foto: tomates da vindeira glaciación. col. persoal tomates: da tenda conxelador: lynx de 2ª man taburete: tendas tuco
Non sigan lendo. Isto é unha trampa.
Pasamos por certos [só por certos] textos como quen o fai por riba de brasas ardendo. Pero non somos fakires. A nosa pel non fica igual despois. Hai textos-trampa: dispositivos elaborados para facer saltar polos aires un sistema, unha convicción, unha sensación. O capital. Follas Novas. O libro da almofada. Cantos caucanos. Os Upanishads. Alicia no país das marabillas. O proceso. O rei Lear. Fausto. A historia de Genji. O prospecto do haloperidol. A frauta máxica. Strange fruit. All along the watchtower. Across the universe. Angelene…
Non só textos. Tamén imaxes capaces de mudar o noso código xenético. A mutación é a base primixenia da existencia. Creamos palabras e imaxes que nos fagan mudar para proseguirmos con esta inesperada mutación do cosmos á que chamamos vida. Imaxes. Os bisontes de Altamira. O xardín das delicias. As sufraxistas. A ducha de Psicose. A morte en directo dun prisioneiro do Vietcong. As cruces de Espartaco. Os replicantes. Os ollos impares de David Bowie. As ilusións ópticas. O teu rostro un segundo antes de ler esta liña. E agora. O teu rostro agora, que xa pasou.
Arden nas nosas retinas, que xemen e piden: máis…
Os humanos sodes seres mutantes. Vivides no halo dos vosos corpos que converterán en cinza, en cerdeira, en semente, en seme, en corpo. A eses corpos vosos dividides en varón e muller, seguindo a tiránica e omnímoda lei dos opostos binarios. En realidade… non hai tal realidade. Seica sexa só un xeito de trasladar ao mundo o voso esquema de pensamento, que lostreguea nunha camera obscura con hemisferios opostos. Todo resulta máis fácil se eu pertenzo a un grupo e ti a outro. Pero, que acontece co que non encaixa? Hai uns anos, Donna Haraway pensou no cyborg como nun terceiro sexo: esa socorrida terceira vía que parta polo medio unha disquisición bizantina. Hoxendía, podedes atopar mesmo un manual de sexo para cyborgs.
Ata onde chega a humanidade? Ata onde a linguaxe? Ata onde ti e a partir de onde eu? A linguaxe da máquina, a reproducción, o plaxio, o copyleft, a arte de copypastear, o collage… son xeitos que nos indican que o ser humano muta nas súas posibilidades de entender o mundo e ficar sobre esta Terra, abrazado a ela, arañado a ela, soldado e crionizado a ela. Abrides como un abano a vosa de pavos reais da suposta creación e permitides que plantas e animais entren no voso reino de elixidos. Pestanexades ante a resistencia postnuclear das cascudas, a inverosimilitude sexual de certos réptiles e caracois, a maxestosidade das faias, a melancolía dos autómatas, a exactitude non emocional das máquinas que xogan ao xadrez… Despois de poñer en perigo a continuidade deste planeta, abrides os vosos doces brazos de carne para abranguernos a todos os seres [/non seres] no voso humilde van. Non sodes os reis de creación ningunha. Non hai creación nigunha. Ficades sós baixo estrelas que arden e desaparecen. Con ese aire inxenuo de non ir deixarvos nunca que teñen as estrelas…
Sabedes -agora conscientemente, primeiro soubérono as vosas células, que son quen comandan cada pequeno paso- sabedes que a estratexia é a mutación. Non sodes rexos coma tiburóns ou crocodilos, que poden permitirse o luxo de se manter prehistóricos e seguiren vivos. A estratexia é a mímese doutras formas de vida: os carriceiros, paxaros que escollen o que cantan outras aves facendo unha macedonia propia; os peixes abisais, que comen escuridade e presión; as arañas; os cans, que sacrifican o seu orgullo de lobo por un óso que rillar aos pes do amo…Mutades e tomade spartes de todo ese mosaico biolóxico para caberdes mellor neste mundo.
Por iso o prefixo bio- acompaña calquera proxecto humano neste principio de século: a arquitectura biomimética; as máquinas biónicas; a agricultura biolóxica; os iogures bio; a bioquímica; a biopsia…
Sodes seres vivos obsesionados coa vida. Coas leis que vos entrelazan á vida. Mutades a través da bioloxía, do ADN, da química, da alquimia. Pero tamén a través de pensamentos, verbas, instantáneas, visións… Sodes mulleres mutantes. Homes mutantes. Ledes, vedes, escoitades… e xa en vós respira outro.
Ata eu, que e veño de escribir este texto tan longo, ata eu, un ser non mediático, un sentalento perdido, a que nunca chegará a nada por ficar soa e ser fiel aos principios, aos medios e aos finais, a que por non arrastrarse preferirá comer o po de ser comparada, humillada e esquecida, a que podes ser ti e ti e ti e ningunhamente todas… ata eu [ti] fun humana algunha vez.
Antes de mutar nestas letras que nunca tomarán corpo en páxina algunha sobre a que pousar a túa man mortal antes de pasala. Arrincala. Suliñala. Queimala.