Made in China

Recollo do chan do que nuncapubliqueino2004 (e que levaba por nome Soñeime antes nesta escena) 3 fragmentos dun artigo acerca do madeinchinismo (fascinación e ubicuidade do Made in China), un espello desa nacionalidade (destes pequenos, redondos, de maquillaxe, para levar no bolso) e que enlaza coa nenez e cun concepto do que quero falar no seguinte post: a neotenia.

Se é que obrigas con hormonas e con novos dispositivos mecánicos así mo permiten, claro.

Velaí o artigo, digresión anormal, meandro inútil, vaga disertación, luxo vertebrado ou veleidade lingüística de criatura que ansía ser humana:

Made in China, pero para velo tiñas que darlle a volta.
Ao espello.
Porque eu levo un pedazo falando dun espello. Non sei qué maxia mutilada obra na escrita, que só recolle a partir dun certo momento unha fala longa coma unha vida. Non sei qué ten todo isto que só conta as cousas de certo xeito cunha remota analoxía á verdade.

Pero dicir a verdade é cousa de tan mal gusto.

Debe de ser por iso que os humanos nacemos estetas. E veneramos o bo gusto, ante todo.

E os espellos.

Eu tiña un diminuto espello que perdín nun entroido en Ourense, disfrazada de Lobo-disfrazado-de-Carapuchiña.

Cheguei a chorar por ese espelliño, espelliño máxico. Chameino cunha deliciosa palabra castelá imposible de traducir, “espejuelo”. Palabra que me arrastra nunha especie de ciclón laminado cara os contos de Antoñita la Fantástica e o colexio de monxas, ou xitanas con coquetos dedos sucios. Espejuelo, espejuelo. Non respondeu.

Nunca a obscenidade da precisión cristalizou de modo máis homoxéneo que no Dicionario. E o Dicionario revélame que “espejuelo” xamais significou o que eu pensei. Péchoo, fascinada.

Tanto ten. O meu espello xoga agora cun rostro que non é o meu, perdido tralos antifaces e confetis de Ourense. Ou quizais ninguén o abriu desde que o extraviei, e atesoura o derradeiro rostro que mirou –o da Carapuchiña pintando os beizos -. Quero pensar que, tras tantos anos sendo eu a única alí dentro, alomenos gardarame unha superficial fidelidade, como lle cómpre a un espello que leva toda unha vida espellando un único rostro.

Superficie rozando superficie.

Galano dalgún cumpreanos da infancia, cando as cousas Made in China revelábannos un mundo ancho e liso de espello de xeo. Nunca houbo merda tan rutilante coma a china para un neno: a comida china, o plástico chino, os bazares chinos, os contos chinos…

(As mil e unha noites eran a voluptuosidade e a noite recortada contra un mirador de estrelas. Os contos rusos eran os pasos na neve e a brutalidade. Os contos de sempre eran as tres irmás. E os contos chinos eran os palacios de xade, as princesas de laca e os engados).

…a trapallada china.

¿E o espelliño?

O espelliño perdeuse no tempo, como tantas células miñas, coma os meus dentes de leite, as guedellas de princesa, os amores sucios e cubertos pola neve.

Xa o dixen: eu creo que teño dereito a ser nena toda a vida. Coma un espello, repítome para dar fe de min mesma. Os teóricos da comunicación chámanlle redundancia. Os poetas soltan a esdrúxula consabida. Anáfora. Para min a repetición é o xeito de estar sobre o mundo. A copia da copia. E a copia é a abundancia. E a abundancia, señores teóricos, señores poetas, é a vida.

Ou mellor dito, o espellismo da vida.

A xogos tales condúcenos a reflexión.

E sobre todas as cousas, o Imperio dos Sentidos. Cando perder un espelliño redondo, de cursi e primoroso motivo floral, redondo e vermello coma vísceras e mapoulas… cando perder un espelliño some na épica tristeza dun reino empañado a quen o perde. Cando botar o alento sobre a neve non nos devolve a nosa imaxe.

Sobre todo para quen a neve non é máis ca un dispositivo da beleza. Un ser que adormece nas páxinas escritas, nos poemas dignos de tal nome i en certas películas de insoportable fermosura.

Cando botar o alento sobre as nosas mans tampouco nos devolve ao mundo para ser de novo

NENOS

Emperadores dos Sentidos.
Caprichos fugaces.
Nenas tiranas e malhumoradas que olen a talco e a ouriños.
Donos de todas as súas imaxes, ata que o espesor do mundo os alcanza e os converte en servos.
A mistificación sensual, kitsch e sofisticada que opera nas infancias e nos productos chinos.
¿Idealizo a infancia?
¡Como se pode idealizar o que é i é sen volta de folla!

A glacialidade é o atributo da nenez. A distancia de espello coa que o observamos todo. En francés -ese idioma xenital que semella enfatizalo todo cun aire indolente- la glace é tanto o espello coma o xelado. Dúas entidades do mundo creado que conteñen a pureza da infancia, coma o interior virxe dunha esfera de cristal que neva copiosamente cando a volteamos.

O espello é a extensión principal do cerebro dun neno.
O xelado é a extensión principal da súa sexualidade.

Seguro que a primeira vez que unha crianza esquimó fai un buraco redondo no xeo para proveerse de peixe –seguirán a facelo?- o primeiro co que abraia é co seu rostro.

Cremos que temos dereito a ser nenos toda a vida.

(…)

Vendo fotos dos anos 30 e 40 un percibe que, naquela altura, os nenos vestían e adoptaban poses de homes e as nenas, de mulleres. Un mozo de 22 anos era, seguramente, un señor con gafas. Os pícaros da rúa apoiábanse con desidia no fondo da foto e fumaban descaradamente, pero aquilo non era máis ca unha paréntese que non mitigaba a súa presteza inmediata para empuñar unha arma, unha idea política, un discurso teórico.

En tempos bélicos, a infancia non existe.
Vale dicir, a infancia nunca existiu.

É na época de paz –mesmo que sexa unha paz puta e disfrazada-, que os mozos de 22 anos apóianse con indolencia no fondo da foto do catálogo de Versace, por exemplo, e devoran xelados cun desexo interminable que me atravesa, lámbeme os peitos, e chega tamén ata ti.

En tempos acristalados, a infancia dura ata que a persoa perde a capacidade de pegar o nariz no cristal e mirar cuán grande, indiferente e prodixioso é o universo.
Vale dicir, a infancia dura ata que un se fai funcionario.

Os nenos ricos sempre fomos nenos.
Mesmo os nenos pseudo-ricos, é dicir, os pobres de orixe rica. Hai un xeito de ollar que non se perde, e que só o proporcionan a opulencia, o bazar.
Toda a callosidade dos nenos que non son nenos, os nenos de favelas, de guerras africanas, de vertedoiros, de hospitais, de iglús, de orfanatos… seméllanos dunha fascinante cortiza. I en realidade somos nós os nenos acortizados que miramos o mundo desde o interior dunha nave unipersonal botada á deriva do espacio, cun cristal panorámico ao que fican pegadas as inmundicias do mundo: o sangue, o lixo, o seme de balea, os seres primordiais dunha célula ansiando como ventosas multiplicarse e bendecirse pola vida…

É nosa a callosidade que nos envolve, aínda que prefiramos dicir crisálida, ou lágrima, ou burbulla de Coca-Cola…

Pertrechados contra o que chaman inmundicia.
Contra o mundo.

Tanto é así que a asepsia constitúe a principal enfermidade dos super-nenos e nenas occidentais. O exceso de hixiene é posible causa dos estragos de alerxias, virus dixestivos, herpes zóster e demais patoloxías esotéricas. Estamos limpos como diamantes. E, como diamantes, buscamos a emoción, a víscera, a besta rabiosa da que ser carlanca, o pescozo tépedo que morder coa delectación que produce en nós o perdido. Estamos enfermos coma diamantes puros.

(…)

Pero estes son os vellos trucos lingüísticos dos poetas, que anaforizan, e repiten e tiran da súa chisteira unha chisteira maior.

Sigo falando do meu espelliño Made in China.

Négome a comer ata que a vida mo devolva.”

BSO: China Girl, David Bowie ; BSO de El último emperador, Ryuichi Sakamoto

Datos de interese: Négome a ser rebelde, transgresora e orixinal. Son copia e plaxio e hormonas alborotadas que dictan a miña conciencia. Tampouco son intelixente nin fermosa e fartei de facer xogos de palabras constantemente utilizando parénteses e dobres sentidos para amosar o meu enxeño e as miñas referencias culturais. Négome a ser coolta.

Non estou na era na que me tocou vivir.

Pero agora vén a época estival. A miña preferida por tantas razóns que elixo non contar…

Porque o inverno, máis que unha época, é unha épica. Último xogo de palabras.

Neste puro instante, son hermafrodita. Pasen e vexan, feirantes, morbosos, amantes do feminino, a oxiva perfecta e a arquitectura orgánica. O espazo perfecto e a sexualidade perfecta.

Non quero saber cándo é lúa chea

“O seu corazón latexa máis depresa que antes do embarazo: uns 12 latexos máis cada minuto. A súa masa sanguínea aumentada circula máis axiña e uns 185 mililitros do seu sangue atravesan a placenta cada minuto” Marie-Claude Delahaye

“Algunos estudios demostraron que incluso a los recién nacidos les gusta mirar los rostros bonitos, que tienden a ser simétricos, pero sólo en el caso de personas que nunca antes vieron. Pero, sobre todo, prefieren mirar los rostros de sus padres y de conocidos a las imágenes de abstracciones” Nancy Etcoff



Créditos das imaxes: 1.- Foto tomada por Pequeña Esquimal. O espello que aparece non é do que falo no texto 2.- Foto de Noemí Cubillo, ser que tiven o privilexio de coñecer nunha relación desigual e que ten a sensibilidade fotográfica dunha película ISO 3200

One thought on “Made in China

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s