TRES POEMAS Estrella Gomes
I
Recoñézome en tanto
descubro a urbe
hai unha lectura dela en min
ambas gardamos nas entrañas
os cadáveres noctámbulos
desdebuxamos os nosos límites
na noite
logo a mañá
e as nosas inquebrantables barreiras
Non se lle xura fidelidade
á cidade
en calquera intre un asaña con ela
racha as súas rúas
devora os seus rostros descoñecidos
recoñécese nela
e a maldí
Non é doado transitar a cidade
espero postergar a viaxe
á substancia que me configura
ata agora
xeografía descoñecida.
II
É hora de facer luz o pranto
deshabitar o horizonte
límite da miña boca
as sombras procuran se asir
recoñecidas na escuridade abismal
corpo da penumbra
o pouco que deixou o día de min
devórao a noite
É hora de transitala
III
Pór de manifesto
a costa arrasada do meu corpo
rutina doce
que adensa na boca
palabra enferma que aformiguea
corpo de ira
degluto o laio
convertido en sombra
remedio de alma aparvada
ávida do próximo abismo
só fican os ollos baleiros
limpos de ti
e o aceno que me lembra
deshabitada.
Tradución de E…E
Estrella Gomes [Miranda, 1990] é unha poeta caraqueña de ascendencia medio venezolana e medio portuguesa. Escoiteina recitar na Galería Sargadelos da Coruña a primeiros do ano 2010. É alta. Nos seus poemas existe parte escura. É pausada. Textos de tres en tres. Fai labores de dinamización cultural e conta cun espacio literario na Radio Nacional de Venezuela. Escribe. Aquí hai máis dela.
que descubrimento!,
por certo, mándame o teu enderezo físico ao meu correo para remitirche un exemplar. bicos
gostei tamén.
unha pregunta de ignorante que son: traducida por ti ou escrita orixinal?
beijo
Arela, Estrella escribe en castelán. Ao remate dos textos consigno que son eu [E…E] quen fixo a tradución.