Hopper, unicornia do código na ciencia da computación

Nesa curiosa historia da computación -cómo darlle ordes a unha máquina para que faga algo soa, esa cibernética ou «arte do temoneiro» que carimbou Norbert Wiener-, Ada Lovelace é luminosa e inaugural. Sabemos, si. Pero ás veces parece que queda como ese cromosoma «XX» de figura romántica -filla de quen era: Lord Byron, aínda que sen relación con el- que axuda a alumear unha nova linguaxe e logo fica á marxe, vendo como o desenvolvemento desa linguaxe no século XX xa é cousa de cromosomas «XY». Unha nai nutricia dunha prole de homes.

Pero non. Ou non só. Outra «XX» do século XX tivo moito que dicir ao respecto desa nova maneira de dirixirse ás máquinas e, máis que dicilo, tivo a ben codificalo. Grace Hopper, alcumada Amazing grace [how sweet the sound that saved a wretch like me], quen facía gala dunha retranca liberada e descodificada, como queda patente neste fragmento dun discurso seu, que traduzo ás présas:

«Volvín cando menos medio tolas a moitas persoas. Despois de todo, insistir en falarlles aos ordenadores en inglés simple e chan era unha idea ridícula de todo e non se podía facer. A cousa é que funcionou.»

«I’ve driven a large number of people at least partially nuts. After all, insisting on talking to computers in plain English was a totally ridiculous idea, and you couldn’t do that. Except it worked.»

A páxina FiveThirtyEight na serie Signals acaba de sacar á luz este vídeo sobre a súa figura e as súas achegas ao desenvolvemento da linguaxe COBOL ou o primeiro computador, Harvard Mark 1. O título é «The Queen of Code», a Raíña do código, e está dirixido por Gillian Jacobs.

O vídeo non só resulta interesante como documento histórico, tamén como perspectiva sobre feminismo: polo visto, malia ser unha muller-ariete, Amazing Grace non pensaba que as mulleres precisasen máis que traballar moito para seren recoñecidas; no documental dinse cousas como que se ben era sarcástica e fumaba como un carreteiro, tamén era fermosa e encantadora, a «Nai da computación», unha especie de «Mamá» de Futurama, pero con máis zucre que vinagre….

É certo que moitas mulleres excepcionais nos seus campos de traballo -eminentemente masculinos- até hai pouco non consideraban precisas medidas específicas para cobadearse con máis mulleres. Apenas traballo e esforzo. Lamentablemente, de rasparmos un pouco nas cifras de educación e preparación de moitas mulleres e os graos adquiridos nos seus traballos desempeñados anos despois, o descadre existe. Existe obscena e claramente. Como di unha moza no inicio do vídeo: «Era habitual o chiste de que as mulleres na computación sonche como os unicornios: non existen».

Pasou o tempo sobre opinións como esa de Grace Hopper e os estudos sobre desigualdade de xénero en certos campos, a invisibilización das achegas femininas e a súa inaccesibilidade a perfís específicos, non lles puideron dar a razón.

Traballo e esforzo? Sen dúbida. pero non abonda, Hopper, descúlpame o maternalismo disto que che vou dicir e bótame unha bocanada de fume se queres ou dáme a control+alt+suprimir: o mundo das relacións entre homes e mulleres é tamén unha linguaxe codificada que cómpre ir resolvendo para facilitarmos a convivencia e as enerxías de todas.

Ti mesma, de non ser por outra muller que dirixe este vídeo, tampouco serías tan lembrada na historia da computación.

O Grace Hopper Celebration of Women in Technology é un encontro anual de mulleres que traballan en diversas áreas da tecnoloxía. Está financiado polo instituto Anita Borg e patrocinado por numerosas entidades do eido da programación.

Spectacular-altered-books-by-Canadian-artist-Rachael-Ashe-1
Un dos fabulosos «libros alterados» da artista canadiana Rachael Ashe

One thought on “Hopper, unicornia do código na ciencia da computación

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: