Sagan en galego {2}

A seguir, o principio do primeiro capítulo de Cosmos, de Carl Sagan, froito literario da serie de televisión dos anos 80.

A primeira poesía que escoitei na vida foi esta, dobrada coa voz de José María del Río. Culpa non teño.

6a0105371bb32c970b0148c7f2406c970c-750wi-500x491

Trad. a galego E…E. Río 
CAPÍTULO 1

As beiras do océano cósmico

Os primeiros homes creados e formados foron o Bruxo da Risa Fatal, o Bruxo da Noite, O Desleixado e o Bruxo Negro. Dotóuselles de intelixencia e axiña lograron coñecer todo canto no mundo hai. Abondáballes cunha ollada para ver ao instante todo o que os rodeaba e contemplaban sucesivamente o arco do ceo e o rostro redondo da terra… [Daquela o Creador exclamou]: Moito saben… que imos facer con eles? Que a súa vista alcance só o que teñen preto; deixémoslles ver tan só un cachiño do rostro da terra. Non son por natureza simples criaturas feitas por nós? Logo van ser deuses, tamén?

Popol Vuh dos Maias Quichés

Abarcaches a grandeza da terra? Por onde se vai á morada da luz, e por onde ás tebras?

Libro de Xob

Non debo procurar a miña dignidade no espazo, senón no goberno do meu pensamento. Non terei máis por moitos mundos que posúa. Polo espazo, o universo rodéame e trágame como a un átomo; pero polo pensamento, eu abrazo o mundo.

Blaise Pascal, Pensamentos

O coñecemento é finito; o descoñecido, infinito. Intelectualmente, ficamos nun illote no medio dun ilimitado océano de cousas sen explicar. O noso cometido en cada xeración consiste en recobrar un pouco máis de terra.

T. H. Huxley, 1887

O Cosmos é todo canto é, foi e será algunha vez. Mesmo as máis febles contemplacións do Cosmos conmóvennos: un calafrío na espiña dorsal, un se crebar da voz, unha leve sensación, como unha memoria remota, ou a de caer dende o alto. Sabemos que nos achegamos ao máis grande dos misterios.

O tamaño e a idade do Cosmos están alén da comprensión ordinaria do ser humano. Perdido nalgures, entre a inmensidade e a eternidade, atópase o noso diminuto fogar planetario. Dende unha perspectiva cósmica, a meirande parte dos asuntos humanos semellan insignificantes, mesmo mesquiños. E, con todo, a nosa especie é nova e curiosa e afouta e parece prometer moito. Nos últimos poucos milenios fixemos os máis abraiantes e inesperados descubrimentos sobre o Cosmos e o noso lugar dentro del, exploracións cuxa soa consideración resulta estimulante. Lémbrannos que os homes evoluíron para se marabillaren, que a comprensión é un gozo, que o coñecemento é un requisito para sobrevivir. Coido que o noso futuro depende do ben que coñezamos este Cosmos no que flotamos como unha voaxa de po no ceo da mañá.

Esas exploracións esixiron tanto escepticismo como imaxinación. A imaxinación a miúdo levaranos a mundos nos que xamais estivemos. Pero sen ela, non iremos ningures. O escepticismo permítenos distinguir o fantástico do real, poñer a proba as nosas especulacións. A riqueza do Cosmos non ten medida: en feitos elegantes, en exquisitas interrelacións, na sutil maquinaria do asombro.

A superficie da Terra son as beiras do océano cósmico. Dela aprendemos a meirande parte do que sabemos. Hai pouco adentrámonos un chisco no mar, abondo para nos humedecer as dedas ou, como moito, mollar os nocelos. A auga semella tentadora. O oceáno chama. Algunha parte do noso ser sabe que é de aí de onde vimos. Devecemos por regresar. Estas aspiracións non son, creo, irreverentes, aínda que poidan desgustar aos deuses, sexan quen for.

As dimensións do Cosmos son tan enormes que usar as familiares unidades de distancia como metros ou millas, escollidas pola súa utilidade na Terra, non tería sentido ningún. En vez diso, medimos distancia coa velocidade da luz. Nun segundo un raio de luz viaxa 186.000 millas, case 300.000 quilómetros ou sete voltas arredor da terra. En oito minutos viaxará dende o Sol até a Terra. Podemos dicir que o Sol está a oito minutos-luz de distancia. Nun ano, cruza case dez billóns de quilómetros, uns seis billóns de millas, de espazo intermedio. Esa unidade de lonxitude, a distancia que a luz percorre nun ano, recibe o nome de ano-luz. Non mide tempo senón distancias, distancias enormes.

A Terra é un lugar. Mais non é en absoluto o único lugar. Non é sequera un lugar normal. Ningún planeta, estrela ou galaxia pode ser normal, dado que a meirande parte do Cosmos está baleiro. O único lugar normal é o vasto, frío e universal baleiro, a noite perpetua do espazo intergaláctico, un lugar tan estraño e desolado que, en comparación, os planetas, estrelas e galaxias semellan dolorosamente raras e afables. Se nos ceibaran ao azar no Cosmos, a posibilidade de que nos atopásemos a nós mesmos ou preto dun planeta sería menor que un entre mil millóns de billóns de billóns (1033, un un seguido de 33 ceros). Na vida cotiá unha probabilidade así é practicamente nula. Os mundos son preciosos.

Dende unha perspectiva intergaláctica veriamos, esparexidos como escuma de mar nas ondas do espazo, un grande número de gromos de luz, febles e tenues. Son as galaxias. Algunhas son viaxeiras solitarias; a maioría viven en cúmulos comúns, todas arremuiñadas, na deriva sen fin da grande escuridade cósmica. Ante nós está o Cosmos na máis grande escala que coñecemos. Achámonos no reino das nebulosas, a oito mil millóns de anos luz da Terra, a medio camiño da beira do universo coñecido.

Unha galaxia compónse de gas e po e estrelas miles de millóns de estrelas. Cada estrela pode ser un sol para alguén. Dentro dunha galaxia hai estrelas e mundos e, se cadra, unha proliferación de cousas vivas e seres intelixentes e de civilizacións que sucan o espacio. Mais dende o lonxe, unha galaxia lémbrame máis a unha colección de obxectos preciosos recolleitos: cunchas mariñas, seica, ou corais, os produtos da natureza no seu incesante labor durante eons no océano cósmico. […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s