Soñan os unicornios eléctricos con androides?

Hoxe soñei cun deles. Un deses animais. Os amigos das virxes, que trascenden toda sexualidade coma bos hermafroditas. Os unicornios brancos dos tapices, das doncelas con espello de prata, dos gravados, das películas de ciencia-ficción. Un deses. A cousa ten un punto simbólico-hortera que non deixa de fascinarme. Son unha replicante, damas, cabaleiros? Con que soñan os que non existen? E os programados para non soñar? E dos que nada sabemos? Soñan as moscas, soña Segismundo, soña o teu gato, soña o veciño que nunca dorme…

E soñar, soñaba o señor Freud con todas as súas pacientes de orgasmos infantís…

Sobrevaloramos os soños. Os soños ganchillan lembranzas: esa pasaxe da túa infancia na que pensas agora, si, ti…foi soño ou real? Os soños gozan do absurdo primordial. Non son sempre significativos. Non sempre revelan algo de nós. Nin sequera nos pertencen por enteiro: todos soñamos que caemos nun abismo, que se nos caen os dentes, que voamos…Unha nebulosa común á especie humana soña por nós certas teimas raíz.

Sen embargo hai soños enteiramente nosos. Seguro. Enorgullécenos sentirnos un pouco donos desa rexión do universo que ocupa o noso cerebro. Di Greenspan, do Instituto de Neurociencias de San Diego, que existe unha especie de explosión de coherencia no cerebro da mosca, similar a iso que chamamos pensamento, ante un estímulo visual, por exemplo. E que durante a noite, a mosca, cos seus ollos de mosca imposibles de pechar, atópase nun estado semellante ao do soño profundo, con conexións neuronais ailladas pero sen a coherencia da vixilia. Haberá tearañas no seu soño? Insecticidas? Soñará que ten aletas e nada nun mar de corais?

Ou soñará que se lle caen os dentes e viaxa nun ascensor do que non pode saír? Ou soñará os soños do Iván de Tarkovski?

Hai tempo que sei que a arte ten máis que ver coa ciencia que con subvencións estatais a artistas supostamente subversivos. Claro que falar de Arte é repulsivo xa de por si. Intenta dar un aire de protección divina (entendemos a Arte. Estamos a salvo!). Eu falaba das moscas, dos soños e dos unicornios mecánicos. Pero os blogs, coma os soños, canto máis breves e inconexos…

To sleep, perchance to dream…

Como dicían na Clave (o mítico programa dos 80): PARA CUALQUIER PREGUNTA SOBRE EL TEMA…recomendo o gurú-chamán con pinta de charlatán de feira decimonónica, Stanley Krippner, Conciousness Researcher (marabillosa profesión): www.inacs.org/events/krippner.htm

e todos os institutos norteamericanos e europeos de neurociencia. Pero ollo… e a neurociencia xaponesa, mongola, quechua ou mandinga? Terá perspectivas diferentes sobre o onirismo? Sobre os procesos de arquivo e entendemento humanos? Asimilamos igual o mundo?

http://www.neuro.uoregon.edu/

http://www.utexas.edu/neuroscience/

http://www.jnss.org/

BSO para un soño: Comfortably numb (Pink Floyd); Come to me (Björk); Lacrimosa (Requiem de Mozart); Preludio á sesta dun fauno (Debussy); e calquera cousa de Daniel Elfman (compositor das BSO de pelis de Tim Burton) e do mago Maurice Ravel

a obra da fotografía pertence á artista Marina Núñez


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s