incomparando

casas bic
juan francisco casas debuxa con bic laranxa ou bic cristal

Nunca traducimos nada de Steiner, do señor George Steiner, de profesión: comparatista

Xamais tivemos o detalle de convidalo a unha ración de polbo á feira.

O Mencía non aparece nos seus estudos comparatistas. Non digamos un Martín Códax 2004

Steiner compara o obvio co evidente e do que non leu prefire facer coma que non existe.

Steiner manexa argumentos de terceira man.

En troques, Steiner lembra moi ben aqueles nitro coulants en Girona, e as ostras cun aire de cenouras.

Steiner padalea aquel Penedès antes de se lanzar en diagonal a ler Tirant Lo Blanch.

Steiner contemporiza. A autocompracencia prefire non tomarse a molestia de levar a contra

Steiner compara unha cousa con outra como eu compararía o cu coas témporas

Steiner exclama Pero non me compare…! , frase cando menos paradoxal en labios de quen se gana as lentellas e o prestixio a golpe de comparanza.

Seica Steiner abandonou as comparativas e prefire deslizarse no cómodo bambán do que se espera que diga.

Porque seica as súas palabras non pretenderon constituír unha aldraxe á estirpe literaria galaica. Talvez, pretendéronse unha louvanza absoluta á estirpe literaria catalana. Será entón posible que a súa opinión gastada pertencera antes a moitos popes culturais cataláns.

Steiner, cos anos, os viños e os premios, devén incomparatista.

Non son da opinión de que se deba convidar a ninguén que só activa o seu dispositivo máisque, igualque, menosque a base de paparotas, cerimonia e reverencia.

Mellor que lea.

4 pensamentos sobre “incomparando

  1. obviamente a cultura galega aínda navega nunha etapa de afirmación e complexos pouco resoltos polos mesmos galegos. Polo que Steiner provoca dende ataques a un vello idoso e ignorante como displicentes invitacións ou agasallos para convertilo na nosa fe. Que máis da o que diga Steiner, Levy,Hawking ou Deus, se hai peores desprezos e ignorancias camiñando nas nosas cidades, dirixindo os noso destinos (puntos suspensivos)

  2. o problema -penso eu, (quizais logo tamén exista)- é cando certo tipo de declaracións parten de quen nos resistimos a considerar “un vello idoso e ignorante”. Se nos caen os mitos intelectuais (habelos, hailos) diante dos ollos será porque primeiro os levantamos nós. Non creo que Steiner fale por ignorancia, senón por ousadía, dispersión, xerez e intención de agradar a un catalán, motivos poderosos -dende logo- para o despropósito.

    certo é, porén, que unha boa forma de ignorancia é aquelo de oír campanas y no saber dónde… ou o que é o mesmo, “haber oído que en cierta universidad gallega…” e facer diso unha razón para divagar fóra do recipiente, que dirían les luthiers.

    (debería escribir os meus pensamentos para min soa, sería máis útil, seguiría sen me entender ninguén)

    Ps:
    encantoume o outro post

  3. sabía que os meus problemas coa puntuación serían trascendentes, faltábame “a un vello idoso e ignorante” entre comiñas, para facer evidente que non fago esas palabras miñas, senón oidas/vistas por ahi. Eu son demasiado ignorante como para expedir tales certificados a xente tan egrexia.

  4. Queridos roi buligan e berta dávila, queridos amigos que sodes para min [polo de agora] simpáticos ceros e uns: grazas polo voso tempo e os vosos comentarios, que leo, comprendo e, por suposto, comparto. Non sei por que raio dixen iso de Steiner, eu que non adoito contemporizar demasiado co contemporáneo ou temademoda en internet. Ás veces, apetéceme faltarlle ao respecto a alguén que non coñezo, debe de ser cousa de tantas horas mesmerizada na rede. E fixen leña da árbore caída, cousa triste.

    Levas razón, Roi, cando dis que hai outros peores ca o Steiner máis preto de nós. Levas razón.

    Se cadra, Berta, a min tamén subíume o xerez. Non teño nada contra Steiner, un señor ao que só coñezo de oídas, como mala filóloga que son. Pero coido que un profesional que se pasa a vida comparando non pode eludir cun Non me compare dúas realidades literarias que non teñen nada que envexarse a unha á outra. Simplemente, fíxome gracia o desatino.

    Ao mellor mañá resulta que ergo de bo humor e con ganas de teoría literaria e collo un libro de Steiner na biblioteca mentres el, na súa- na do barrio da cidade na que vive, almorza e compara- toma emprestado un de Cunqueiro. E o seu carnet -no que asinou con boa letra carolinxia S-t-e-i-n-e-r- pasa o código de barras polo lector e un bibliotecario arrefriado e compasivo cos animais senténcialle: Ata o día 28, señor Steiner.

    Esa utopía sería fantástica, non credes? Steiner pagaría a pena. Steiner tería a curiosidade dun estudante, dun que aínda non rematou de saber, de alguén que aínda dubida do que sabe. Steiner sería grande.

    Se non, terá que conformar con seguir sendo unha vulgar eminencia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: