Consulto a Guía do Ceo que collín na Casa das Ciencias a última vez que fun ao Planetario e o planeta protagonista deste mes segue a ser Saturno. No ceo. Rozando a eclíptica.
Consulto Psicoloxía da cor, o libro de Eva Heller que metaboliza os alimentos comigo en min nestes días, e vexo que Saturno é o planeta negro, o planeta do tempo, un dos meus preferidos na suite de Holst, o planeta tamén da melancolía que rexe os meses invernais do hemisferio norte e, polo tanto, o signo zodiacal de Capricornio e antigamente tamén Acuario.
[Hai uns días fun facer un contacontos soa a Muros. Por forza, pasei por alí. No coche. Unha das paraxes que prefiro, o alto despois de As Paxareiras, poboado de aeroxeneradores mudos e levemente ameazantes, coma todo xigante de ferro. Ía escoitando a radio. O Saturno de Holst comezou a soar xusto cando me achegaba ao outeiro. Diminuín logo a velocidade a 30. Eran as 3 da tarde. Un mediodía radiante. Todos os aeroxeneradores-obedientes-servos-de -Eolo traballaban a treu, brancos e puros coma vestais. Todos agás un. Sempre hai algún que non move as aspas e a súa quietude semella unha sabotaxe. Gústame cando o mundo me proporciona unha experiencia contradictoria á banda sonora que me acompaña. A música era abismal. Escura. Carbónica. Un mediodía radiante no alto dun monte marabilloso tamén o é. Ou, polo menos, tamén encerra ese abismo. Coido que os contos de Raymond Carver ou John Cheever ou mesmo Clarice Lispector baseánse nese mesmo principio.]
Rematando de ler Os aneis de Saturno de Sebald constato a lucidez da súa saturnidade que, no subtexto, deléitase coa nobre decrepitude, con todo aquilo que devora aos seus fillos pero pode medirse coa pancada dun home que camiña a pé.
A pé baixo estrelas.
Estamos a medio devorar. Entre terra e ceo. Será por iso que fillos de Saturno aquí somos todos e este mes tamén é o seu mes no ceo do hemisferio norte, sección Europa sur, leira noroeste. Rozando a eclíptica segundo a Guía do Ceo. A Guía do Ceo, na miña mesiña de noite.

que marabilloso post
e que marabillosa es ti