Sagan en galego

by Jocelyn Oudesluys, via Rational Poetry

Este é o comezo dunha das obras máis fascinantes da segunda metade do século no que case todos os que lean isto [hoxe] nacimos. Cosmos, de Carl Sagan, non está traducida ao galego. Non é novela, non é conto, non é ensaio nin poesía. Non é teatro, tampouco xornalismo, nin DOGA nin guía turística nin, dende logo, última novidade. Tan só unha obra esencial de divulgación, marabillosamente escrita e actual malia o tempo transcurrido. Máis nada.

Vouna traducindo aos poucos.

Velaquí o principio da súa Introdución:

Chegará un tempo no que unha fonda e prolongada investigación exporá á luz cousas que polo de agora xacen ocultas. Unha soa vida, mesmo unha dedicada por completo ao estudo do ceo, non abondaría para a investigación verbo dun tema tan amplo. . . De modo que este coñecemento revelarase tan só durante os anos vindeiros. Virá un tempo en que os nosos descendentes abraiarán de que non soubesemos cousas para eles tan claras. . . Agárdanlles moitos descubrimentos ás idades por vir, unha vez que a nosa memoria teña borrado. O noso universo sería un asunto ben limitado de non ofrecer algo no que investigar a cada unha das épocas. A natureza non revela os seus misterios dunha vez sen máis.

Séneca, Cuestións Naturais,
Libro 7, século I

Na Antigüidade, nos costumes e discursos cotiáns, os acontecementos máis básicos conectábanse cos acontecementos cósmicos máis grandes. Un exemplo delicioso é este meigallo contra o verme ao que os asirios do 1000 a. C. culpaban da dor de moas. Empeza coa orixe do universo e remata cunha cura para a dor de moas:

Logo de que Anu creara o ceo,
e o ceo creara a terra,
e a terra creara os ríos,
e os ríos crearan as canles,
e as canles crearan o lameiro,
e o lameiro creara o verme,
o verme presentou ante Shamash, chorando,
as súas bágoas fluíndo ante Ea:
Que me vas dar de comer,
Que me vas dar de beber’?
‘Dareiche figo seco
e albaricoque.’
‘De que me valen eses a min? O figo seco
e mais o albaricoque!
Sóbeme e entre os dentes
e nas enxivas permíteme habitar! . .
Xa que así dixeches, ouh verme,
que Ea che castigue co poder
da súa man!

(Meigallo para esconxurar a dor de moas.)

O tratamento: mesturarás cervexa de segundo grao. . . con aceite todo xunto; recitarás o esconxuro tres veces e deseguido poñerás a menciña no dente.

Os nosos antepasados devecían por entender o mundo, mais aínda non deran co método. Imaxinaban un universo pequeno, pintoresco, amañado, con forzas dominantes que eran deuses como Anu, Ea e Shamash. Naquel universo os humanos xogaban un papel, se ben non protagonista, si moi importante. Estabamos ligados intimamente ao resto da natureza. Ese tratamento da dor de moas con cervexa de segundo grao estaba vencellado aos misterios cosmolóxicos máis profundos.

Nos nosos días descubrimos un xeito poderoso e elegante para entender o universo: un método chamado ciencia; revelounos un universo tan antigo e tan vasto que os asuntos humanos, nunha primeira ollada, semellan de pouco peso. Fomos afastando do Cosmos. Seica pareceunos remoto e irrelevante canda as preocupacións cotiás. Mais a ciencia atopou non só que o universo posúe unha vertixinosa e extática grandeza, non só que é unha grandeza accesíbel á comprensión humana, senón tamén que somos, nun sentido real e profundo, unha parte daquel Cosmos, nacida del, cun noso destino fondamente conectado ao seu. Os aconteceres humanos máis básicos e triviais dependen do universo e as súas orixes. Este libro está dedicado á exploración desa perspectiva cósmica.

No verán e o outono de 1976 dedicábame, como membro do Equipo de Imaxe en Voo da Nave Viking xunta cen colegas científicos, á exploración do planeta Marte. Por primeira vez na historia humana aterráramos dous vehículos espaciais na superficie doutro mundo. Os resultados, descritos máis polo miúdo no Capítulo 5, foron espectaculares e a relevancia histórica da misión, ben clara para todos. E porén o público en xeral non sabía case nada destes fantásticos acontecementos. A prensa na súa meirande parte non lles prestaba atención; a televisión ignorou a misión case por completo. Cando pareceu claro que unha resposta definitiva sobre se había ou non vida en Marte non chegaría a curto prazo, o interese minguou aínda máis. A ambigüidade tolerábase o xusto. Cando atopamos que o ceo de Marte viña sendo unha especie de rosado-amarelo máis que o azul adxudicado equivocadamente nun principio, o anuncio recibiuse cun coro de ben mantidos apupos por parte dos xornalistas alí reunidos: pretendían que, mesmo nese detalle, Marte fose coma a Terra. Crían que os seus lectores perderían paulatinamente o interese por Marte en tanto se parecese cada vez menos á Terra. E sen embargo as paisaxes de Marte son abraiantes e as vistas, impoñentes. Eu sabía positivamente por experiencia que había un interese global pola exploración dos planetas e por outros temas científicos vencellados a ela: a orixe de vida, a Terra e o Cosmos, a procura de intelixencia extraterrestre, a nosa conexión co universo. E estaba seguro de que podía estimular ese interese a través do medio de comunicación máis poderoso: a televisión. […]

Estíbaliz…Espinosa, 2012

3 pensamentos sobre “Sagan en galego

Deixar un comentario