«Non é común o proxecto emprendido por Estíbaliz. Non o é porque, de entre todas as voces da súa xeración, que disque tamén é a miña, non son quen de albiscar quen con maior persistencia e imaxinación deseñase un proxecto de escrita tan singular e ocorrente.»
«Non precisamos só imaxinación estética senón imaxinación política. Iso sábeo a poeta que en cada libro, incluído este que nace hoxe aquí, é quen de inventar o futuro.»
María do Cebreiro, presentación Curiosidade, decembro 2017
«…unha das poéticas máis orixinais e modernas da literatura galega.»
«Espinosa contempla o feito doloroso coas ferramentas da observación do contorno para poñer a vida humana en relación co resto de procesos naturais, químicos e sobre todo físicos e astronómicos.»
«O eu, vén dicirnos, non é máis ca unha pinga insignificante nun universo onde se producen acotío infindade de movementos, desde o das células ao dos planetas, que deixan as circunstancias humanas nunha posición relativamente insignificante.»
«isto ten moito mérito cando a autora se obriga a transitar por universos e palabras que talvez sexa ela a primeira en colocar no ámbito literario galego.»
César Lorenzo, crítica de …as neuronas irmás… en BiosBardia
«Estes libros demostran que se pode aprender ciencia a través da poesía e proban que a historia non está rifada co humor. […] os textos sosteñen respecto profundo por outras artes e cimentan con labazadas de coñecemento tecnolóxico a importancia da investigación.»




«Curiosidade constitúe unha edición coidada e exquisita que leva por onde quere ao lector cun xogo estupendo entre verso, prosa (poética) e ilustracións de Celsius Pictor. »
«A túa poesía resulta inconfundíbel e diferente; mais, á vez, insospeitábel e asustadiza.»
Clara Vidal, «As curiosidades irmás», crítica de …as neuronas irmás… e Curiosidade no magazine A que cheira, papá?
Curiosidade nasce de uma incessante procura e resposta desses muitos eus que nos habitam a todas e cada uma de nós; como seres vivos e post-mortem, como seres fossilizados, como humanas, como humanas desumanizadas, como seres que habitam e são habitadas, como seres que exploram o não habitado, como seres que respiram e são artificialmente respiradas, como mulheres, como mulheres que pensam, como mulheres mal pensadas, como mulheres que criam, como mulheres que mal-criaram, como mulheres que incubam, como mulheres que são incubadas; como mulheres convencionais, como mulheres que insistem. Que insistam naquilo que insistem em não ver.
Joana Magalhães, presentación de Curiosidade, Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, xuño de 2018
«Hai unha enerxía e unha luminosidade que se contaxian dende o primeiro momento e que ten que ver coa disposición da voz, das voces, que van tecendo unha sutil rede de complicidades»
«Celebremos este libro como unha vía de auga que abre novos camiños para os torrentes da nosa poesía máis actual. »
Manuel Forcadela, crítica de Curiosidade, en Tempos Novos
Tras máis de 20 anos publicando poesía e literatura en galego, e varios anos coa lupa tamén na comunicación da ciencia, na science poetry e noutras formas de hibridación poética; tras escribir con vocación e curiosidade dende os 6 anos; logo de ver os mecanismos dunha industria, a cultural, e non sempre estar dacordo con ela nin coas que se aproveitan dela, nin coas que eclipsan, acalan, ou cos que toman discursos alleos e maquíllanos como propios, teño claras moitas cousas do que me interesa artellar…
- na literatura [a perspectiva, a voz, o pensamento crítico e o escepticismo, a sagacidade mordaz, a singularidade do colectivo, a irmandade das letras e as estrelas]
- na ciencia [o criterio, a beleza da súa comunicación, o seu lirismo propio, a evidencia que mesmo poida trastocar ideoloxías, o coñecemento, a noite estrelecida baixo o cranio e sobre el]
- na vida [a independencia feroz -e riquiña-, o discurso insubornable, o exemplo dos actos e os principios nos que creo, a paixón de coñecer, mesturar, hibridar e cantar que me impulsan dende os 6 anos, os coidados en pugna coa «carreira literaria», a crítica a certa fama e ao que teño visto facer á xente por esa fama, os puntos suspensivos…].
Escribo porque sei. Do que quero saber. A curiosidade é sempre o punto de inflexión. Dar coa voz, o pensamento crítico e reivindicativo, a evidencia da palabra e a da ciencia.
E si: cobro polo meu traballo. Moitas grazas.
E…E