a literatura como casa de citas

imaxe de Kassandra aka Elena Chernenko [ou ao revés]

As frases. As citas. Hai e hai. A eito. Xente que mesmo as colecciona. Abusa delas. Vive nunha eterna perversión de citas e todo o acompaña de citas, peixe con citas, whisky con citas, citas con citas. Son unha posesión intelectual de alto calado, equivalente a coñecer entresixos da composición do Macbeth ou información de primeira man do estado mental de Pizarnik.

A través do xogo da cita opera un tipo de pensamento máxico que, lonxe aínda, non se erradicou do noso cerebro reptiliano, ese que compartimos con crocodilos e xeranios en maceta: o pensamento máxico simpático. O do vudú. O do roce. O do contaxio. Se compro as bragas de Marilyn en Sothebys e durmo 3 noites con elas… serei Marilyn? Se toco a un famoso, resplandecerei? Se me arrimo a alguén con cartos, beleza, intelixencia, poder… contaxiarame algo que non sexa venéreo?

Aplicado ás citas: se cito aos grandes… serei grande? Señor Misericordioso, sereino?

A literatura leva moitas páxinas falando de si mesma. Engólese, faino con delectación e ás veces autocompracencia. Cítase a si mesma porque é un xeito de convocarse. De necesitarse. Apóiome no que dixeron outros antes ca min para dicir eu algo. A miña voz é un eco gardado nunha gruta de ecos. Subo enriba das frases de outros -xigantes- para enxergar máis lonxe ou para darme coa cabeza no teito…

Ou invento a celebridade de frases anódinas, lisas coma desertos, frases irrelevantes, porque iso me sitúa algo máis preto daqueles que citan, da súa sapiencia, dos seus andeis supurando letras, letras de molde, letras pequenas, verdanas, tahomas, new romans, letras que imprimen nas nosas coxas virxinais as fisuras polas que observar o mundo lonxe dos tópicos, dos clixés, das fórmulas vizosas baixo a sombra das cales un 80% acubilla a súa preguiza mental e bótaa a sestear.

A literatura, como toda esfera sublimada, é xa un lugar demasiado concorrido, unha festa saturada. Un xeito de xustificarse é optar polo vello truco das monarquías e as democracias: referirse sempre a si mesmas para crear a ilusión de necesidade a través dese loop infinito, esa autofaxia.  A literatura cómese a si mesma só coa postrer [como me gusta ese adxectivo, manierista el] finalidade de saír polo outro lado. Se as citas funcionan como dispositivos condensados de materia literaria, logo son o que queda tras desbotar o que sobra, son os churros delicatessen, os chourizos inmanentes, os comprimidos decantados. Son literatura de literatura. Son Lite2

As grandes citas, as de verdade, quérense escorpións para o noso encéfalo. Intentan poñernos contra a parede do non tan obvio. Planean inxectarse no noso torrente vital e alimentar cada víscera co seu veleno.

As grandes citas funcionan a modo de inxectables. Iso que todo o mundo quere hoxe: algo rápido que o instrúa para tirar para adiante na conversa, na carreira polo prestixio, os cartos, a emoción, a conmoción…

Pero as miñas citas son pequenas e absurdas. Non concito grandes frases. Non.

Elixo parruliños feos das citas, cito o pouco citable, o pouco lembrable, o que non fai pensar.

Dixen: as grandes citas [Tolstoi, Wilde, Nietzsche] son escorpións encefálicos. Pois logo as miñas son xoaniñas moteadas 7 veces, coccinella septempunctata. Xoaniña voa, voa, que che hei de dar pan de broa.

Citas fugaces. Parvas. Xoaniñas. E así.

7 thoughts on “a literatura como casa de citas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s