Lista de insolitismos en 23 pílulas de fácil absorción

Lista aberta de sucesos insólitos dos que fun testemuña ou parte protagonista dende que nacín ata aquí, agora, hoxe, 2006

1.- A psicóloga de 3º de EXB dixo: Ahora, niñas, dibujad un hombre. Entendín un OVNI e debuxei un prato voador con dous marcianos guindando unha escaleira de corda. Nunca souben o resultado do test

2.-Apartheid/Afganistán/Balcáns/Prestige/Invasión de Irak/Ataque ao Líbano/Palestina… O gracioso batuqueo da comunidade internacional, do tipo Pataleamos para que todo siga como está e que pareza que está cambiando

3.- Nunha homenaxe a John Lennon da miña próspera i escaparatista cidade de provincias ter a irrebatíbel honra de cantarlle, jratis, a Julia Lennon quen, polo visto, non se levaba moi ben con John. Os temas escollidos son Julia e Across the universe. Ela sorrime i exclama Oh, it was beautiful, e pasa a zampar un pincho de zamburiña. Sentir, de golpe, toda a estupidez humana

4.-Pola rúa ser confundida con: unha actriz. Unha lumi. Unha presentadora de televisión. Unha profesora de publicidade. Unha escritora. Alguén importante

5.- Darlle a man a Hugo Chávez. Por amor. A un chavista

6.- Viaxar en avión co billete dunha soprano catalana (na estratosfera opera tamén a usurpación de identidade?)

7.- Vestir un modelo de Agatha Ruiz de la Prada nunha ópera na que, ao finalizar, o público apupa o deseño de vestiario

8.- Que exista unha Estíbaliz Espinosa que escribe nun xornal da Rioja. Créanme que – seguramente a causa da vaidade narcisista, esa que tanto lles molesta a outros vaidosos narcisistas-, créanme que con ese nome unha pensa que é única e irrepetíbel. Por iso Walter Benjamin. Por iso Xerox. Por iso Anónima. Por iso Opia.

9.- Compartir a vida con alguén que asegura ter oído chiar a unha formiga en mans (patas) dunha araña

10.- Si, señoras/ señores/ androides… eu fun parte do I Simposio de Anomalías da Facultade de Socioloxía

11.- Atracáronme unha soa vez: un rapaz cun verdugo feito de ganchillo branco e un coitelo de untar manteiga. Conmoveume. Pero eu era pobre. Só me levou calderilla.

12.- Nacer aquí, neste eon. Baixo esta forma

13.- Unha copia da película 39 escalóns, de Hitchcock, queima mentres eu a vexo

14.- Confundir de bus e chegar, un venres invernal a medianoite, á cidade de Ourense. Cabreo. Procurar hotel. Cabreo 2. Dar explicacións telefónicas a amigos e familiares. Ir carregada cunha gaiola e un abano dentro, unha “instalación” elaborada para unha exposición de poemas sobre abanos. Detalle de insolitismo turbador

15.- Ter unha amiga que foi amiga da Nevenka do Caso Nevenka

16.- O prezo da vivenda. O prezo da chabola. O prezo da choza. En chan español

17.- Tirada na Marina, a carta dun preso á súa nai. Porque lina, claro. E devolvina á súa dona lexítima. Foi triste. Peliculeiro. Morboso. Lírico.

18.- Que ninguén fale de, por exemplo, Paraguay. Iowa. Burkina Faso. Uzbekistán

19.- Linguas lambendo o cu (negro sobre branco) do insólito Dragó. Finxir ser muda

20.- Cear en casa dunha familia ucraína na que ninguén fala inglés e todos beben vodka con guindilla como fanta. Incluída unha ninfa de 12 anos que me regala unha sortella

21.- Ser convidada a casar cun nativo de Dubai nas toilettes dun fumadeiro árabe de Londres

22.- Namorar dun caníbal

23.- Soñar cun número de lotería rematado en 17

Ata aquí estes 23 cromosomas insólitos.

Non admito suxestións.

Admito desavinzas.

Non admito parvadas.

Non facilito teléfonos.

Banda Sonora Orixinal: Ah, che infelice sempre ( bo título para calquera cantautor en paro), Vivaldi cantado por Andreas Scholl. Contratenor. Un rexistro de voz insólito, que asusta: home? muller? atorrante? E sen embargo, a voz de contratenor é tremendamente agradábel. Sinuosa e pouco clara como as voces roucas, as voces graves, as voces machucadas. Pero, neste caso, cunha impresionante técnica vocal que lle lima toda rozadura. E aínda así, son voces turbias. Equívocas. Delirio de grandes nobres podres e dezaoitescos

Datos de interese: resulta que son Tigre no horóscopo Chino, cousa que me enche de pelaxe e perigosidade de extinción.

Resulta que grrrrr

Resulta que a semana pasada nás Médulas do mundo vimos 3 signos de bo agoiro: vimos unha estrela fugaz; vimos nevar; vimos un cocho tailandés.

Resulta que nos encontramos no hemisferio norte, pero non se especifica se no dereito ou no esquerdo.

Resulta que merquei Las criaturas de la Tierra incierta, cómic de Fritz, basicamente polo título

Resulta que me anuncian que estiven a piques de gañar unha suma importante de diñeiro e certo prestixio para a miña turbia alma de ácrata tímida desalmada. Pero dior mío! Conformarei co rimpomposo título de artista local? Ou co de artista pronunciado con maiúscula e sereno e grave semblante?

Resulta que se non tes un bo síndrome, non mereces ser nin diagnosticado por House. Recollo esta interesante escolma de botóns:

Síndrome de Estocolmo (un dos favoritos. Simetría psicolóxica: entendo a quen me fai mal)

Síndrome de Münchaussen (mentira tras mentira tras mentira. Pero as boas mentiras son un exercicio de xeometría para que todo case. Non esa vulgaridade plana de responder Non cando é Si. Ou viceversa )

Síndrome de China (creo que só é unha peli. Pretender ser china aos 7 anos configura un cadro de síndrome de China? Ah, leo por aí que tamén é unha teoría acerca dos reactores nucleares)

Síndrome de Stendhal (vomitar de beleza)

Síndrome de París (acontécelles ás hordas de xapos que chegan co ideal de París e dan de bruces cunha cidade excesiva e fea de tanto turista e tanto europismo)

Síndrome de Dióxenes (herdanza de familia. Mañá boto iso. Unha castaña semipodre dos castaños da Alhambra? Como non vou gardala!! Un papeliño no que alguén riscou un retrato e logo eructou unha bafarada de alcohol e hormonas? Para sempre en cada mudanza!! Comigo. Comigo. Comigo)

Síndrome de Ulises (acontece aos inmigrantes que o esperan todo e non obteñen nada, ou as farangullas da nada. Que proe máis. Supoño que, como Ulises, son Ninguén. E ós demais tócanos ser Cíclopes. Por certo, non lin a novela da foto nin tiña pensado facelo. A foto está ben)

Síndrome de Príncipe destronado (odio entre irmáns. Cándido)

Síndrome de Peter Pan (un clásico Disney)

Síndrome da Autómata ( o que me atribúo?)

E logo o catálogo de síndromes retortos que levan os apelidos dos seus insignes descubridores: Moebius, Asperger, Turner, Rett… todos europeos, vieneses, rectos, con cranios ceñudos e batas suaves. Todos con pinta de protagonizar remakes do doutor Caligari. Ou Mabuse.

Créditos das imaxes: todas roubadas

12 thoughts on “Lista de insolitismos en 23 pílulas de fácil absorción

  1. Co tema dos diagnóticos, sobre todo no eido psicolóxico, unha le e pensa: ¡miña nai! ¡Que enfermiña estou! ¡Que enfermos estamos todos e todas!
    Sempre me costou saber onde está a liña fronteiriza que te fai cruzar ao carón dos síndromes, das necesidades educativas especiais, de tódalas categorías do DSM IV.
    ¿Será unha cuestión cuantitativa ou cualitativa?
    ¿Estará todo isto baseado nunha necesidade de control ou de atopar unha solución?(Se é que fose necesario atopar tal).
    Ata parece que produce unha especie de placer morboso ler ese catálogo deslumbrante de definicións e descubrirse un pouco dentro delas. Será que, cando te pensas dentro dunha minoría, a necesidade de autoafirmación pode levarte a caer na trampa de catalogarte ¡Coa dificultade que ten descatalogarse logo!

  2. Interesante — Haber cando nos volves facer unha visita a ¨aquel¨ sitio cheo de xente rara , que esperabamos a túa tardanza cunha cara de peixe-sapo … moi graciosa.
    Felicidades polo premio no I Concurso de Podcasts poeticoartísticos.

  3. Vaia, Bruxa. Espero, alomenos, que a cara de peixe-sapo fose a vosa e non a miña…

    Como vai todo? Serás do David Buxán ou do Agra de Leborís? Sospeito que do primeiro. Pero talvez sexa menos bruxa ca ti e me trabuque…

    Moitas grazas polo do podcast. Bicas sen fin

  4. sempre temos dobres, nunca somos únicas/os… Teño un recorte de LaVozdeGalicia (entrevista a Elvira Riveiro, mariscadora de Corcubión). Confundíronme nonseicantasveces, en diferentes lugares e situacións cunha tal Silvia (que nunca souben quen era). Son adicta xa a eses fantásticos listados de cousas que… Saúdos

  5. Tes razón, Elvira, todos temos dobres, así sexa de nome ou de rostro. E sempre nos fascinan porque, dende que somos nenos, cústanos moito desprender do embigo do mundo no que cremos vivir. Ver á Outra (ou Outro) supoño que nos crea unha sana intriga. E, quizais, nalgúns casos unha insana decepción.

    Está moi acertado por parte do destino (ou do azar) ter unha dobre mariscadora en Corcubión. As dúas traballades a materia coas mans

    E ti ademais contas cunha dobre pequeniña moi fermosa que coñecín na Raia

    Bicas a lote

  6. Problemiña de primaria que non resolverei pero que seica compartirei:

    Entre duas persoas que se pensan diferentes da media en maior ou menor medida (véxaxe a típica campá de Gauss e as suas fermosas e famosas colas)

    Unha delas di que lle parece ter ou ben padecer o síndrome de Asperger
    (o comentario da outra persoa q o coñece e presume de ser alomenos a terceira persoa q máis pode coñecelo na Terra, detrás dos sospeitosos pais, di que efectivamente o seu pai seguramente o teña, e él puidera ser pero como moito levemente…)

    A outra persoa teima moi teimudamente en asegurar que é normaliña de todo
    (o que din ter o Asperger, contestalle que diso nada, que tamén é rariña entremezclando seu aserto con non se sabe ben que palabras de cariño “Aspergeriano”¿?)

    Cal das duas persoas estará máis próxima da media poboacional?

    ou ¿qué é máis acreditativo, a visión dun mesmo sobre un mesmo, ou ben a dos demáis sobre un mesmo ?

    Tamén pode especularse acerca do novo? síndrome dos que non gostan de imaxinarse “raros” ou fora do montón polo medo a confirmar as propias sospeitas de poder selo ou ben de cómo grazas a esta teima conseguen fuxir do extrarradio para achegarse a esa media.

    Lóxicamente, eu non teño solución nengunha, pero son o segundo suxeito que louba a tan pouco desexada media.

    inxustamente criticada e infravalorada, a media, pola contra, constitue o punto que procuraban filósofos coma Aristóteles.

    Eu, convencida polo Aristotelismo, síntome aliviada polo feito de non ter máis que dotes mediocres, e desfruto da miña mediocre vida con intensidade media e morna ledicia.

    O que si destrue meu adorado estado intermedio é o outra cousa. Pero xa escribín máis da media do axeitado, e termino algo enoxada polo erro que non arranxarei posto que o tempo tamén pasou do seu ponto (onde deixei meu metrónomo, en qué momento do meu exceso?)

  7. Problemiña de primaria que non resolverei pero que seica compartirei:

    Entre duas persoas que se pensan diferentes da media en maior ou menor medida (véxaxe a típica campá de Gauss e as suas fermosas e famosas colas)

    Unha delas di que lle parece ter ou ben padecer o síndrome de Asperger
    (o comentario da outra persoa q o coñece e presume de ser alomenos a terceira persoa q máis pode coñecelo na Terra, detrás dos sospeitosos pais, di que efectivamente o seu pai seguramente o teña, e él puidera ser pero como moito levemente…)

    A outra persoa teima moi teimudamente en asegurar que é normaliña de todo
    (o que din ter o Asperger, contestalle que diso nada, que tamén é rariña entremezclando seu aserto con non se sabe ben que palabras de cariño “Aspergeriano”¿?)

    Cal das duas persoas estará máis próxima da media poboacional?

    ou ¿qué é máis acreditativo, a visión dun mesmo sobre un mesmo, ou ben a dos demáis sobre un mesmo ?

    Tamén pode especularse acerca do novo? síndrome dos que non gostan de imaxinarse “raros” ou fora do montón polo medo a confirmar as propias sospeitas de poder selo ou ben de cómo grazas a esta teima conseguen fuxir do extrarradio para achegarse a esa media.

    Lóxicamente, eu non teño solución nengunha, pero son o segundo suxeito que louba a tan pouco desexada media.

    inxustamente criticada e infravalorada, a media, pola contra, constitue o punto que procuraban filósofos coma Aristóteles.

    Eu, convencida polo Aristotelismo, síntome aliviada polo feito de non ter máis que dotes mediocres, e desfruto da miña mediocre vida con intensidade media e morna ledicia.

    O que si destrue meu adorado estado intermedio é o outra cousa. Pero xa escribín máis da media do axeitado, e termino algo enoxada polo erro que non arranxarei posto que o tempo tamén pasou do seu ponto (onde deixei meu metrónomo, en qué momento do meu exceso?)

  8. Ben. Comparto o 8 (cun profesor de guitarra, entre outros), o 10 o 16 e o 18 (curiosamente, agora todo o mundo fala de Kazajistán por culpa dun humorista inglés, e de Paraguay só se fala pa dicir que algo está moi ben). E lémbrome do 21: eu pasaba por alí.
    Saúdos! Dende que pides ese flash raro no teu messenger non se me permite o acceso

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s