hai tempo que arrecendes a jazz {3}

Mil millas por diante

Continuación do artigo publicado na revista do Festival Mozart, comentando o concerto da OSG Jazz Band, Os grandes estándares do jazz [A Coruña, Palacio da Ópera, 17 de xuño de 2011]

4.-BYE BYE BLACKBIRD [Ray Henderson] 1926

A letra da peza orixinal é de Mort Dixon, pero algunhas das súas versións máis coñecidas son instrumentais. Miles Davis canda John Coltrane ou Keith Jarret esfarelárona, así como Josephine Baker, Nina Simone ou Liza Minelli nas súas versións vocais.

Pack up all my care and woe
 Here I go, swingin’ low
 Bye bye blackbird   Meterei nunha maleta o meu desacougo e a miña mágoa
 e marcharei, cantaruxando baixiño,
 adeus, adeus, merlo.

A melodía é bastante sinxela, facilmente cantaruxable, en tonalidade maior, despreocupada e recoñecible. Ray Henderson compúxoa cara a 1925-26, plena era do jazz que acuñara Scott Fitzgerald, e un ano antes de que o cine dese un chimpo de xigante ao incorporar o son cunha película titulada precisamente O cantor de jazz [1927].

Bye, bye blackbird non foi banda sonora dese filme histórico, pero si de moitos outros. O máis recente, Inimigos Públicos [2009] verbo da vida do gángster Dillinger, cuxo tema central é besbellado por Diana Krall. A canción tardou en incorporarse á corrente de standards de jazz: non o fixo ata a década dos 50, e ao redor da súa letra sempre aleteou unha bandada de conxecturas: supostamente pon voz a unha prostituta desencantada da vida na cidade [o blackbird aludiría ao seu chulo] que se regresa ao pobo.

5.-MAIDS OF CADIZ Les filles de Cadix [Léo Délibes] , 1874

A tarde de 1874 en que Léo Délibes ultima os compases de Les filles de Cadix [As mulleres de Cádiz], pouco imaxina os xiros que daría a súa mélodie até chegar ás coleccións de standards de jazz. De feito, en 1874 o jazz non constituía nin tan sequera unha larva musical: só un ano antes viñera ao mundo o chamado pai do blues, W. C. Handy, en Alabama. Ma Rainey [a nai do blues] nin nacera aínda.

Para compor este bolero ou chanson espagnole, Délibes tomou como fonte de inspiración os versos de Alfred de Musset, poeta admiradísimo no seu momento [e bastante esquecidísimo hoxe]. Versos nos que recoñecerán o estereotipo costumista romántico do sur de España, que a estas alturas xa nos aburre un pouco, porén en pleno apoxeo a finais do XIX:

 Nous venions de voir le taureau,
 Trois garçons, trois fillettes,
 Sur la pelouse il faisait beau
 Et nous dansions un boléro
 Au son des castagnettes […] 

 Viñamos de ver os touros,
 tres mozos e tres mozas.
 Sobre a herba estábase tan ben que
 bailamos un bolero
 ao son das castañolas […]

Délibes cantaruxa satisfeito a súa chanson espagnole, composta quizais baixo o mesmo feitizo luar da Carmen que Bizet compón ao ano seguinte [deu moito que falar o seu parecido]. Nos anos sucesivos, a melodía en fa sostido menor de Les filles de Cadix sairá das gargantas das mellores sopranos europeas ata que 80 anos máis tarde resucita como un cálido xéiser da trompeta de Miles Davis, no seu disco Miles Ahead [1957] con Gil Evans. Maids of Cadiz.  

No disco ese tema é un signo de audacia, un desafío: o primeiro flirteo de Miles coa música clásica europea. Non é casualidade que elixa un tema ambientado nos modos flamencos [Délibes baseouse en seguidillas para a súa chanson]. Cunha pracidez inesperada, notas longas, esquivando con elegancia o modo frixio da españolada, Davis converteráo nun standard para os jazzmen posteriores. Xa non hai apenas Carmen na peza, nin rastro de castañolas. Transformou noutra cousa, crepuscular, menos abaneada, mil millas por diante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: