xaneira de izaskun

Leo saco de humos, de Izaskun Gracia [poeta que naceu en Bilbao e vive en Madrid, onde leva unha parte do peso da editorial de poesía Masmédula], premio de poesía Villa de Aranda e publicado por TELIRA. Lembro, polo título, de O pouso do fume de Dores Tembrás, aínda que a arquitectura lírica de ambas difira un pouco. Izaskun Gracia túmbanos nunha paisaxe desolada, anatómica, violenta. Inesperadamente sutil na súa violencia. Do saco de ósos que somos ao saco de fumes que quedamos. Desacougo e evanescencia.

A súa maneira de ordenar o texto na páxina ascende, coma o propio fume, e os versos longos ensortellan na parte superior da páxina deixando o seu hemisferio sur libre.
Libre. Reflexivo.
Pleno de abandono.
Gústame.
Traduzo tres dos textos do saco de humos:

a miúdo imaxínote morto tendido a piques de te afastar da túa alma e non son quen de atrapala
teño as mans pequenas e os brazos enredados ao corpo
e as pernas se me desfan no aire
qué inútil
qué rota a espiral da miña columna nunha bifidez insalvable
nesta asimetría innata
que me retorce

_____________________________________________

concíbote en sombras coma un tacto agochado
coma o silenzo tras a explosión de cárceres sementados baixo o embigo e o trafego doutras inundacións coma a raiba
cando non chega a tempo a salvación do desexo e os pecados verbalizan tocos e acorados
chamo por ti
malia que enferma esquecín o teu nome e animal á xaneira xa só podo seguir o teu rastro

________________________________________

agora sei que os recantos enchen de ríos cando escurece
que o silenzo é o que fica tras as palabras que se pronuncian e nos buracos que fan as nosas mans as agullas tecen entradas a outro mundo que deixar atrás
non me dan medo as pólas que baten nos gonzos senón o bafo do alento que se nos perde
ónde vai o aire cando nos bicamos
qué racha as sabas cando non nos encontramos
se á fin estamos sós e todo é o que nos perdonamos
de qué serve escorrentar as sombras

Izaskun Gracia, Saco de humos. Tradución de Estibaliz…Espinosa

 

clima

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: