enigma

senales.jpg

Unha fiestra ábrese

Unha, dúas. Pasan a ser incontábeis

Unha muller e unha nena corren atravesando a rúa

A parada de taxis baléirase

Unha fiestra péchase

Séntese o chío das trandeiras do patio

Un home fica no cornecho, en postura oferente

As gaivotas renxen máis do que nelas é admisíbel

Nas redaccións dos xornais agardan cos dedos tensos sobre o teclado

Nos centros meteorolóxicos xa o sabían. Toman café

Alguén instala un trípode xunto a unha fiestra

Dez segundos máis tarde, unha cámara de fotos

Nas fiestras baixas rosman vellas en bata

Nas fiestras altas curiosean parellas novas de coxas graníticas por mor de subir cinco pisos e facer o amor cinco veces por semana

O borracho arrota. Escudriña. Cantaruxa

O cego suspira

O xordo insiste

Un rapaz corre a anotar nun diario

Case todos nós contamos mentalmente entre o resplandor e o estrondo

Catorce paraugas son abertos ao mesmo tempo

Unha man sae coa palma extendida por unha físgoa

As nubes apresúranse

A lúa inmólase

Un gato sorrí envolto no seu abrocho de mantas

Un bebé esperta chorando

Un ordenador reinicia

Un home deixa a cullerada de sopa a medio camiño da boca

Dúas amantes deixan o que estaban facendo para despois

Un orgasmo é interrompido e amplificado

Unha muller que dorme na rúa é aplastada por un vento ríxido

Alguén que ve a tele só, séntese só

Alguén que mascaba unha decisión importante, esquécea

Alguén que estaba no baño, aproveita

Un coche non arranca no medio dun cemiterio de zombies

O lince ibérico detén por un instante o seu proceso de extinción

Andrómeda segue aproximándose e semella máis preto

O petróleo lamenta a cobiza humana

As rochas agardan ser partidas como un olmo seco

Os cactus entreabren os beizos

A planta do meu salón estira discretamente

Os icebergs deambulan iluminándose

Un vendedor africano soña que non é vendedor pero si africano

A auga embotellada na neveira encolle de medo

Unha segunda muller corre atravesando a escena

Titán… Titán segue a ser Titán

Tres mil catrocentos paraugas ábrense nun mesmo clic cun lixeiro eco

Unha cama intenta agochar debaixo do seu dono

O dono foi máis rápido

Un paxaro perdido atravesa a escena 1, exterior noite

Os cadros son tentados a baixar das paredes e vivir unha nova vida desparramados polo chan

Os utensilios de cociña tremelican no aparador

A corrente eléctrica titubea

Os cristais das fiestras bailan na punta do pe

A corrente eléctrica é seducida

Todos ollamos para o ceo pero non asemade

Apago a luz e fico en silenzo no mundo

Atreboada

3 pensamentos sobre “enigma

  1. Logo dun longo tempo, visito o teu blog, e atópome con esto, a verdade é que estou despistadísmo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: