O palíndromo latino da entrada anterior [in girum imus nocte ecce et consumimur igni], alén de vello esconxuro de propiedades máxicas ou mesmo alquímicas, é coñecido como o verso do diaño.
Ata onde eu sei do diaño tamén a el se lle atribúe a inspiración do tritono ou cuarta aumentada, antes denominada o diabolus in musica. Un intervalo disonante, inestable mentalmente, que hai que pensar antes de emitir coa voz e do que o exemplo máis sinxelo sería o Fa-Si nunha escala de Do maior [proben a entoar en voz alta só as maiúsculas: dorremiFAsollaSI. Velaí]. Moita música contemporánea conténo, de feito coido que é unha das súas especias máis aromáticas. Máis recoñecibles.
Hai uns días mantiven unha conversa con alguén que me revelou certos detalles para min descoñecidos da vida de Shostakóvich. Aseguraba que sempre saía nas fotos con esa complexión discordante e resignada de Buster Keaton con gafas [ou máis ben de Morris, puntualizou] xa que a súa vida na Rusia comunista consistira nunha sucesión de condecoracións e condenas raiando na esquizofrenia. Nas fotos parece pregar: non me poñades unha puta condecoración máis, di o meu amigo. Inmediatamente despois de enxalzala, as autoridades condenaban a súa música por burguesa, formalista, pornográfica, decadente, en definitiva anti-soviética.
Aí percibimos algo interesante: como se sabe que unha música é burguesa?
Sabemos que as tonalidades menores [modo eólico] poden inducir á introspección ou á melancolía, en tanto que as maiores [modo xónico] adoitan ser brillantes, expansivas . A música discorre polos mesmos leitos do temperamento. Isto é evidente. Venus in furs, da Velvet, é sinuosamente sensual, con perfidia. O In Paradisum, do Requiem de Fauré resulta celestialmente ascendente. Round the bend, de Beck, é un spleen atmosférico, case orbital. E o Fever de La Lupe é pura fase de meseta. A instrumentación, as escalas, os cromatismos condúcennos a certas paraxes ocultas no noso cosmos cranial. Ese poder está reservado á música.
Pero que había na música de Shostakóvich para cualificala de “contrarrevolucionaria”? A que soa unha revolución? No canto dunha sinfonía en Re menor [grave e devoto. Melancolía feminina], un Fa maior [furioso e arrebatado] tería servido? No canto dun torvo Si bemol menor o clasicote Do maior? Menos timbais? Máis timbais? Asonancias? Consonancias? Atonalidade?
Se recoñecemos intervalos musicais diabólicos e versos satánicos, é dicir, música e semánticas que se aliñan coa espiritualidade do humano, ha de existir música política. Sabemos do poder convocador das marchas, os tambores, as gaitas escocesas, as fanfarrias metaleiras ou os rachóns vocais de Rage against the machine. Mais poderiamos auscultar con precisión cara que orientación política se dirixen? Conservadurismo, corrupción, dereita repulsiva, esquerda trampulleira, subida de impostos, desfeitas sanitarias? Ou ben xestións limpas, vontade de mudar algo, traballo efectivo a prol dun pobo? Hai algo imperceptible nas escalas e nos modos que agocha a maneira de conducirnos no mundo?
De cando tocaba a guitarra, lembro predilección polo o Si, o Fa e o Sol. Eu son logo unha persoa Si maior? Si menor? Fa maior? Sol menor?
A que soo?
As musicalmente cutres campañas políticas… anuncian cutrez de miras? Como de afinado está o mundo político? Pretende ser a Kulturburg un xigantesco e fracasado diapasón?
E os instrumentos empregados? Agochan tendenciosidades nas súas fundas negras?
O piano é de dereitas e o saxofón de esquerdas? Era por iso que Bill Clinton pretendía tocar o saxofón? Unha frauta é despreocupada e nova? Como é un arpa? Un dos meus instrumentos preferidos. Harpo Marx tocaba a arpa. Se cadra é patrimonio dos mudos. A arpa. Ningunha campaña política farase con arpas.
Porén, as caricaturas de Nerón queimando Roma preséntannolo rabuñando unha lira ao tempo que compón un hit.
A Cabalgata das Walkyrias, de Wagner. Aparece en Apocalipse Now. Escoitei a lenda de que os nazis facíana soar na 2ª Guerra mundial para amedrentar aos inimigos [non acabo de visualizar onde. No cerco de Stalingrado?]. Son as walkyrias de dereitas ou de esquerdas? Valen para reivindicar dereitos de clase ou dereitos de estado de benestar?
Segue a lateralidade a dar conta das complexidades políticas?
Ás veces este recanto do mundo soa un pouco a orquestra que aínda non rematou de se afinar. Estamos expectantes para que comece dunha vez a sinfonía, o concerto, a ópera. E en Fa sostido maior.

joder, que guapa eres!!!
benquerida criatura mecánica, sei que vas andar por bcn mais preciso contactar contigo ANTES e CANTO ANTES. os fíos (ou dardos a estíbaliz sebastiana) que che estiven mandando nestas semanas veñen devoltos como descoñecidos. espero que leas os foros do mmmm. contacto: dasorixesdemarzo (xa sabes …@ub.edu). non demores, por favor.