Good morning a todos dende o meu futuro anonimato

Miña nai di: mujer, no seas tojo.

Os toxos nacen en calquera lugar, pero Galiza semella ser un lugar calquera especialmente entrañábel para o toxo.

Os toxos crávanse na alma galega e saen polo outro lado. Malia todas as odas a prol da beleza da chorima [esa flor marela da imaxe], ser un toxo é ser un insociábel.

Son insociábel, logo.

Teño poucos amigos e, ás veces, mesmo cáenme mal [isto é pose? un pouco si. Desolée]. Non fago festas na casa. Quero corrixirme. Ser xentil. Pero dáme unha preguiza…De nena obsesionábame non ter amigos. Quería unha xemelga. Un espello no que mirarme. Despois aborrecín o da xemelga. Entón lía e debuxaba e todo iso tan parodiado dos frikis.

A vida social é un inxenuo suplicio. Prometeo cun colibrí coméndolle a cirrose. Certa vida social. Son nefasta niso de qué-dicir-a-quén-no-momento- oportuno. Non me levo cos editores. Nin cos fruteiros. Nin cos veciños. A primeira vista todo o mundo tómame por simpática, agradábel. Atractiva. Pero son un toxo con disfraz.

Non teño a axenda mental necesaria para caer ben a cada momento. Tampouco practico nigromancia e misantropía. A especie humana coido que é algo interesante. E só que, ao detall, a especie humana empalaga. Chucha o sangue. Entromete.

Desexaría ser xentil. Cortés. Glacial. Pero cortés. De nena ansiaba a perfección mística, a maxia literaria, o amor dos coetáneos. En homenaxe a ese sedimento do meu carácter, preparei uns saúdos para todos vós. Así tipo alcalde de poboación de menos de 20.000 habitantes mandando saúdas a todo cristo…

Saúdos a

$ os lurkers, que mirades e ledes sen vos pronunciar. Quizais por timidez. Por equivocación. Por vicio.

$ os trolls, que vos dedicades a arremeter contra calquera porque seguramente erades incomprendidos, o voso pai bebía zarzaparrilla, usastes ortodoncia, caestes no pote de apócema máxica, padecestes gatillazos na xuventude… Porque o mundo fíxovos así e internet empeorouvos.

$ os que me observan con suficiencia. Eu faríao mellor. Dende logo que si. Avanti.

$ os anónimos que xamais me coñecerán. Porque non sei o que me perdo

$ os que coñezo dende hai tempo e téñenme cariño. Por que non?

$ os que coñezo dende hai pouco e non me profesan nada. Por Zeus. Como é posíbel?

$ aos que neste intre len isto mentres escoitan a radio e conducen un camión de 15 toneladas de Burgos a Getafe, porque poden ter un accidente, insensatos

$ os geeks. Porque voso é o reino dos f… O reino

$ os que non falan este idioma sino este, que es primo carnal y, como suele suceder con los primos, uno ha abusado del otro y se ha hecho más popular

$ os que non falan este idioma senón lituano, por exemplo, e non saben moi ben qué fan aquí e buscan un link de saída [probade con este, amigos lituanos!]

$ os cyborgs que posuirán o meu corpo

$ os que me desprezan

$ os que me adoran

$ os que beben coca-cola. Gústame a coca-cola [dáme igual pepsi, pepecola ou merdacola], malia a campaña antiimperialista que a miña nai exerceu [sabiamente] con man de ferro. Na miña casa nunca había coca-cola…

Será por iso que crecín sendo un toxo?

Que bonito spot publicitario en forma de post. Vaia, se son a mesma palabra transmutada…

BSO: A bruxa, Milladoiro

Datos de interese:

+ A criatura mecánica responsábel deste bloj leu hoxe que o lixo radiactivo utilizábase nos anos 80 nos Estados Unidos para fabricar patas de mesas ou aneis. Ata que un anel radiactivo provocou a amputación do brazo do seu dono e lexislouse en contra desa simpática reciclaxe…

Decátanse? Un agasallo envelenado para a persoa que odian: un anel de uranio bañado en prata que vaia carcomendo aos poucos o brazo dese pobre ser. É arteiramente diabólico. Iso si é un anel de poder. E de foder.

Agora diranme que vostedes non odian a ninguén. Ben. Pois logo, teñan coidado cos aneis oitenteiros que lles regalan os compañeiros de traballo xogando ao amigo invísibel.

Seguro que queda moito lixo radiactivo nos bazares chineses. I en Tous.

+ Homenaxe particular aos momentos lovecraft, aproveitando que é aniversario do seu pasamento, que releo Las Montañas de la Locura, que houbo blogs de festa rachada pola efeméride, que me gusta especialmente o polbo, e polbo eres, que Lovecraft ten toda a pinta de ter sido un toxo, e que os abismos insondábeis de horror cósmico nos que un se pode precipitar ao fío dos seus libros alivian desta vida terrenal chea de graciosos, boasxentes e politicamente correctos.

Foto: Primixenio diminuto e a criaturamecánica vistos dende o kosmos

+ A miña flor favorita non é o toxo senón… o uz? o xirasol? As criaturas mecánicas non temos flores favoritas. Só ansiamos enxertos de memoria que nos fagan cool e humanas

+ Volve a tuberculose! A montaña máxica, Kafka, Bécquer… estará o mundo preparado para a enfermidade do romanticismo versión 2.0?

+ A África de documental. Existe outra que non sexa a de documental? A dos fósiles do val de Omo? A da artesanía, os tambores, os collares e as moscas? Vendo documentais de África un pensa que ese espazotempo pertence a Second Life. Que non é vero. Ou que é troppo vero

15 thoughts on “Good morning a todos dende o meu futuro anonimato

  1. Gustanme os toxos. Son fermosos e con persoalidade. Saben ferir e gustar. Gustanme moito! Mais cas persoas sociais e que caen ben. Polo demais, xa se sabe que ninguén é unha moeda de ouro para gustarlle a todo o mundo😉

  2. Os toxos míranse os embigos
    crábanse na lingua galega
    e sae sangue.

    Son un toxo cun embigo
    mórdome a lingua
    pérdese a axenda mental

    Máxia literaria
    enxertos inverosimeis na memoria
    a sua flor favoria: un lunar
    e nada volve.

    Criatura mecánica…porque non bioloxía que se quere disfrazar de mecánica…teño unha valvula do corazón fodida.
    Miguel Levita

  3. A mí mi padre me decía:”eres un cardo” (por el tema del trato,no del físico).Acabo de acudir al diccionario para ver si las dos plantas,tojo y cardo,son las mismas;pero no: el tojo es una planta perenne de la familia de las Papilionáceas que crece hasta dos metros de altura y el cardo es una planta anual de la familia de las Compuestas que alcanza un metro de altura. Esto no creo que quiera decir que si eres un cardo eres un poco menos antisocial que si eres un tojo,pero lo transmito como curiosidad.Volviendo al tema central de ser un cardo,un tojo,un cactus,un calamar o incluso una mofeta;creo que la diferencia fundamental es que los anteriores lo son todo el tiempo de su vida,mientras que los tojos-persona lo podemos ser a tiempo completo,tiempo parcial,por horas….
    Un beso para tí,Estíbaliz y para todos tus adeptos (excepto para el señor M.L.)

  4. ¿Por qué símbolos do dólar nos saúdos? ¿Cal é a relación entre ser ou non ser toxo e facer ou non facer caixa?

  5. Ola Estibaliz. Falei con Sonia do Premio L.Villalta. Eu agardo que ti e máis a túa criatura estedes ben. Non sei de ti dende hai moito tempo. Mandeiche un comment hai meses, pero o blog tiña outro formato. Bueno, mándovos unha aperta primaveral dende Compos
    Yoli-moralla😉

  6. Ángela, moi boa a anécdota do cardo. Grazas polo teu comentario. Quédome co concepto de toxo por horas😉

    David, non atopei símbolos de toxo no teclado.

    Moralla, sinto o do formato do blog, pero houbo un erro pola miña causa estes días.

    A criatura ben. Criándose, que é o propio que fan as criaturas. Este ano xa non estsarei de xuri no certame de L. Villalta

    Que bo saber de ti.

    Bicas e máis bicas

  7. Yo, que te leo siempre con una devoción algo rayana en lo enfermizo pero por timidez no escribo, esta vez lo haré, ya que he recibido 4 saludos tuyos en el post: por lurker, por hablar la lengua prima-devoradora, porque te conozco desde hace tiempo y porque te adoro.
    Ya que mencionas la África de documental, recomendarte uno (que muy probablemente ya habrás visto), “La pesadilla de Darwin”, troppo vero, nada más alejado de second life y de los docus que suelen pasar por la 2, todo exotismo y exhuberancia;
    este documental muestra una cara poco amable de la África real, la de ahora, la única, la que se descompone pero la que te atrapa sin remedio ni vuelta atrás … ¿es que tú también estás atrapada? ¿será por eso que en todos tus últimos posts siempre le dedicas a ese continente unas líneas?
    ¿será un guiño?

  8. hola estivaliz desde madrid amor amor amor que sin amor noun se do esta la terra oh estibaliz

  9. con estes comentarios… quen pode manter dignamente a traballada fama de toxo?

    querido lurker: no he visto La pesadilla de Darwin, aunque me suena mucho. Tomo nota. África es mi modo de recordarme a mí misma que todo lo que está al alcance de mi mano está incomprensiblemente al alcance de mi mano.

    querido anónimo: ????

  10. Donde gardas agachada a Estibaliz, da Garota de Ipanema?
    ¿Que foi da Estibaliz de Pan?
    O tempo fuxe e estraga o noso presente, mais se ainda Os Pendellos seguen en Pé, ¿Que vai se de nos, se non volvemos os ollos ao presente, tras o cristal da Torre de los sueños esmeralda…..http://espoesiadesdeagolada.blogspot.com/

  11. Gracias miles a ti por cuidar de esta criatura, mecánica? eléctrica? Te llevo en el mp3, no sé si te lo dije, y entre doscientas canciones a veces sales cantando. Exquisito es entonces el momento.

    Un besote y hasta pronto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s