herrando

Comezo este texto mirándote a ti, quen sexas, con certo estupro.

Perdón, quixen dicir estupor.

Así é a historia do homo: unha sucesión de erratas de posible alcance épico.

Nunha película recente, Benicio del Toro entraba nunha xoiería en Amberes disfrazado de xudeu e dando unha pantagruélica explicación sobre o erro de traductor no que se cimenta boa parte do cristianismo: traducir a palabra hebrea “moza” (almah) por “virxe” (parthenos).

Así que tantas coma min rezáronlle -co corazón feito un hime- ao rostro níveo dunha muller que coñecera varón.

Oh.

Non se queda curto o libro dos libros: polo visto, inclinado sobre a traducción da súa Biblia, San Xerónimo colleu a palabra kamelos e traducíuna alegremente [tivo que ser alegremente] por camelo. Xa nolo advirten as vellas profesoras de inglés por riba dos seus anteollos: coidado cos false friends, children. San Xerónimo non tiña profesora de inglés. E do hebreo colleu kamelos [vocablo que designaba as sogas de amarre dos barcos ao porto] e logrou que todos os fieis imaxinaran a un animal con chepa pasando polo ollo dunha agulla, no canto dun cabo de esparto groso. Debo dicir, en defensa do desvalido San Xerónimo, que louvo insidiosamente esa errata porque resulta ben máis coherente co eterno deserto bíblico [o de Moisés, o do maná, o da meditación de Cristo] un camelo intentando a proeza da agulla que un rudo pescador tratando de enfiañar un cabo de soga. Na segunda imaxe xa hai algo dos irmáns Marx que, seica, distraería a nosa devoción…

Son coñecidas e coleccionadas as erratas de moitos libros, mesmo nomes de editoriais: a mexicana Fondo de Cultura Económica ía ser, en realidade, Fondo de Cultura Ecuménica. Imaxino ao linotipista como un tipo simpático, sen avoa, impelido a salvar o monumental erro Ecuménico –quen raio sabe qué é iso de “ecuménico”, salvo a multinacional vaticana?- para economizar culturalmente os gastos da editorial. Un Fondo Económico de Cultura é unha idea ata trotskista, se se quere. Quero pensar que quen o cambiou imaxinouno tamén en tales termos. I era un ser bo, de nobres causas e potaxe de lentellas para cear.

Un autor español dicía que toda errata de imprenta é unha invitación ao crime.

En certa maneira, todo erro é un desafío á nada. Sosteño que estamos aquí por algún erro da materia, en cuxo decurso NON se contemplaba a vida como posibilidade. Que non sexamos anódino hidróxeno a se transformar en helio no confín das estrelas é unha cuestión que se lle escapou ao cosmos. Somos o que destrúe a cosmética do cosmos. A vida entéganos unha barra de labios que pinta fóra dos labios.

Os erros, as mutacións… teñen algo tan humano e, ao mesmo tempo, tan vírico. Suceden mesmo que poñas toda a túa intelixencia homínida. Mesmo que sexas medio imbécil. Suceden. Moitas veces o home non quere cambiar. Hai algo que cambia por el. Deus, a selección natural. Ou o azar mutante.

Freud, unha vez que entronizou o desexo como cousa pensante, aseguraba que os erros eran vontades do noso inconsciente. Eu penso que os erros son pezas virais da nosa condición híbrida que nos impiden chegar ata ao mal gusto da perfección.

O correcto constrúe unha masa de xelatina rosa dentro da que non se pode vivir moito tempo. O mutante inhibe a secuencia lóxica dos feitos, transforma a xelatina rosa en algo que non se me ocorre e, de ocorrérseme, non tería a desfachatez de publicalo. Todos os que se inflixen erratas a si mesmos [Michael Jackson, por exemplo], aínda que os alente un afán de ultracorrección, collen a natureza entre as súas torpes mans de mono e escáchana coma un ovo. Son os primeiros mutantes artificiais. Aínda é demasiado pronto para decidir se son adorábeis ou dignos dun vertedoiro industrial.

En calquera caso, o intento ben merece que nós, seres humanos, empachados de humanos, torzamos o xesto con condescendencia, como obrigados a sentirnos conmovidos por intentar seren outra cousa. Unha especie de zoofilia. Unha especie de Terminator.

O noso hibridismo [somos medio monas, medio vestidas de seda, medio sistema solar] produce erros, erratas, trasvases e metamorfoses propias de xenios persas ou trasnos en pegañentas noites de verán.

Tamén as erratas textuais amosan algo profundamente conmovedor. Uns gramiños de sosa cáustica. Dámoslle tanta importancia á palabra. As erratas salvan á linguaxe de ser estúpida. Nunca se sabe se o tipógrafo espetounas adrede, se o autor deixounas así adrede, ou se manifestan complexas combinacións de psique torturada e pundonor: “…cuyo exquisito busto conocemos bien todos sus amigos”, “Descansen en pez” [remate final da nova dun naufraxio con 34 víctimas que apareceu nun xornal de principios de século], ou “Aquella mañana, doña Manuela se levantó con el coño fruncido”, de Arroz y tartana.

Cando superan o orixinal, as erratas, as mutacións, concíliannos co intrigante azar. E fican como mirándonos, como mirándonos con estupro, como agardando que volvamos crer fervorosamente en Ceus.

* * *

2002

Erros ou erratas predilectas:

1.- Máis ca unha errata, un freudista erro de comprensión pola miña parte: no dorso do colacao sempre suxerían Vierta 3 ó 4 cucharadas… Dado que o “o” era moi pequeno e o til moi grande, eu de rapariga entendía que debía botar 364 culleradas desa droga legal no leite. Será unha por case cada día do ano?, matinaba. E botaba e botaba…

2.- Unha coñecida lembra que, durante a adolescencia, coñeceu a unha tipa que cantaba “un coche sin luces oscuro esquimal”, en vez de “un coche sin luces no pudo esquivar”, tema de Alaska. Era un erro poético- multiétnico.

Máis sobre o tema…:

Hai serias compilacións e teorías conspirativas acerca da natureza evaescente i execrábel da errata. Aquí moito, pero moito máis

8 thoughts on “herrando

  1. Ben, polo menos queda claro que o subconsciente de San Xerónimo traicionouno debidamente, detectando, á par que revelando, que, efectivamente, todo iso era un purito “camelo”, juas, juas. O Altirmo, como diría Malebranche, non perde ocasión de participarnos o seu diviño sentido do humor, por la gloria de mi madre, jarl. Si el mundo es pa´acer de reir, que no lo queremos entender… ;P

  2. Ignoraba que Malebranche fose de Ourense…

    E que ti foses de Zahara de los Atunes…

    Bruno! Caleghría! Canto tempo!

    Jarl? Un novo filósofo? Ten nome danés ou así…

    :]

  3. Eu tampoco…

    Noorl! Nací en el barrio malagueño de “Calzada de la Trinidad”, después de los dolores, pecadora!

    O mesmo digo, Pinocchio!

    Sí, un debutante, Jarl Kaspers, un peaso filosófo más trascendental que el nacimiento de Kung-Fu ;P

    (:^D

  4. Pingback: lista de detalles que che reconcilian coa especie humana « …mmmm…

  5. Pingback: lista de detalles que te reconcilian coa especie humana « …mmmm…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s