pinte un bisonte na caverna, por favor II

olga_jose.jpg

No pasado 29 de novembro, a 2ª sesión do ciclo tróuxonos ante as pupilas os xogos e paradoxos fotográficos de Olga Osorio. Olga. Ingredientes: cámara de fotos, biberón, CD de audio e imaxe, colar longo, perfil exótico. Olga. Funcións: fotógrafa, nai e profesora de narrativa audiovisual da Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, profe tamén na Escola de Imaxe e Son de Someso e impulsora deste innovador blog [galería que foi enchendo coas diferentes xanelas dos fotógrafos que quixesen enviar as súas perspectivas. Todo un exercicio de Fiestra Indiscreta, lonxe dos trillados egologs].

Olga amósanos dous traballos. Faino cunha sinxeleza, unha franqueza que parece preceder unha obra igual de franca e sinxela. E así é. Pero hai mar de fondo: a aparente sinxeleza da iconografía de Olga agocha unha profunda reflexión e elaboración. Unha óptica múltiple. Unha óptica con retranca. O primeiro gran traballo é Reflexións, un proxecto premiado no Concurso de Proxectos de Creación Fotográfica sobre o Mar de Galiza e editado en Do Trinque.

Explicáronme que todo o que vexo son reflexos. Con esa alusión á caverna platónica abre Olga o libro homónimo Reflexións, publicado a raíz do premio. Dende a devandita caverna salta á caverna do Centro On para pintarnos na pantalla as súas reflexións privadas: un enorme mural móbil, un fresco da Galiza rural, mariñeira e urbana, sempre co mar de fondo. A través dun espello de alicia, dun espello no espello de Ende, dunha obra dentro dunha obra, dun marco que serve de pretexto para falarnos dos mares persoais dunha manchea de personaxes sabiamente escollidos, as imaxes xogan a reflectir un mar imaxinario, desexado, tristemente real ou idealizado. Cada personaxe retratado sostén un marco. Dentro dese marco habita un océano galego e fondamente propio. Cada un terma dun mar privado. O mar non ten cancelas, así que transmuta en definitiva nun mar que pertence a toda a galeguidade. A toda terra emerxida.

Mariscadoras, redeiros, conselleiras, tripulantes estranxeiros, naseiros, fareiras, enxeñeiras de portos, piragüistas, militares, asistentas, percebeiros, o lendario home do tempo da TVG, mergulladores, ruleiros e un aldraxado Neptuno… todos levan entre as mans ese marco de madeira a través do que, en vez de no ollo mecánico da fotógrafa, mergullamos noutro espazo físico. O evidente protagonismo do mar retratado cede sitio ao protagonismo humano: o que sostén o mar devén o seu verdadeiro sostén. Na charla, Olga enfeita cada foto con anécdotas do retratado, debullando así unha intrahistoria que tende un claro fío: a historia do mar galego é a historia social de Galiza. Isto é unha obviedade. Se cadra acontecerá así en todos os pobos marítimos, arquipiélagos, illas, penínsulas… que o mar inunda os libros de Historia con maiúscula.

O segundo traballo de Olga, aínda en elaboración, ten como protagonistas aos habitantes de Vilacampa, un pobo despoboándose. No concello de Valadouro, Lugo. Galiza está inzada deses fantasmais vestixios. Casas que baleiran e fican en pe, con certa resistencia, con certa resiliencia, absorbendo a enerxía de ceibárense dos humanos. Olga coloca ás familias perante as casas con coidada obscenidade. Parte da obra, baixo a forma de instalación, apareceu na mostra colectiva 25 outonos.

29112007001.jpg

Olga Osorio by opia

Pintando bisontes en cavernas estamos todos os xoves, ata abril, de 19:30 a 20:30 no Centro On, de Caixa Galicia, no Cantón Pequeno da Coruña. Non servimos pinchos. Non servimos drogas legais. Somos antipáticos. Pero gustámoste.

7 pensamentos sobre “pinte un bisonte na caverna, por favor II

  1. Gracias, Estíbaliz, por este fermoso retrato.
    Gracias tamén, de novo, por terme invitado a túa caverna…

  2. Vin a exposición cando estivo na rua duran loriga e gustoume moito. Teño unha dubida, a parte de ser simpáticos que facedes os xoves? Son todolos xoves diferentes? Uns pintan e outros tocan as cunchas? Agradecería explicación.

  3. Hormiga: o ciclo esténdese dende 0 22 de novembro ata o 3 de abril. Todos os xoves. É un ciclo pensado como mostra efémera e presentada polo propio autor de traballos audiovisuais que abranguen diferentes campos: fotografía, ilustración, pintura, curtametraxe, videoclip, videocreación e blog. Chameina así porque ten lugar nunha sala pequeniña do Centro On do Caixa Galicia da Coruña e cada artista píntanos o seu bisonte particular.

    Se queres ver máis polo miúdo, hai varios links que incluín neste post e que remiten ás páxinas do propio Centro On ou a esta, do Correo Galego http://www.elcorreogallego.es/indexCanales.php?idMenu=110&idSubmenu=140&idNoticia=232273
    coa programación deste ano. Aínda que xa che adianto que hai un par de cambios: o 10 de xaneiro non poderá acudir Pablo Gallo, senón dúas artistas de vídeo e artes plásticas, e o 20 de marzo non hai programación, senón que se traslada ao 27 de marzo.

  4. ohhhhh
    Recién vengo del On. Y mira que no me gusta ir ahí, pero creo que vale la pena. Y justo voy el día que no hay evento. A ver si aparezco el 10.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: