Róupame

by Ray Caesar

Penso na roupa. Na roupa dobrada e gardada nos armarios. Nas gavetas. Nas trandeiras dos patios. Nas súas cores.

No seu incríbel poder de evocación.

É un pensamento típico de domingo anubado. Os domingos anubados unha pensa en cousas así. Os sábados pódese pensar en artistas de moda como Ron Mueck ou Nam June Paik. Os luns existen para aprenderen a desesperar con elegancia. Os martes, elucubren sobre outros planetas, antimateria ou teoría de cordas. Os mércores, toca pensar neste. Neste planeta. Nos desatinos políticos. Nas grandes cataratas. Na Convención de Xenebra. Os xoves e os venres son libres. Pódese mesmo non pensar en nada con cara de estar pensando algo. Como Bush ou Paris Hilton.

Os domingos son reservados. Igual cá roupa gardada.

Os trapitos que, despectivamente, atribúen á frivolidade das mulleres, supoñen elementos de suma importancia para o ser humano. Algunha vez amaron unha chaqueta raída ata o punto de levala rota durante anos? Lembran as cores dun vestido que destinxíu? O que levaban posto algún día concreto [un concerto, un primeiro polvo, unha viaxe…]?

De nena, como todas as nenas, xogaba cos vestidos e os zapatos da miña nai. Entre estes últimos, invoco uns brancos de charol e plataforma. Na post-adolescencia levei durante anos unha chaqueta de pana moi vella que fora de meu pai. Eran xeitos de acomodarme a súa pel: a pel perfecta da miña nai. A pel descoñecida de meu pai.

Algo poderoso emana do feito de dobrar e gardar a roupa dalguén ausente. É un xeito inadvertido de acaricialo. Alivia. Ulir a roupa. Meter o nariz nas camisas, nos pantalóns, e aspirar. Ten algo privado. Sutil. Vicioso.

O olfato é un dos sentidos menos privilexiados socialmente, xunto có tacto. Como grandes esquecidos fronte á supremacía do audiovisual, están sendo obxecto de olladas novas, de trend-hunters ou de investigadores en robótica e novas tecnoloxías. Un amigo contoume sobre un robot que acariciaba a distancia: unha especie de rodelo que movías cunha man, mentres outra persoa [lonxe de ti] recibiría esa caricia no seu rodelo correspondente. Algo similar a esas Hug Shirts que transmiten a sensación dunha aperta.

A roupa é unha sensación táctil proclive a nos enganar. As texturas das telas imitan. A seda ou o satén imitan a carne humana. A tela vaqueira imita a rugosidade da terra ou da silla de montar. A lá imita a docilidade. O lamé, a seducción. O charol, un caramelo. O elastano imita a capacidade de imitar a silueta humana.

Dobrar a roupa dun neno moi pequeno mentres dorme é un acto amoroso de primeira orde. Pendurar a roupa interior dunha parella que comparte casa nunha mesma pinza significa deséxote.

Hai uns anos, o pintor Branda -que acaba de inaugurar unha exposición aquí, nese local de perdición con título dunha peli de Scorsese onde a xente xoga a súa hipoteca ao blackjack- deseñou unha invitación de voda para unha parella de noivos. Esa cousa votiva e horteira per se quedou nas súas mans convertida nunha estampa que zumegaba picardía: Branda debuxou unha media de muller e un calcetín furado de home colgados da trandeira. O calcetín, ademais, penetraba fisicamente á media.

Foi un xeito xenial de ver a relación de parella a través da roupa posta a secar.

Miña nai, como moitas señoras clásicas que cosen, vai a clases de patchwork. Teño a casa chea de collíns, edredóns e agarradeiras para cazos quentes. Como na súa casa imperaba a consigna Antes de tirar algo, esperar a que pasen 100 anos, miña nai reutiliza vellas, vellísimas e arcaicas telas para o seu patchwork. De modo que cada obra súa contén ducias de retallos de cores nos que distingo: a tela da ex-lámpada da miña habitación; a tela dun bañador; a tela do meu disfraz de xaponesa; un anaco de top que me quedaba bárbaro; un broslado dun vestidiño cursi da nenez…
Hai algo íntimo nesas costuras que quedan tan lonxe de nós, as mulleres que xa non cosemos. Imaxino as primeiras agullas de óso. As primeiras peles. O seu tacto brando. Máxico. Vestirse dentro dun oso gris. Do coiro da vaca. Do ñu. As primeiras fiandeiras de liño.

A representación do destino humano para gregos [e latinos, que preferían inventar estratexias e leis antes que mitoloxías] son 3 mulleres que fían, cosen e cortan. As Moiras. A vida tamén represéntase como un tapiz. E moitos tapices representan a vida. Dun lenzo da admirada mexicana Remedios Varo lembro un alegórico obradoiro de costura no que se tece o manto terrestre.

Atopeino en gúguel:


Volvendo á roupa. Ó seu simbolismo xa non só de estilo ou carácter de quen a porta, senón de representación dun xeito tribal ou comunal de vida. Os taparrabos. Os xerseis de Lacoste. Os kimonos de varias capas. Os corpiños pudorosamente desanoados. As minisaias nos uniformes colexiais. As garabatas. As camisetas con mensaxe. As sen mensaxe. Os vaqueiros. Os sari. A blusa china branca e vermella que merquei o outro día, por unha vaga semellanza a unha cerdeira. Os traxes expostos nos Hard Rock Cafés [teño visto roupa de Madonna, Prince ou Sting nos de Lisboa e Caracas]. O traxe dun mono que foi ao espazo, nunha exposición fascinante de Cosmonáutica Rusa que aterrou nesta cidade. O que levaba posto John Lennon o día que morreu. A chaqueta de Michael Jackson en Thriller. Os encaixes de Goya. As telas do antigo Exipto. Os mantos da Virxe nos descendementos. O vinilo de Trinity. A lencería. As franxas púrpura na túnica dos senadores romanos. A burka. O loito. O xersei de home [ou muller] que nos poñemos á mañá despois, e levamos todo o día como un segredo calcetado a nós. No breve espazo que delimitan, os trapitos proxectan formas elementais de pensamento, alegría ou aflicción. Son arquitecturas brandas, orgánicas, sintéticas, nas que o noso corpo vive e aprende a moverse.

Son pel. Unha pel cultural. Quizais de aí a febre do vintage, un termo que vén do eido do viño. Da colleita. Un viño de anos adquire un corpo especial. Unha prenda que pertenceu a outro corpo no pasado posúe tamén ese corpo. As mulleres levamos facendo vintage toda a vida. Apañamos baúles de curmás, avoas e nais. De nena vestía o vestido de noiva da miña nai para dramatizar a miña propia idea de princesa. Ao longo da miña vida, saqueei os armarios da casa con usura: abrigos, un vestido lila, outro azul, un echarpe de cashemir, sombreiros e ata pelucas.

Agora que dobro con mimo roupa que non é miña, decátome de canto ansío ter entre os meus brazos ao seu posuídor. Talvez haxa algo demoníaco. Se cadra só é fetichismo.

O tacto ten esa muda, humilde perturbación. Acontece ao milimétrico nivel do vello. Dos capilares. Pero a pel, non se esqueza, é o órgano máis extenso que tendes, humanos.

Arróupenseme ben para pasar a noite

BSO: Venus in furs, Velvet Underground

Datos de interese:

Queda solemnemente inaugurado o novo blog da criatura mecánica aka opia en wordpress. A versión castelá de …mmmm…Poden visitalo e arroxarlle unhas moedas neste lugar.
Tal vez convirta en humana por unhas horas e cante e baile para vós…

Fotos: 1) Ray Caesar; 2) col. persoal de collíns de patchwork con figura; 3) Remedios Varo;

 

11 thoughts on “Róupame

  1. aquí, cando se fala de contar as miserias das xentes, se di: “Sacar los trapitos al sol”. Mentres, eu confeso que tamen tiven o meu momento de pachwork e se agora non o fago é por falta de tempo, que sinto moi propio iso de ir pegando cadriños de teas vellas, tal coma contas que fai a túa nai… Parabens polo novo fogar no wordpress e vai ser bonito lerte en stereo!

  2. Estibaliz, releete o final do Castelo de Kafka, sorprenderate entre vestidos.
    Estas explanacións túas teñen o regusto das xenealoxias, das vellas xenealoxias, das cousas, metodolóxia que pode resultal fructifera para unha posterior reutilización, confección de materiais, algo orixinal pode caer na rede.
    Quero preguntarche unha cousa, a versión castelá do blog, a que ven, digo eu porqué non en inglés e francés tamén. Así so en castelan é que semella que te apuntas ao oportunismo bilingue, non sei que opinas ao respecto pero gostaría de sabelo.
    Un saudo para Anxela, aínda que eu non son un anxo.
    Miguel Levita

  3. Buenas noches,Estíbaliz.Te escribí unas parrafadas hace unos días, pero,otra vez,tuve problemas tecnológicos y como lo que había escrito era bastante largo, me cabreó un poco y desistí.Como ya se me ha pasado,procedo a comunicarme contigo (y secundariamente,con los demás)de nuevo: El contenido de tu “Róupame” me ha parecido altamente romántico (pero elegante,como es habitual en tí);optimista e impropio de un domingo “anubado”.Características, todas ellas,que son santo de mi devoción.Felicidades por tu “estado de buenaesperanza”.Yo,desafortunadamente (no sé si por haberme mudado del País de Nunca Jamás y no haberme acostumbrado todavía a este clima),cuando te leí no pude evitar el caer en la negativa asociación ropa=envoltorio=superficialidad. Pero…vamos,que eso,que lo achaco a un proceso de aclimatación al mundo real y también a un estado verificado de anemia.
    Cambiando de tema,y en relación a futuras y pasadas intervenciones,me gustaría dejar constancia de mi carencia de inteligencia emocional (aunque eso sí,incomparable con la del señor M.L.).Que sigas teniendo felices sueños,Estíbaliz.

  4. Torredebabel: “sacar los trapitos al sol” é equivalente a iso de “airear os trapos sucios” que empregamos aquí. Non me decatara desa relación íntima entre trapos e intimidades.

    Miguel Levita: talvez sexa unha xogada do azaroso destino que a novela inacabada de Kafka remate con esa conversa intrascendente acerca de vestidos. Non son experta na obra de Kafka, a verdade. Pero tomo nota.

    En cánto ao “a qué vén” a versión castelá do blog e ao “opotunismo bilingüe” permítame que tome aire e me acomode…

    In the beggining of time, I was castelán speaker. I was born in an urban, castelán-speaker family: my father came from Palencia and Euskadi, so I am just an hybrid between a castelán and a galega. Proud of it. If I speak galego and I write in our language is just because I decided so when I was studying. I don’t pretend I always speak galego or that I know exactly what the word “angazo” means… My galego is urban, serodio, impure and desolée…

    Je ne conçois pas notre langue sans tenir compte de la possibilité [peut-être un peu candide, je sais] du “polyglottisme”: c’est, plutôt, une sorte de opportunité [et pas opportunisme] ne pas seulement bilingue, mais multilingue aussi. Acho muito interessante poder mudar os chips mentais, talvez porque relaciono o feito com uma plasticidade cerebral mesmo ilusória.

    Maybe I am wrong, but galego could become an “universal cell” . Por iso, non teño reparos en escribir en calquera outro idioma, aínda que o domine menos.

    Señor Levita, vostede deume a idea: intentarei que no blog de wordpress teña cabida calquera lingua. No tema do idioma seica non proceden as medias tintas. Ou si ou sopas. Pero a min, e niso son algo mafalda, esas sopas totalizadoras non me van nada, e prefiro os caldos de cultivo de varias linguas se non en armonía [iso é unha ilusión política para captar electores] alomenos en sincronía.O meu mito bíblico favorito é Babel.Por certo, iso remíteme a torredebabel, que supoño que quere alentar iso mesmo na súa páxina.De verdade, Miguel Levita, non teño intención de deixar de escribir en galego. Considero esencial pronunciarse a ese respecto porque, efectivamente, calar é conceder a quen domina a situación. Mais gustaríame que a miña lingua lle perdese o medo xa non só ao castelán, senón tamén ao portugués ou ao inglés. O castelán é a miña lingua paterna. Tamén a lingua do pai do meu fillo. Por fervor ás súas figuras, eu tamén lle debo un respecto que vostede non ten por que compartir. Non durmo máis tranquila porque todo o mundo pense coma min. Ao contrario.Acontece que tambén I am sick of many hypocrisies, taboos et andrómenas lingüísticas. Nao gosto de dar explicaçoes com respeito a por que é que falo ou escrevo.A pregunta “por que escreves como escreves” non me interessa. Em tudo caso, “por quem” escreves…A linguaxe humana é experta en versionar, customizar, mutar.

    Tout le reste est politique…

  5. Ángela: ti cres que o contido é altamente romántico? Vaia, pois non o considerara tal.

    O que si debo aclarar é que o estado de boa esperanza xa aconteceu no meu corpo o ano pasado. As referenzas do texto non aluden unicamente a un fillo…

    Agradezo moito os teus pseudoanónimos¿? comentarios

  6. Sí,bueno, a mí me parecieron románticas esas reflexiones acerca de ropas guardadas, ropas pasadas, tactos de ropas… Aunque,qué se yo qué estarías tú pensando cuando escribías “róupame”!,pero ya sabes que algunas sensaciones son totalmente subjetivas (tampoco es el título romántico?). Y lo de “estado de buena esperanza” lo decía no en el sentido de preñez vulgarmente conocido, me refería a un estado de tranquilidad/serenidad/optimismo.
    Aunque,otra vez…quién soy yo para saber el estado en que tú te encuentras!.En fin,no sé, me da la impresión de que vivimos en un mundo en el que todo lo que digamos (incluso con buena intención)tiene más posibilidades de ser malinterpretado que de ser bieninterpretado.
    Pseudoanónima¿?

  7. A verdade é que entendín que entenderas [polo do estado de boa esperanza] que estaba embarazada. O cal tampouco sería descabellado. Pero bueno, para iso está a lingua, non? Para desfacer entuertos ou malentendidos, entre outras cousas.

    O de Róupame si pode entenderse nun sentido romántico, claro. Cada un entende o que quere ou o que se lle vén ao corpo.Simplemente, eu non o mirara dende esa óptica, pero ás veces quen escribe ten a ollada máis estrábica de todas.

    Quixen reivindicar o valor do tacto a través da roupa, nada máis. Pero si, tes razón en que ten moito de romanticismo. E ata de superstición.

    E o de pseudoanónima porque, aínda que asinas como Ángela, ignoro se nos coñecemos personalmente. Coñezo a unha Ángela [a unha soa, se a memoria me vai ben]. Non sei se es ti mesma…

    Un saudismo de cable a cable

  8. Semi-admirada,Estíbaliz:
    En esta vida, que yo sepa, no tengo el posible gusto de conocerte (y viceversa). Encontré tu dirección por casualidad, y lo que descubrí de tí fue a través de lo que te leí, leí de tí y lo que después yo luego interpreté; es verdad que mis comentarios son pseudoanónimos: los firmo con mi nombre.Atravieso una etapa vital de profunda decepción hacia el ser humano y su facilidad por desentenderse en casi todo y de todo lo importante. Las conclusiones a las que llego son descorazonadoras.Ha sido un semi-placer visitarte.Hago mutis por el foro…

  9. Pingback: lista de detalles que che reconcilian coa especie humana « …mmmm…

  10. Pingback: abrigos, bufandas, neve, nais | …mmmm…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s