Imaxes: Judit decapitando a Holofernes, Artemisia Gentileschi; O regreso de Judit, Boticcelli
Por ese concurso Gran Hermano, decadente, musculado e saturado, endexamais pasara unha concursante tan preciosa e independente como Judit.
Había moito que non vía Gran Hermano. Pero coñezo a Judit. Alégrame moitísimo que gañase, que gañase toda esa pasta e a toda esa banda de holofernes gilipollas. É como se gañase alguén da túa familia. Anunciáronmo nunha cea de compañeiros de Socioloxía. O mesmo día que saíu vencedora. Non sei se agora será Miss Judit e todas esas chorradas de reinados. O máis probábel é que, como é lei e circunstancia cósmica, sexa esquecida nun remuíño de cables e cinzas.
Agora, ata entón vaino pasar de medo. Que ben, Judit, que ben o fixeches, ofrendarte a ese programa de merda para fosforescer aínda máis, para saír única e victoriosa, vaporosa e nuclear como unha dama prerrafaelita. Judit foi criticada por presentarse como concursante. Por rebaixarse, din. Iso non é rebaixarse, señores. Iso é cortarlle a cabeza ao inimigo mentres dorme. Gañar sen encaixar. Ser a mellor sendo a rara.
Que ben. Pero que ben.