Hai un tempo dedicara no meu fotolog unha entrada a Emma, Emma es Encantadora, un agasallo de nadal que me fixera un tipo encantador co que vivo [nun cesto de serpes].
Trini Tinturé ou Purita Campos eran aquelas debuxantas [podo dicir iso, señoríos?] que poboaron a nosa preadolescencia de preciosas preadolescentes, de pretextos, de precocidade.
Pero moito antes, pre de pre, suprapre, reinou María Pascual.
Palabras maiores. María Pascual. Morritos de serea. Ollos enormes, case tumefactos. Pestanas brillantes e mestas coma derivados do petróleo. Damiselas de rizos perfectos. Príncipes imberbes. Con morritos de serea. E pestanas petroquímicas. E unha cohorte de duendes, trasnos, fadas, coelliños e estreliñas que a todos, tamén a /kevincarter, estruxábannos o noso corazón de animaliños con sono, ouriñal e mantas nas que alguén bordara algo para nós.
Secádevos as lágrimas, crocodilos. Que lonxe estades de todo aquilo. As vosas células foron mudando cada dez anos. Non vos queda nin unha. Salvo as neuronas, das que vos fica unha indixentésima parte.
María Pascual ilustrou e infectou o mundo daqueles que xa non sodes vós.
Quen pode dicir, como a criatura mecánica, “eu estiven alí”?
Despois xa viñeron outras cousas. Los hermosos años del castigo, el libro de la almohada o el arco iris de gravedad.
Pero antes. Antes. Antes de todo. María Pascual [e Gloria Fuertes, que en gloria fuerte estea]
Leituras recomendadas: Miniclásicos, tomos todos. Cuentos de siempre. Cuentos azules. O Antigo Testamento [tamén por Meri Pascual]
Especialmente indicado para duros de corazón. Para duros de oído. Funcionarios. Artistas en serie. Asasinos en serio. Moinantes. Xente que busca porno por internél...
Sen dúbida María Pascual para mín quedou clavada na miña retina en forma de doce-inquedanza. Non sei porqué me fai sentir así, sinto o mesmo ao pensar en Candy Candy, ese doce amargo que tanto me gusta porque ten forma de soños loiros.
Os auténticos ollos de vidro non son os de Castelao, senón os de Candy Candy e os “labios de fresa e boca de piñón” son as de María Pascual que cantou no seu tempo aqueles Danza Invisible.
Pois a mín nunca me chamaron eses debuxos, igual é que sempre fun medio marimacho.
si, María Pascual raiaba na cursilería, sen dúbida. Como o manga, U2, Borges ou as pelis de Scorsese. Son cursis.
Non fai falla ser marimacho para que non nos gusten os debuxos de María Pascual. María Pacual=nena, geyperman ou he-man=neno non creo que sexa unha ecuación demostrable máis que pola matemática do estereotipo.
Tampouco fai falla ser anónimo para ser escéptico. Pódese discrepar con identidade ;]
Se debuxan e son mulleres, son debuxANTAS. Se queren empadroarse aquí deixarán de ser apátridas.
(Sabías do proxecto de Xuntanza de Blogueir@s?. Se tiveras tempo, quixeras e che dera a gana…teño un link no meu blogue ao respecto)
xa, seino, non ten nada que ver co asunto do post pero veño de saber que estarás aquí, en Bos Aires, en poucos días e foi unha alegría tan grande que vin aquí manifestala. Agardámoste!!!!!!!!
francamente, como funcionaria discrepo de que se me compare cos duros de oído.
hai castes e castes.
Sorpréndeme isto último: non hai comparación ningunha entre funcionarios e duros de oído no que escribín. Están xuntos nunha lista aleatoria de persoas.