En outubro do ano 2001 a Agrupación Alexandre Bóveda organizou unha exposición de fotografías de mulleres afganas. Un total de 25 imaxes baixadas de internet, que irían acompañadas de 25 textos de escritoras, poetas e xornalistas.
Non teño xa a imaxe que me mandaran a min para escribir o poema. Sei que a muller que aparecía nela -o seu burka- era azul. Azul lapislázuli nun país rico en lapislázuli.
Gardei ese texto todos estes anos porque para min foi un poema chave, malia que nunca se integrou en colección de poemas ningunha. Pasaron 15 anos. As mulleres seguen con burkas azuis e sendo sometidas, por exemplo, a exames médicos para comprobar se son virxes ou adúlteras. Supoño que recollen cascallos de bombardeos, de atentados suicidas, que recortan as barbas dos talibáns …
Non podemos ter unha mentalidade paternalista -ou maternal- sobre todo iso, non podemos crernos autoridades morais porque iso é altamente perigoso. Unha forma estilizada de postcolonialismo. Mais tampouco podemos obviar que se están conculcando dereitos fundamentais, de mulleres e homes. A inxerencia é perigosa e sempre debe ser modulada con xeito. Naquel poema, quixen dar unha ollada na que non houbese demasiada inxerencia. Demasiada autoridade moral. Pero tampouco finxir que non pasa nada, que unha muller encerrada en vida pasa por nós sen afectarnos.
O resultado foi un dos primeiros poemas que escribín «aparentemente fríos», mecánicos.
AFGANA
sábado, 20 de outubro
o sol sae ás 6:23 horas
nos contos a fermosa sempre é unha princesa disfrazada que recobra a súa forma cando se pón o sol
unha estalactita está a piques de alcanzar unha estalagmita
o núcleo do sol supera os 15 millóns de graos centígrados
un neno aprende a debuxar o “o”
expira un escaravello, nace unha leoa
a terra está formada por numerosas placas cuxas marxes están activas
agroma un trevo de catro follas nun bosque de Catai
nos contos a fermosa sempre é unha princesa disfrazada que recobra a súa forma cando se pón o sol
alguén fuma e se veste e asubía Under my skin
a australopithecus Lucy séntese hoxe un pouco deprimida
nos abismos as algas fornécense de pigmentos específicos para realizaren a fotosíntese
xorde a arte figurativa
alguén destrúe algo
alguén reconstruirao máis tarde
premian unha película de baixo presuposto
nos contos a fermosa sempre é unha princesa disfrazada que recobra a súa forma cando se pón o sol
por un patio soa La mer
Aladino verte aceite nunha lámpada de latón
a estrela Izar, na constelación de Bootes ( O Boieiro) extínguese
un golpe de vento desenterra unha osatura de mamute
alguén chama por teléfono cando ti non estás
a moa do emperador Carlos vai hoxe máis rabuda ca nunca
unha forte borrasca con fronte fría en Ucraína
crece o lapislázuli baixo os seus pés
un home descoñecido di “é hora de ir acendendo a luz”
os cans proveñen dos lobos
nos contos a fermosa sempre é unha princesa disfrazada que recobra a súa forma cando se pón o sol
a muralla china non é visible dende o cráter Gassendi e o lacus somniorum
quen esqueceu comprar o té?
hai outros mundos, pero están neste
hoxe o ministro non se pronunciará ao respecto
o sol ponse
o sol ponse agora
Estíbaliz Espinosa, 2001