Sobre óso, unha criatura escribira a súa vida.
A súa vida era un cervo. A conciencia. Tallado.
Tivo que
querelo mentres lle nacía pezuña a pezuña
pestana a pestana
baixo os seus dedos sen xénero sen pasado, simples
dedos.
Viuno nun museo, so, como todo obxecto.
Tanto tempo como lle foi posible:
así detivo
ante o cervo escrito e a súa certeza de ter sido.
Pareceulle unha historia congruente
un bo guion
cun final aberto ao universo:
a primeira páxina da literatura
sublimada en óso cor de óso:
un fémur de verso longo
unha omoplata ilustrada
ou un pequeno astrágalo
con notas ao pé.
Unha novela que portades dentro
que vos move no irreal e non vos permite
esborrallar baixo o peso da pel.
A literatura
vértebra
a
vértebra
sostenvos sobre unha biomasa
e, como Yorick,
tanto máis cala e ri canto máis sabe.
