Si que somos todos un pouco vítimas dese telón de ceros, Estíbaliz, e tamén un pouco zombies, pero este mundo virtual tamén ten o seu misterio, non? Fascinante esta bitácora, insisto. Bicos

  2. E este so é o comezo dunha gran aventura… Pero coidado! hai que manter o límite a fror de pel porque corremos o risco de caer nunha especie de matrix, e a min non me gustaría converterme en comida para alimentar máquinas.

    ¿quén será o elixido ou elixida? sempre, en todos os sistemas hai un.

    Apertas!

  3. Farrapos de gaita: grazas polo comentario. Si, sen dúbida, se estou aquí é polo misterio e a posibilidade. É un elemento moito menos obvio e cascado que a televisión aínda que case igual de saturado que a prensa, non? Pero menos marcado politicamente. Aínda está en fase de Proteo, internet. Aínda que supoño que sairá pronto dela.

    O dos zombies é con todo o cariño do mundo para eses desgraciadiños. Caso de que existan.

    Anónimo: elixido para ser comida para alimentar máquinas? Nunca pensara niso, pero xa que a tivo pode desenvolver un guión de novela ou cine con semellante idea.

    E de que se alimentará unha máquina? De carne de churrasco humana non creo. De cerebros? Niso serían como os zombies… novamente.

    Grazas polo comentario.

    Cristinha: Non o coñecía, non. Moitas grazas por mandarme o linkce darmo a coñecer. Despois de velo pregúntome se chegaremos a iso. A botar de menos ao noso Similo. Eu tiña un móbil, eu tiña un xoguete, eu tiña unha casa… dende logo, somos moi capaces de botar de menos as cousas inanimadas.

    Pregúntome se as persoas poderán ser lembradas como quen lembra un obxecto calquera.

    E se os obxectos serán lembrados como as persoas.

    Grazas por lembrarte un pouquiño de min. Sexa eu unha cousa animada, ou non…

Deixar un comentario