Pharmakopea

Hoxe que cortei un dedo e puxen nel unha tirita Cosmos, escribo que:

Os nomes dos productos farmacéuticos seducen.

Ao igual que os das súas avoas e tataravoas, as plantas con poderes curativos ou pseudomáxicos da antigüidade. A velenosa beladona, que as mulleres italianas utilizaban para dilatar as pupilas, sinónimo de beleza, predisposición, excitación; o beleño, que con ese nome xa nos fai levar a man á garganta; a ruda, clásica abortiva [ao igual có inofensivo pirixil que realiza tranquilo a súa fotosíntese na encimeira dunha cociña].

O nome binomial da beladona é atropa belladona. Atropa, derivado de átropos, unha das 3 Parcas [Moiras] que fiaban na súa roca o destino dos humanos: Cloto [de onde vén clothes], Láquesis [de onde non vén nada] e Atropos [a que corta o fío: a que mata. De onde vén a atropina, potente droga paralizadora e activo en plantas como a belladona]. A pouco que rañemos sobre calquera superficie humana sae esa costra mitolóxica coa que nos cicatrizamos a ferida de non saber moi ben de que vai todo isto.

Trasladándonos aos modernos campos silvestres e cunetas de camiño que son as farmacias [pharmakon é droga; en inglés drugstore é farmacia. Vieiros de ida e de volta dun mesmo vocábulo] podemos atopar, por exemplo, unha marca de apósitos Cosmos. Tamén existe unha empresa de cementos Cosmos. Hoxe manquei nun dedo. Peguei unha cosmos, ben apertada, contra el. Non sentín nada importante. O dedo escocía un pouco.

Nas vitrinas e caixóns estilo nicho das farmacias algunha vez avistarán nomes de marcas tan suxestivas como…

polaramine: un antihistamínico. Supoño que a palabra é un palabro que mestura pole e histamínico. No noso mundo alérxico, adivíñoo poboando os petos de moitos abrigos e bolsos. Temos alerxia a nós mesmos de tanto limpar canto nos rodea. Matamos a nosa simbiose natural coas bacterias. Elas non estornudan. Nós si. E poñémonos ronchas.

silvederma: sempre na cociña. Ungüento miraculoso que salva a pel das queimaduras. A base de prata, de aí o nome da marca. A prata, coma nun conto medieval, conxura o lume. Sen embargo unha vez vin na tele a unha muller da cor do cemento fresco: tomaba prata. Sería unha ironía se chamara Silveria. Pensei nela coma nunha placa fotográfica vivinte. Talvez, coas emulsións precisas, se podería imprimir unha paisaxe nela. Un retrato. Un collage. Unha polaroid.

atarax: unha amiga tomaba atarax. Había varias escolas gregas de pensamento que perseguían iso, a ataraxia. Unha especie de perfección cun verniz glacial: nada me afecta. Nin a gloria. Nin a derrota. Nin as pequenas miserias e goces humanos de cada día.

a mítica aspirina: orixinalmente aspirábase? Prefíroa efervescente.

diane 35: odio a píldora. Pero esta tiña un nome curioso, como de muller francesa que se anuncia nos clasificados

emulsión de Scott: cunha delicada ilustración dun enorme bacallau case mitolóxico a lombos dun pescador probabelmente escocés, esta nutritiva emulsión nutriu de pesadelos na infancia ao ser co que durmo. Por suposto. Era aceite de fígado de bacallau.

leite de magnesia: non me pregunten cómo se muxe unha magnesia. Tampouco sei moi ben para qué serve. Coido que Gúgel sábeo.

haloperidol: esa droga legal monstruosa. Bloquea a dopamina. Distingo aos tratados con haloperidol por un triste e antigo vínculo a ela. Todos tremen. Todos cuartean a pel como cinza. Todos teñen os labios resecos. Con tics. Todos parecen reconcentrarse en pensar algo que non poden pensar. E todos perden memoria. Exaltación. Riso. Atención. Gañas. A san obsesión nas cousas que lles gustan. A san obsesión nos seres que aman. O resplandor intelectual. O esplendor na herba. O tacto cálido. Todos perden ás súas irmás. Nun halo ou círculo do que non saen nunca, por máis que se lles chama. E se lles chama.

tranquimazín: con ese nome de pitagorín da calma e os nervios como cintas de raso, o tranquimazín vai escoltado por toda a gamma de ansiolíticos, antidepresivos, neurolépticos… que son o pan para tanta crise de identidade, ansias, nervios e sentidos.

Sen embargo, do fío destes dous últimos preparados alquímicos pendura unha pregunta: realmente hai tanto ansioso? Ou serán os profesionais, que non queren romperse a cabeza e diagnostican o fácil e de moda? Por que se queixan de que os vulgares mortais se autoadministren drogas e pastillas? Véndoos a eles, diagnosticar semella tan sinxelo… Porque tipos como House, que celebran o que cae fóra da campá de Gauss, o raro, o insólito… eses son ficción, claro. A meirande parte diagnostica o que quere. Nin sequera iso. A meirande parte diagnostica o que lle parece máis in para a súa profesión de merda. É dicir, que está dictaminado por forzas tan abstractas como a casa farmacéutica que lles custea unha viaxe ao País das Jineteras, a moda, recentes descubrimentos da Muy Interesante ou cántos clientes lle faltan para ser socio do clube de golf.

E si, poden relelo: dixen profesión de merda. Sobre todo certas especialidades que xogan con elementos moi delicados da especie humana, como a psiquiatría ou a xinecoloxía. Pero iso é tema doutro post.

Neste só quixen enfatizar sobre a fascinación e variedade da farmacopea legal [a ilegal sería tema doutro post], que cura e mata á vez. A nosa mellor aliada cando morren gatos, esposas ou tratados con firmas multinacionais. A cativa conselleira que, derretendo baixo a lingua, nos fai saír de nós mesmos e nos multiplica. E a nosa amiga máis cruel cando queremos recuperar a velocidade e variedade dos nosos pensamentos… e pensamos coma outro, coma un pequeno rato de laboratorio que corre e corre nunha gaioliña sen saber que non tén medula
nin patas
nin garras pequeniñas
malia sentilo todo en plena explosión física en pos do seu alpiste.

BSO: Mes pas dans la neige. Keren Ann. Canta coma se non soubese facelo ben. Letras tan francamente francesas como Les amants du Pont-Neuf, Jacques Brel ou Amélie. Un se imaxina estudiantes que viven en vellos pisos do centro, embaldosados de cidade vella nas rúas, bafaradas de frío das bocas sensuais, xente de gafas e pelo liso que acarreta pesados instrumentos musicais e gasta bufandas de raias e fala coa boulangère e co bouquiniste e non termina nunca de crecer.

Datos de interese: un cabelo humano vive uns 7 anos. Entón, se toco as miñas puntas, toco o meu pasado. Cabelos que despuntaron cando fixen aquela obra de teatro terríbel. Cando vin aquela película. Cando viaxei a Marrocos. Cando usaba un abrigo dos anos 70 non por vintage precisamente. Cando non te coñecía. Cando non me alcanzaba o teu poder.

3 thoughts on “Pharmakopea

  1. “La adormidera [Papaver somniferum], desde siempre símbolo del sueño y el olvido, tiene además la propiedad de estirar el tiempo casi hasta el infinito; no el tiempo de los relojes, sino el que es enteramente posesión del hombre, a la vez presente y ausente. Es el mayor de los lujos: tener un tiempo propio.”

    E.JÜNGER, Acercamientos.

  2. No meu traballo coma camello legal nunca ficara apensar nos nomes das menciñas máis si que e verdade que hainas curiosas unha das miñas preferidas é o gardenal, o barbitúrico de curia.
    Por outra banda coincido na facilidade que teñen a meirande paste dos medicos da cabeza para receitar antidepr,ansioliticos..e mais doado telos drgoados e calmos que axudalos realmente.
    mais nada perdoa polo roio. enhoraboa plolo bloge é interesante de vez. Apertas

  3. nesta beira estamos moi sorprendidos (bueno, non tanto) pola pulsión dos medicos ibéricos a apuntar sen pausa remedios e remedios para xentes sen tantos problemas. Xa, xa… o negocio, as contas das multinacionais farmacolóxicas, as viaxes de premios a quen mais vende. Xa, xa… esquecera o mundo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s