Dentro do labirinto atopamos moitas cousas: atopamos wikipedia, atopamos a David Bowie, atopamos a Sir Laurence Olivier, atopamos moitos blogs, moitos peixes mortos que nadan panza arriba, moitas páxinas porno e moitas fotografías. Millóns.
Vía bisuria is pink coñezo a Loretta Lux. Busco na súa galería, con esa avidez que só encontramos nos enfermos cando cravan unha piqueta na vida en forma de pílula. A avidez dos nenos, que escanean un xoguete en menos de dez minutos. E son nenos precisamente o que atopo.
Daquela busco aquela foto de nena que máis se asemelle a min, a nena que eu era, é dicir, que son quen escribe isto, esta frase Daquela busco aquela foto de nena que máis se asemelle a min, á nena que eu era, é dicir…
Estas dúas imaxes de entre todas son as que máis poderosamente có cheiro a lapis recén afiado e a corpo da miña nai, me retrotraen e subxugan [a orde lóxica e ao revés] á miña infancia.
Pero hai moitas. E para todos.
Do aire irreal, maligno, de ilustración, de película do Marabilloso Mago de Oz ou cunca de Kellogg’s que teñen as imaxes poden falar os críticos de arte, se é que lles apetece. Mesmo un xogo de palabras coa verba lux pode facer de titular de impacto.
Nós xa non estaremos aquí. Estaremos, probablemente, mirando pola fiestra do post de mañá.