Kozmic Muffin

Que acontece co kosmos?

Unha vez escoiteille a un escritor que deberíamos deixar de ollar tanto ao ceo e preocuparnos máis polos mundanais ruidos. Dicíao referíndose aos graves problemas que atascan á humanidade en tuberías sen saída. Dicíao referíndose ao gasto da NASA en relación ao gasto por axudar a media África a non contaxiar máis o virus do VIH. Dicíao un premio Nobel.

Os premios non me impresionan o máis mínimo. Sei de onde proceden. Ao igual que títulos académicos ou calquera sinatura estampada sobre papel caro: non o aprezo máis. Aínda que eu asistía á conferencia daquel premio Nobel, a súa pequena demagoxia que enfrontaba na balanza curiosidade cósmica e problemas sociais pareceume dunha burda manipulación: por que unha cousa ou outra?

No Anuario económico e xeopolítico do 2005 leo que a esperanza de vida en Sierra Leona é de 35 anos. Coma no neolítico. Coa preparación física de anos que se require na NASA, ningún habitante deste país africano pode aspirar a ir en misión tripulada a Marte [no caso hipotético de que poidese acceder a toda a preparación mental i estilo de vida previos]. Probablemente, finaría antes. Mesmo que viva coma un sultán. A lonxevidade herdámola, somos o que comeron os nosos pais e avós, somos as súas infeccións, os seus tumores, as súas deformidades. De certo, os humanos vivides vivimos desordenadamente. As chapuzas sociais arranxan algunhas pingueiras pero o tellado segue sen nos alcanzar a todos.

O ceo, en troques, si alcanza para todos. Ou debería.

A curiosidade que alimenta o seu estudo, o afondamento nos seus misterios, a sucesión de teorías ou modelos que expliquen a súa xénese ou o seu futuro, a simbiose entre materia e baleiro… esa curiosidade é tan humana coma o riso ou a mentira. Non pode contrapoñerse á urxencia na corrección de medidas sociais, corrección de organismos pantasma como a ONU, reparto de riquezas, mercado do petróleo ou I+D. O estudo do cosmos é o estudo do embigo humano: ningunha criatura medrou sen se meter o dedo algunha vez.

Ámbolosdous asuntos concernen á raza humana: o seu contexto cósmico e mais o caótico equilibrio dos seus habitantes. O seu kosmos e o seu kaos.

Non unha cosa ou outra.

Matizo: en toda esta investigación espacial, apéname enormemente que hindúes [ese pobo indescritiblemente dotado para as abstraccións matemáticas, talvez por mor das súas miles de divindades] e rusos [ese pobo escarchado, hipersensible e alcohólico que empezou a fabular co cosmos en forma de ciencia ficción e unha precisa enxeñería] aparezan como eclipsados polos sempiternos ingleses e americanos na constelación de investigadores do universo.

Só perdoo a Sagan [Cosmos foi unha serie mítica]. Mais non a Hawking.

Polo demais, o vergonzoso non é que o gasto celeste supere ao gasto humanitario. O vergonzoso é que se chegue a acordos internacionais en materia de dereitos humanos, comisións, altos comisionados, condonacións de débeda externa, e que o seu brutal atropelo por parte de quen asinan para a foto siga sendo constante e acalado por servizos de seguridade, branqueo de imaxe e outros dispositivos máis ou menos políticos.

Namentres, o límite de Chandrasekhar axexa para nos colapsar. Tanto se formos estrelas coma se non.

Datos de interese: Kozmic Muffin, grupo galego experimental dos 90. A súa magdalena cósmica inaugura esta categoría. Encantábame o seu son [nada poppie, senón progresivo] e unha entrañable i estraña relación vencelloume durante un tiempo ao seu batería: ambos actuabamos nunha campaña municipal de reciclaxe de residuos urbáns. Él disfrazado de porro [o da familia do allo]; eu, de colexiala listiña.

Nunca voltei saber del

One thought on “Kozmic Muffin

  1. Gosto de gostar o gosto de teu gosto nun verán que endexamais se agosta.
    Primavera, acelerada, antipicapción da traxedia.
    Non están os tempos para raios de esperanza. No mais oculto do teu gosto a natureza reclama o seu sabor metafísico, de saber mais alá do estar entre as cousas que hai un maltrato, unha mancha unha culpa que sabe a morte, a podremia, e que non se pode enterrar, que acabaremos con nos a plena luz, como unha raza maldita, ensorbebecida de orgullo e quiada polo vicio do gusto, do pracer, do consumo, de consumirnos os uns aos outros, de consumirse nos espellos, narcotizados, narcolépticos, narcistizados no inferno da soedade extrema onde non hai salvación,solución, continuidade, prosecución, nin deambular polo deserto. Os seos da muller serán a fonte de novo primixenia e o bastón verdegueará entre as rochas un novo oasis. A parella esquece o mundo para vivir nun propio no que ate a morte pode ter sentido se acontece amándose, até a sustracción do mundo pode resistirse nesa morte, porque non se morre nun, senón no outro. E se levamos unha carga tan forte, se é posibel amar con tal intensidade, porqué nos estamos a ignorar, a matar, a destruir o entorno, a facer sufrír até as pedras?.
    Miguel levita

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s