«arrasemos en silencio […] /toda esa profanación do que significa o común»

Hai 4 anos escribira un texto, publicado logo en Dorna, e que forma parte desa compilación que non dá saído, «curiosidade» [debe de ser o libro que máis honor fai ao seu título dos que escribín e escribirei nunca: unha curiosidade que non dou saciado].

Sexa como for, o poema chamábase ira len/ta. Dalgunha maneira, pero eu non tiña nin idea, claro, e iso e o bo, trataba de recoller a larva dese «desexo común» que sementara en nós dende o 15M. A larva comía de nós e buscaba unha maneira distinta de camiñar e facer as cousas, de comunicármonos co común.

As rebelións ardentes parecía que se sufocaban axiña. Había que buscar outro xeito. Estaba a ira. Dende logo que estaba.

Pero era unha ira de metabolismo lento, meditado, que se foi alimentando, espallando cos anos.

Unha ira que non estoupou. Non foi combustión [ou non só]. Non se fixo lume. Elixiu o medio líquido. A profundidade. Fíxose marea.

Cambiei algunha cousa no poema. Sei que lle sobran ou lle faltan detalles aquí ou alá, supoño que hoxe o escribiría doutra maneira.

/ira len

ta/

odiemos tranquilamente
que a nosa furia demola
con elegancia

nun delicado frasco destilamos
pinga a pinga
o rancor
a vendetta que se serve lenta lentalen
ta
en bandexa de prata fría
con cinco garfos:
por agora lle chup
chupamos unha pata

xa nos tarda iso de nos poñer feitos
un feitírmo basilisco
se é que somos desa desgrazada e grácil chusma
a termar do novo século cunha man
e espantar ao vello coa outra

as nosas garras suaves sobre o calvo futuro
o odio ruborizándonos, subindo a palpebrexar
rabiosamente as nosas pestanas de vaca
de fino acabado
e é agora que

esgotouse o seu crédito nos fondos do universo
xa non ten onde ir senón fóra de si

adiante! poñámonos fóra de nós con tenrura
arrasemos en silencio -como aquel que neva-
toda esa profanación do que significa o común
modo sapiens off por un momento
ilimitados
pero curvos

a crispación non é sabia, será que a carraxe si

cómpre a ira lenta, a ira lenta alén talent
a
como para regresarlle sangue a un organismo que agoniza
un nó político ben gordiano dende hai tempo
que haberá que tronzar disque con melancolía
bébedos de ouzos
ménades do πάντα ρεῖ καὶ οὐδὲν μένει!
cariátides que entre mantelos desmantelan

todo o heleno que hai en nós
aboiando por ser nave de cortiza na mar da cor do viño

fai falla falla falla
que vai ira/que vai xenio
ira que revira vai
vento céfiro furacanado en tromba

de democracia a democlasia
de iconocracia a inconoplasia

é cousa nosa
é o noso
é o noso odio tranquilo refundando a noción
-ata a ignición-
do que algunha vez foi xusto
só porque en verdade era de todos

2011

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s