Segunda parte de textos sobre cociñas. Este é un feito/desfeitonacasa.
Base de datos: cavernas
Velaí
recén emerxida a súa cabeza do big bang do forno
como poderá sorrir, é incrible,
calcificada nese espazo que a miña xeración detesta
un quasar de vectores, de cuadrantes e pementos
que corren a escoar no desaugadoiro das mans
é incrible.
Aburbulla sen colapso o seu universo
potas tatexas
batedoras a increpalas
robots cuxo silencio chora sobre as cebolas
a billa que aínda gotea a auga da vida.
Nitróxeno líquido:
ese xeito en si polar de fritir un simple ovo.
O fractal romanescu que trasantonte non existía
nin no libro de Simone, dedos de graxa.
Un noncheseiqué de prata para as queimaduras
mais o chorro común da auga fría.
Desde A Habana ata Coruña pasando por Lyon
odiamos canto hai de cuántico nas cociñas
e do seu cuanto nos fascina.
A través desta folla seguímola
agora no acto ciberpunk de cocer unhas patacas
ao pavoroso vapor transmilenario.
Que vos parece:
vestida de rutina e sordideza de poliéster.
Un myolastan desintegra polo seu sangue arriba.
Na mesiña un libro sobre o poder do teu corpo, transmuller,
marcado na páxina tres.
Non remexas a bechamel contra o oeste non
introduzas no wok máis galaxia da precisa.
Velaí
á túa baixa resolución
raíña do prehistórico do fume
na túa caverna por indución polo poder do átomo
tres ovos mergullados en augas misteriosas
virando no teu neocórtex o cheiro do seu vinagre;
e ti a cantaruxar o teu non-ser-ninguén coma nun anuncio:
un beizo esfollado ata o seu talo
que milfolla nesta folla
onde por haber só houbo vento
-liofilizado iso si-
para te ler.

Grazas por estes textos, precisamente agora que me están instalando a cociña no piso.
Tamén a foto anima moito, ben cho sei