Órganos Vestixiais

Un blog non se abre por necesidade. De feito, non se necesita para nada. Vive dignamente sabéndose superfluo.

Tampouco as cores son necesarias [ou psicoloxicamente si?], nin os pezóns masculinos [obxecten], nin o coccix, nin as moas do xuízo, nin o apéndice [órganos considerados vestixiais todos eles], nin a u tras da q, nin ei π + 1 = 0, nin seguramente certas zonas do noso cerebro reptiliano, nin boa parte das nosas memorias [que son deformes], nin os palindromos [a diva ávida, sugus, Anita la gorda lagartona no traga la droga latina, Saippuakauppias, que é vendedor de xabrón en finés, aínda que o oficio desta última palabra si semella necesario… ou mesmo non], nin os adornos capilares, dixitais, epidérmicos, nin Orson Welles, nin coñecer a distancia exacta ata Alfa de Centauro, nin The Cure, nin os bonsai, nin nin o premio Pritzker, nin o Nobel, nin que o home viva sobre a Terra unha media de 80 anos en progresión ascendente nas bisbarras mundiais privilexiadas.

En boa medida ti es innecesario. I eu que cho digo, tamén.

Antropoloxicamente, bioloxicamente, este parece un rueiro sen saída. A necesidade do innecesario que caracteriza a nosa especie. Somos todo apéndices que seguimos levando, pendurados, con alegría cultural. Transportamos con emoción eclesiástica o peso dunha tradición que a saber o que significou no seu contexto pero que, na nosa versión dos acontecementos, e así e punto. I ese punto dálle un misterio oracular a todo o demais. Hai cousas que son así e punto. O cosmos. A lei da gravidade. A historia das guerras europeas do pasado século. África. A Síndone de Turín. Shakespeare. A túa cara. Esta frase.

Non é a tradición o que pesa realmente, senón as preguntas sen resposta que se acumulan no seu lombo de esmoleira.

Non só na tradición hai elementos que parecen innecesarios. Tamén na actualidade. As gafas de pasta son innecesarias. Boa parte da tecnoloxía, xoguetes, papeis, libros, páxinas web, roupa e coches non teñen máis utilidade que ser comprados. Nin sequera consumidos. Só comprados.

Un blog atende a esa mesma súplica de atención de alguén que se tatúa un dragón chino nos omoplatos. É unha especie de bastardo da literatura. Desa con maiúsculas que vive horas baixas saturando sotos de biblioteca e dando opíparas alegrías a trituradoras de papel. Todavía nos aferramos con fe, con ferro, con saña, á tradición maternal que nos arrolou nos seus brazos de mamut. Un blog é bastardo, innecesario, conectado en exceso, copypasteado e ademais hai moita morralla.

Claro.

Boten un ollo ao catálogo de Círculo de Lectores. Ao seu videoclub máis cercano. Ás hemerotecas. Aos títulos editados dunha discográfica. A calquera canle de televisión. A calquera charla entre veciños. A unha páxina de Kant, a outra de Bukowski e a outra dun poeta anónimo chino. E verán que en todas elas hai elementos innecesarios e ademais moita morralla.

Estamos acostumados a vivir do innecesario.

A nosa inmortalidade o é.

Un tumor nace dese afán desmedido de inmortalidade. A un nivel subalterno e inadvertido, o celular. Pero son as nosas células as que mandan, non nós. Nós somos únicamente máis grandes. Para darlles acubillo. Para seguir os seus dictames chamándolles con candor voces interiores. Todo iso: innecesario.

Queda unha posibilidade: mercar unha columna e volvernos estilitas.

Ou iso, ou seguir comendo, lendo, vivindo innecesidades co estoicismo digno de Mishima antes do seppuku. Ah. Pero os suicidios. Tamén son innecesarios.

Que día tan bonito. Disfrúteno.

BSO: o próximo traballo de Astrud, Tú no existes.

Datos de interese:

O interesante vén sendo dosificar este tipo de datos…

7 thoughts on “Órganos Vestixiais

  1. Xa me sinto vacía, invisible, pequena…non dosificaches nadiña os datos e foi unha bomba velos así tan xuntos e seguidos.

    Penso que non somos máis necesarios do que nos facemos ou do que nos fan os demais para non querer notar despois a nosa falta e admitir que tampouco eramos tan importantes.

    E si que foi un día ben bonito.

  2. Besbellinha, sinto que a leitura deste post che deixase así. A verdade é que vai con certo sentido do humor: a idea de que somos alegremente innecesarios pero que carallo.

    En realidade non me preocupa en absoluto. E os blogs, constantemente denostados por concorrer neles moita morralla, non me parece que carezan dos defectos e virtudes de outras moitas canles de expresión, patrocinadas e sen patrocinar, públicas ou privadas, antigas ou modernas.

    A fronteira entre útil e inútil é do máis clandestina.

    Unha bica

  3. Me debato entre lo innecesario del mortal mordisco a la manzana o lo innecesario del castigo divino.

  4. O funcionanismo como unha versión vulgarizada da racionalidade instrumental vense imparabelmente constituindo nunha mentalidade durante toda a modernidade. O Funcionalismo basease na falacia de que o que non ten uso na realidade coñecida non aporta ventaxas adaptativas para o futuro. O funcionalismo viría sendo unha navalla de afiado gume que cesuraria todo o sobrante no uso do presente. Desgraciadamente esta ideoloxía tivo un grande exito e a esto debemos a desaparición de tantas cousas…
    Necesidade e azar trenzan na continxencia a vida (e entre logos e mithos técese a historia). , Necesidade propiamente dita, só a hai no ambito da lóxica, nunca todos os corvos serán negros, pero dous e dous son necesariamente catro no mundo macro-atomico, non no da mecanica cuantica. Do mundo sub-atómico so coñecemos uns resultados operando co método da Caixa Negra.
    Azar: fatalidade, fado necesidade de darlle sentido: traxedia, comedia, drama.
    Non me negarás Estibaliz que cada día NECESITAS un pouco mais de min.
    Miguel levita

  5. unha bonita cousa desta vida é que cada quen ten unha lista de necesidades variable e propia. O blog é, na miña lonxanía, na miña diglosia, na miña historia, imprescindible. As cores tamén. E algunhas persoas, non moitas, pero si moi queridas. As apertas que deixo e que me deixan, dende logo, tamén o son. Apertísimas!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s