traballos diurnos dos poetas [ianquis]

O meu primeiro contrato na vida foi como actriz nunha obra de teatro. Traballei tamén en telepizza, como enquisadora, como redactora e xornalista única nunha revista infame na que pasaba de entrevistar a Manquiña a inventarme o horóscopo ou falar das fogueiras de San Xoán, como recitadora do conxuro da Queimada, como contacontos, como becaria da universidade, como correctora, como articulista, como locutora, como canguro de curmás e curmás de curmás, como coro de ópera, como relatora, como profesora de apoio de todo, como profesora de francés, como profesora de inglés, como profesora de psicoloxía da comunicación e lingua, como socióloga, como antropóloga de economía rural, como profesora de literatura, como tradutora, como escritora de notas a programas sinfónicos, como organizadora de charlas, como cantante, como presentadora dun proxecto arquitectónico no Porto da Coruña, como soprano en vodas relixiosas, en vodas civís, en funerais, como tumba e como dálle e como cousas que seguro non lembro. A todo iso chamábanlle polifacetismo na era en que me tocou vivir. Eu teño outro nome: que-non-había-outrismo.

A única mensaxe que me chegou clara e sen interferencias dende os 7 anos é que me gusta a escrita e me gusta a música. Se fago carreira ou non con iso tanto me ten. Dáme por esas dúas cousas xa nin lembro dende cándo. E todo o demais tivo que ser porque había que comer.

A toda esta xentiña entintada en viñeta por Grant Snider pasoulle outro tanto:

tumblr_mm0qy7o6lU1qmoni4o1_500

Entre os meus preferidos estarían William Carlos Williams o pediatra, W.B. Yeats o mago do ocultismo, Wallace Stevens o anódino executivo dunha compañía de seguros, Bukowski o carteiro, Maya Angelou a cantante de club nocturno, Robert Frost o labrego fracasado, T. S Eliot o aburrido banqueiro ou a Dickinson, pirada dos gatos [Snider aclara na súa web que en realidade a obsesionada cos gatos era a súa irmá Lavinia, pero que Emily tivo por forza que compartir vida coas obsesións fraternas].

Chámanme máis a atención os que desempeñaron profesións urbanas consideradas grises e afastadas das humanidades, como o banqueiro ou o vendedor de seguros.

E boto de menos biólogos, físicos, astrónomos, químicos, matemáticos. Médicos literatos houbo moitos e, dalgunha maneira, unha novela de personaxes ten algo de sala de forense. Tamén literatos nobres ou con rendas sustanciosas -ou cando menos, que daban para unha habitación propia con baño propio-. [Iso era en Europa, nas Rusias, nas Chinas. Non en EEUU, lugar de orixe de todos os retratados.]

Pero literatos de bata branca ou ollos chiscados nun telescopio… Ten que habelos. U-los?

[Agustín Fernández Mallo é físico. Nicanor Parra, matemático. E J. M. Coetzee graduouse en matemáticas e traballou en IBM. Mais… antes? A principios do século XX? No XIX?]

[A miña candidatura polo de agora -quitando a Aristóteles, Lucrecio ou Omar Khayyam-  é Carl Sagan. Quizais tamén Natalie Angier ou Diane Ackerman.]

2 pensamentos sobre “traballos diurnos dos poetas [ianquis]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: