papuxas e mapas estelares

Cal é a mellor maneira de emigrar quilómetros e máis quilómetros atravesando fragas, serras, ríos, deltas, estreitos con barrancos onde agardan apostados centos de depredadores e chegar seguro á caloriña do sur?

Moitas aves téñeno claro: viaxando de noite. Elas non dan de fronte con aramiados que lles pechen o paso, nin gases lacrimóxenos, nin políticas de refuxiados… Contan con refuxios de inverno pero, para chegar a eles, tamén cómpre sortear perigos e artellar astucias. Á plena luz do día, as ganas de papalos séntense no aire. Pero cando menos non teñen ás súas semellantes -aves non depredadoras- cortándolles as ás, e iso xa é algo.

A finais do pasado ano coñecín unhas aves [nunca fomos presentadas formalmente] a través da tradución, esa creadora de sagas lingüísticas, idas e vindas. Tiven a sorte de traducir uns documentais para o Planetario da Coruña, entre eles unha produción propia sobre aves e ceo, dirixida por Marcos Pérez Maldonado e co título de Nas ás da noite. Entre outras moitas bandadas, de grúas, papamerdas ou flamengos, revoaban uns pequenos paxariños de non máis de 12 gramos que gardan no seu cranio unha cartografía estelar completa.

A sua familia coñécese co nome de papuxas en galego [igual que aquel mítico furancho de Ribadavia ao que lembro ir cos compañeiros dun grupo de teatro, hai moitos anos, cando vivía o dono, alcumado Papuxa]; currucas, en castelán; fauvettes, para Messiaen e Louise Labé;  warblers para Robin Hood ou Noam Chomsky. E Славка-завирушка [slavka zavirushka, máis ou menos] para Tarkovski ou Tsvietáeva.

Non vou contar toda a súa historia, que supoño lle prestaría a Olivier Messiaen, aquel compositor sinestésico que adoraba paxaros e estrelas. Estará na programación do Planetario nos vindeiros meses, en galego e en castelán, se clicades aquí vedes máis.

Iso si, non me resisto a deixar aquí un fragmentiño do guión, do ornitólogo Antonio Sandoval:

«Estes experimentos revelaron que durante os seus primeiros meses de vida estas aves crean no seu pequeno cerebro un mapa do ceo que lles axudará a atopar o rumbo nas migracións anuais.

Para iso aprenden a recoñecer os patróns de estrelas que se atopan preto da Estrela Polar, a zona do ceo que máis lentamente xira sobre nós. Os humanos recorremos á mitoloxía para lembrar o sinuoso vieiro da cola dun dragón ou o trono da raíña Casiopea. Pero o que imaxinan as papuxas, ninguén o sabe.

A meirande parte das aves prefire viaxar durante o día. Pero tamén elas practican dalgún modo a navegación astronómica.

A medida que se achega o outono os amenceres e atardeceres desprázanse cara ao Sur, o Sol segue unha traxectoria máis baixa e os días fanse cada vez máis curtos. Para estas viaxeiras diúrnas é o Sol quen sinala cándo e cara a ónde deben voar.

Canto máis aprendemos sobre as viaxes das aves, máis nos abraiamos dos mecanismos que a evolución lles forneceu para se orientaren.»

Nas ás da noite, Planetario da Coruña

Tradución a galego de Estíbaliz Espinosa

Papuxa dos pantanos
Os desta foto non son papuxas, senón corvos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: