Pablo Gallo volve co seu punch. Este delicioso, derradeiro, navideño e decúbito supino paseo pola neve en stop-motion.
Lembrei de Robert Walser. Morreu así. Despois dun paseo pola neve.
Alguén cunha cámara inmortalizouno morto. Era Suíza.
Pablo corroborou as miñas sospeitas: trátase de Robert Walser. Dixo.
Tamén lembrei dun anónimo en Stalingrado, da maléfica raíña das neves, da pequena vendedora de mistos, dos trapalleiros de Fargo, duns escaladores que, dentro dun soño dunha peli de Kurosawa, atopan a Yuki Onna e dun senfín de xente que na neve atopou á desdentada.
Para un día soleado e tranquilo coma o de hoxe no que as leis da física funcionan coma sempre, os materiais responden segundo está escrito, o sol abrasa e troca lentamente en helio, as nubes condensan e esgazan monotonamente, a terra dá voltas, as mareas sucédense e a veciña de enfronte pón e quita albornoces sen acougo… para un día nin singular nin plural, esta pequena xaneliña animada á morte, ao lento deixarse ir. Ao glacial.
debuxo Robert Walser, de Pablo Gallo
Na música que escolleu Pablo, o estrañamente oriental, cabareteiro Erik Satie. Outro escorregadizo. Malvividor. Outro Walser ao piano. Ás veces asinou como Virginie e chamábase a si mesmo gimnopediste.
Ola ….mmmm….! quería facerche unha consulta profesional, se non te supón moita molestia contestar: sabes qué escritores galegos teñen obra, sobre todo poética, pero narrativa tamén, influenciada pola filosofía ou en cuxos poemas aparezan termos filosóficos?valme todo, aínda que neste momento busco poemas nos que se fale da vida como unha ilusión ou soño(tamén me interesa se son cancións).Gracias!!!!!
Ola Verónica. Poetas e filósofos. Véñenseme á cabeza Luísa Villalta, Méndez Ferrín, Luz Pozo, Avilés de Taramancos, María do Cebreiro quizais Lois Pereiro.
En narrativa, Cunqueiro, Suso de Toro, seica. E Teresa Moure.
Quizais poida inquirir a finalidade da pregunta “profesional”?
Curiosidade que teño.
Un saudiño.