ilustración de Nicoletta Ceccoli
Unha vez escribín: se dixese de min un signo, diría puntos suspensivos. Non me refería a min en concreto senón á situación dese manoseado suxeito homo dentro do discurso literario que, por aquel entón, semellábame unha especie de corpo en suspensión.
En calquera caso apropieime do simboliño e incluíno na miña sinatura, polo demais infantil.
Foi o inicio da miña relación co signo, unha relación que podemos extrapolar á era na que nos atopamos [quen? nós? que nós? what exactly us?]: unha era en suspensión, unha era pouco representable con adxectivos gastados, unha era que vén de poñer en dúbida o cosmos, o significado, a ciencia, a existencia de algo fronte á nada. Unha era que vén de ser posmoderna e abre unha paréntese [coa detención temporal que iso implica, a paréntese é algo que acontece fóra da secuencia temporal sintáctica, a paréntese é unha burbulla, unha esfera na que se nos permite esquecer o que estabamos a dicir] abre unha paréntese dicía e digo, e cincela tres
puntiños
inocentes
pouco cargados semanticamente
con cara de parvos
tres puntiños
aos que non se lles sospeita maldade ningunha
dobrez ningunha
traizón
ou letra pequena.
Ningunha.
Os puntos supensivos rodan dentro da súa paréntese como alegres partículas subatómicas e sobre todo, incitan á fantasía, á especulación, ao que non dicimos pero pensamos. Son un silenzo cargado. Son un non dicir enfermo.
Son unha manipulación sutil.
De aí que tamén os collera para o nome do blog: non é mmmm, senón …mmmm… O mmmm vén de algures e encamíñase cara algures. Iso son os puntos supensivos. Rodas, rotacións, rodamentos, aceleracións. Algo que non digo que había antes e algo que sigo sen dicir que vén despois. Un vaiavostedeasaber pero nobre.
Ten que haber algo de nobre. É demasiado triste xa ter que falar.
As razóns do mutismo poden ser varias: preguiza, inexactitude, fartura das palabras. Ou máis que fartura, desencanto. Melancolía. Si, melancolía. Viciei esa palabra, de tanto tratarma. Melan- como melanocito. Tinte negra. Cólicos negros, espesos. Bile. A melancolía é unha especie de petróleo ou chapapote, se me permiten manosear ese vocablo nahuatl tan galego el, tan pedante e anxélico, un chapapote sentimental. Veño dunha pola de familia, a paterna, de talante melancólico. Os puntos suspensivos son melancolías lingüísticas.
E tamén dalgunha maneira nonmedáaganas lingüísticos.
Así que sentei enriba dos puntos suspensivos e adquirín unha pasmosa velocidade que favoreceu a miña visión microscópica, telescópica, estroboscópica; o mundo vive en suspensión. Occidente vive en suspensión. A merda -chapapote de novo se me permiten, sempre se me permiten- paira sobre as nosas cabezas como lixo cósmico, come canda nós como ese oitavo continente de merda no Pacífico.
De que carallo falamos agora. Os filósofos pregúntanse. Despois de Heidegger, que nada fica mellor no anuncio?
Os puntos suspensivos tamén son unha liña moi fina, tímida. Unha liña entre a ciencia e a literatura. Entre a tecnoloxía e a literatura. Entre o corpo real e o cibernético. Os puntos supensivos son unha forma de rematar
que non quere rematarse.
E niso, niso é que comparten o patetismo, a insidia, da memoria humana.
No portugués académico chaman a esa tríada ‘reticências’. Nome suxestivo tamén, mais indicativo quizá de unha outra forma de pensar. Pregúntome se neste país mestizo de lingua e rede non haberá outra denominación acaída para eses tres puntiños…
Nota: Os … son unha reticencia, non unha suspensión.
Eu tamén son puntos suspensivos. Aqueles que me permiten viaxar no tempo e no espazo. Aqueles que me permiten pensar na eternidade. Son empáticos, flexibles, cariñosos, e son tres, que cada un non é nada sen os demáis. Son dependencia, pero da boa.
Unha apertiña!
ás vezes é divertido disfrutar das reticencias e das bi, tri, quatri-…cruzamentos que conformam a memoria, as linguas, a eternidade.
Me gusta mucho este post… Aunque creo, que no sólo occidente vive en suspensión… Nunca he estado en oriente pero a tenor de muchas pelis que nos llegan de países de asiáticos parecen más perdidos que muchos occidentales. Yo tengo la teoría de que es por el rápido cambio de una sociedad tradicional a otra postindustrializada. Pero sólo es una teoría sin base empírica ninguna
calidonia: tomo nota, pois. De todos modos, unha reticencia sempre é un pequeno suspense lingüístico, non?
l&m: tamos de acordo, laura e mati 😉 [e …]
alberto: grazas. Si, coido que os chinos están nun momentiño no que non saben moi ben quen son. E os xapos levan anos sufrindo unha certa identidade esquizoide, filias compulsivas, hikikomoris…
que tamos moi mal, vaia