unkinds of work

Cubrirás o roteiro A Coruña- Madrid todos os días

Furgoneta. Mercancías

Ida e volta

De luns a venres

Saída ás 5 da tarde e chegada ás 9 da mañá

Sortearás, por esta orde:

1.- O mandato imperioso de durmir, durmir, durmir…

2.- Os kamikazes ou atolondrados ou estrábicos que atravesan, por exemplo, o porto de Manzanal en sentido contrario a 140 un venres, ás 3 a.m.

3.- Os atracadores de furgonetas apostados nos ángulos sen luz do polígono de Coslada, Madrid

4.- Os virus de gripe, gastroenterite, ébola… así como calquera bacteria que che impida empuñar o volante. A máxima é: ti traes baixa médica e nós non renovamos contrato

5.- A hipnose tentadora, peraltada, ziguezagueante de durmir, durmir, durmir…

… e durmir, durmirás cada día unha media de 5 horas. E con luz natural

Cobrarás certa cantidade que, unha vez lido todo o anterior, non pode provocar máis que riso. Un riso transilvano. Un riso, nada máis que un, e de seguido un grolo de algo. Forte e seco

Traballarás 80 horas á semana

Percorrerás 6.000 km. á semana

Fabricarás millóns de leucocitos novos á semana

Acumularás miles de puntos da Travel Club

Na casa, un fillo pequeno que dorme e unha muller que escribirá isto

Para deixar constancia, nada máis para deixar constancia da plenitude laboral que vive este país

O teu traballo consistirá non en trasladar valixas e caixas con agasallos navideños estúpidos -papanoeis desafinados, paraugas que convertirán en látego ao primeiro trebón- pensados por oligofrénicos de empresa, dun lado a outro do Estado. Lonxe diso, o cerne do teu traballo será loitar contra a túa natureza animal para mimetizarte o máis posíbel cun piloto automático hibridado cunha máquina de café.

Memoria para enxertos futuros: a noite pasada, unha curuxa branca atravesouse ante a furgoneta de I. De ter sobrevivido, houbo quedar moi malferida. Morrer na neve que vai caer nas próximas horas séntalle ben a unha curuxa. Unha curuxa sempre é un animal do alén. Xunto con ourizos, raposos e todo tipo de insectos, forma parte de esa tribo de seres que, na noite, abalanzan nas autoestradas, presa dalgún instinto mal levado. Desatinados. Encandeados.

Esmagados.

One thought on “unkinds of work

Deixar un comentario