zero

ZERO

Se abondase cun texto informe para deformar o espazo-tempo
e incluírnos a nós mesmos en calquera rexión do que ten sido

puntos suspensivos esixe agora o innomeable
chegamos ao momento en que non se sabe qué dicirse.

E con todo internámonos
alén desta folla. Pasamos a Marola.
Lendo desde atrás estas palabras
que dun momento a outro afundirán no ilexible.

ZEROUN

Despexamos brétema branca branca como páxinas recentes
e o meu oído co teu oído coinciden sobre o ventre desosado que foi bido
un tumor nevado que medra por sobreescritura
e servirá como vendaxe cando non saibamos qué dicirnos.

Vémolos, oímolos
ao lonxe, deitados na curva da matemática imperfecta
parecesen multiplicar campos de millo coa faciana volta ao cosmos.
Fixádevos ben neles, fixádevos
con que pavorosa tenrura prepáranse para ser nós
-cromosomas obedientes no fluxo do carbono-
pero antes disolven coma puñados de area nos ollos= 0
Nun hemisferio contan o tempo ata o texto que ao fin fale deles
-podería tratarse deste e podería ser ningún –
no outro, o dereito, mesturan a súa colleita cos deuses
foden co círculo intuitivo tan así que
sobre o cranio o sol álzase como saíndo dunha eclipse.
Hinduísimos. Babélicos. Maiísimas.
E traen ósos soldados coa maxia dunha suma
que sempre lles dá 0 0 0.

Dispostos en parellas forman signos de infinito
xémeos oitos estomballados nas rodas do destino
dun carro do país  -do seu impaís- que tamén canta
e do que eu non sei nomear nin unha soa das súas partes.

ZEROUNDOS

De aquí ao infinito, pero en qué momento
e ónde é exactamente aquí.
A posteridade dá 0.
O aire dá 0.
E a súa boca e o seu embigo e os seus cen cigotos cegos
dan cero cero cero.
E.

Dan cero cero cero
e de súpeto a paus xa nos entenden
entenden que a nada é o principio que se acaba
e mírannos e ódiannos cos seus grandes ollos fixos
na súa órbita por cero cero cero cero cero.

Coma.

ZEROUNDOUSTRES

E a partir de aí serán todo hiroshimas
simas
cimas
por volveren incubar o seu oco ovo onde non
e non
e non.
Un si procreado en non, así a vida.
Un Oh pronunciado coas conas da arxila.
A marca redonda recibe os ouriños dos sabios
e cara ao chan
baixa a nada desde o ceo como unha nave extraterrestre.
Pousa entre as xunqueiras estiradas coma uns
a nada tan preñada de si mesma, tan pagada de si mesma
ante unha cabezota de neutróns que me raño coas túas garras.

E vémolos coma se fosemos nós mais non o somos
e das nosas vacas cachenas paren a extinción
e o ocaso dun mundo.
E a figura zigurat e a cifra
na que nifra redondez un céfiro nocturno
e o que antigamente podería ata rimarse
pero hoxe vai prohibido.
Unha rima entre uns dentes dá como resultado cero.

O cero absórbenos, laforets de nada, e enxéndranos nos seus aneis
ser e nada, traxes sartres,
e caemos na conta de que esta nada nosa
si volverá ser como antes.
Antes de nada.

ZEROINFINITO

Tendidos a infinito, dobrados como radios
incribles de bicicletas prehistóricas
deformados polo tempo chegamos a este hangar
[coa forma da ría de Ortigueira nos talóns
e unha terra de campos arada caluga arriba,
toda Orixe esquecida que empeza por o e tamén por cero]
a esta marxe de papel da cor dun óso extinto.
Igualados a eles, divididos por nós
o noso cero é aquel cero
mondado, á intemperie
óvulo dun futuro calquera,
dobrado no seu recanto superior
como unha páxina
que se resiste con horror a ser pasada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: