lista de títulos que non serán libro

As listas de cousas que unha non fará xamais adquiren o estatuto da saudade. Son como cartas sen enviar atopadas na faltriqueira dun morto ou cartaces de festa nunha cidade bombardeada. Son o que puidemos ser e non fomos, son álvaros de campos concentrados, son xenios encerrados na intimidade das botellas.

Unha vez dentro dese espazo filosófico as potencialidades do ser son plenas e así o que nunca aconteceu, ese imperceptible desvío do devir, tórnase explosivo. Un grande suceso. Sabemos que iso non tería por que ter sido así, pero préstanos pensalo. Non é? Todo tería sido mellor se…

Supoño que todo tería sido moito mellor se eu tivese reunido as forzas necesarias para publicar libros coma estes que enumero e non os que publiquei. É un pensamento sucio, vitimista, e por unha vez non me importa. A porta que abren é precisa para eu respirar porque todo eu necesita, alomenos, a posibilidade de ter sido.

Sempre que me asaltan pensamentos así penso en G. A el secuestráronlle mesmo esa posibilidade de ter sido. Mesturánona nun cóctel químico, nun vaso de precipitado. E dende entón, todo nel é precipitación e baleiro.

Volvamos ás listas de cousas.

1.- Deste lado do telescopio: non sei moi ben por que, pero este tería sido un libro inesquecible. Lástima. Non debo escribilo xamais.

2.- Halo: un efecto interesante que acompaña a nosa percepción do mundo e das persoas. Pero hai trampa. Unha parte de Zoommm chámase así. E  tamén un poema vello. Chamarei Halo a un libro hipnótico e errante, un deses que flota con elegancia, para non ser escrito xamais. Tan só descrito

3.- Un glaciar á deriva: iso é puramente escribir. Escribir ben. A retranca xusta esixe semellantes distancias

4.- Distancia: unha novela sobre as ganas de non dicir

5.- Arrasamento: supoño que este sería un libro definitivo sobre algo. Talvez un último/derradeiro libro de poesía antes de dedicarme por sempre xamais ao efémero, a cantar, a deambular, a peitear nenos, a medirme o escote…

6.- Criatura e telescopio: aleatoriamente, este sería un libro de textos moi curtiños. 

7.- Eco: unha palabra evocadora, a ninfa que namora de Narciso e vive condenada a repetir o que outros din. Coido que é unha figura fatalmente literaria porque a literatura, ao igual que toda arte ou similar, funciona como unha superposición de estruturas en eco. De aí que Cervantes, Borges ou Auster sexan considerados [gústennos ou non] quintaesencias literarias: porque o material das súas invencións foi extraído directamente das entrañas e dos magmas da literatura. Acontece o mesmo co cine ou a pintura. Esa autofaxia, tamén chamada intertextualidade nos círculos dantescos da cultura oficial, ten un alto valor a día de hoxe porque utiliza como referenzas referentes previos e, polo tanto, satisfai o noso mono platónico de reminiscencia.

Starwatcher, de Moebius

8.- María Río: un alter ego. A verdade, durante un tempo pensei buscarme un pseudónimo chorras, tipo Anónima. As únicas veces que asinei con pseudónimos na miña vida, en revistas de universidade e así, empreguei Galadriel [antes da peli, claro] e Mitilene [agás en internet, onde uso a criatura mecánica, opia ou a criatura]. E tamén María Río. Como alter ego non está mal. Coido que é unha persoa moito máis riquiña ca min, con ese nome de galleta. Se o meu nome peca de filosófico e aristocrático, María Río funciona como unha especie de nena postiza, un ser crisálida, entre proletario, anónimo e 1/6.600.000

9.- Textura: talvez un libro de pequenos contos, textos, texturas. Algo se cadra difícil de clasificar nas bibliotecas.

10.- Z: tiña un libro de poemas así que non sei onde puxen

11.- O xenio encerrado na botella: un libro de artigos ou microensaios.

12.- Case quasar: unha achádega eufónica que me lembra ao titulo inicial deste blog, como kosmos

13.- Vodevil: quizais porque o factum de escribir arranca dunha vileza. Quero perdurar por riba dos demais. Ou, como mínimo, por riba de min mesmo, do meu deseño mortal. A cultura de consumo e o espectáculo de variedades ofrecen metáforas moi axeitadas e actuais a esa vella necesidade [necidade?] humana.

14.- Intimidación: a grandeza dun libro nunca escrito ten, como mínimo, que intimidar. As escritas grandiosas, os grandes parágrafos de Lolita, Neruda, Macbeth, Vallejo, Woolf, chegaron a confundirme. Cando lía Residencia en la tierra doíame a cabeza. Esa sensualidade nos adxectivos, todo ese contoneo verbal e a imaxinería vertixinosa xamais antes imaxinada lograron intimidarme ata tal punto que houben lelo na habitación sentada contra a porta para que ninguén abrise. En todo semellante ao onanismo, a un onanismo de descuberta. Despois de ler textos así, unha traga saliva a grandes grolos, luminosos, coma quen bebese uranio. Hai un rachón no tecido espazo-tempo. Comprendemos algo, un algo fugaz que é algo. E sentímonos amenazados. Si, amenazados de beleza. Intimidados pois, aló na noite do noso cranio, houbemos imaxinar barbaridades léxicas semellantes, tiñamos os elementos, as sensacións, faltounos a gramática. Chegaron eles, Clarices, Jaeggys, Cortázares, Vallejos, Szymborskas, Tizóns, Rivas, Coetzees… e fixeróno. Cun boli, pluma ou qwerty. Escribírono. Esa connivencia, esa clandestina electricidade de un a outro, ese arco voltaico entre un cranio que escribe e un cranio que le dentro dunha cama cunha bombilla de 60… iso intimida. É fantasmal. Arrepiante. En certo sentido, monstruoso e tan apetecible.

15.- […]: por suposto, Puntos suspensivos é un dos nomes que barallei sempre para calquera cousa. Un blog que xa levo, por exemplo. Mesmo o propio signo, sen máis, aínda que soe a capricho estilo Prince. Supoño que todo libro fabrícase dos silenzos doutros libros e, se é verdade que non existe o libro definitivo, calquera grande obra [e tamén aquelas menores] consiste nunha fina liña de puntos en suspensión ata a seguinte

Datos de interese: en Marte resulta que amencen con rosada. Sen dúbida, haberá poetas marcianos que escriban textos chamados Orballo en Utopia Planetia ou O resío que non nos deixou arrancar. Determinar se iso é unha boa ou unha mala nova para o resto do sistema solar, deixo que o decidan vostedes.

Actualización día 13: leo hoxe completa a famosa entrevista a Steiner no País. Resulta que o libro que vén de publicar chámase Os libros que nunca escribín. E a súa autobiografía Errata. Maldición. Antes non tiña motivos para odialo. Agora, si. Fareino como unha profesional.

12 pensamentos sobre “lista de títulos que non serán libro

  1. Eu sempre pensei que o “Que pasaría se…” (tan frecuente na BD e na mal chamada “subliteratura”) está moi pouco explotado para o que daría de si. Estaría ben un “Libro dos libros que nunca escribín”, claro que eu sempre teimarei en escribilos todos, e se non dá tempo sempre quedará procurar un bo medium e darlle á psicografía.

  2. eu regáloche o meu título preferido de libro inexistente (incluso propoño que sexa obra colectiva de textos inexistibles) onde agrupo poemas que despois ou ben van parar a outros libros ou, definitvamente, caen no esquecemento – moito máis que ben merecido- ou simplemente nunca pasan de ser dúas palabras fiadas a través de relativos. apáñoos nunha libretiña azul que no lombo pon “punto bobo”.

    preparo unha xuntanza de poetas e colegas na coruña, para o finde de despois dos poetas novos. irei avisando en canto vaia concretando. unha paerta enorme. e unha aperta tamén.

    😉

  3. Calidonia: si, coido que xa mo comentaras. O de reticências é, de certo, moi evocador. Son os puntos do que podería dicir e non digo. Tampouco me disgustan os puntos suspensivos. En calquera caso, o máis simple é o inglés americano dot, dot, dot. Unha parvada.

    Mario: completamente de acordo, o “que pasaría se…” é totalmente serie B, BD, Sci-Fi e demais sub. O libro dos libros que nunca escribín é un bonito título. Bule a escribilo. Ou a non escribilo, pero bule.

    Grazas, Roi Buligan. Coidado cos embigos. Son unha versión do buraco negro interestelar. Tereino en conta.

    E grazas tamén, María Beria. Os puntos bobos son obxectos moi riquiños. Amámolos. Añinda que só sexa porque nunca chegan a nada, ou a pouca cousa. Garda moito o teu punto bobo. Ten nome de estilo de calceta.

    Apertas. Ata a 1ª xuntanza.

  4. Apúntame na lista de odiadores de Steiner.
    (Non hai peor cousa que coñecer a un tipo por ornear. [E agora virán os de Galicia Bilingüe a pensar que Mr Steiner “es cocinero y hornea…”]. Que non, que éste o que fai e ornear, carallo!)

  5. Umha vez escrevim um poemário pequeno, de 12 ou 14 poemas, nom mais, que perdim em algum traslado de morada, que se intitulava “Nunca um helicóptero”. Pudo chegar a ser livro, mas como se perdeu, nunca chegará a nada nesta vida, como o seu autor 🙂
    Lembro, por lembrar, que o primeiro poema, e o que lhe dava nome ao poemário, explicava porquê motivo nunca um helicóptero fica bem no meio dum poema. Escrevi-no nunhas folhas de publicidade de nom-sei-quê que tinha polo bar quando eu tinha um bar.
    Se calhar, dentro de 100 ou 200 anos algumha rata de biblioteca dá com ele e este comentário fica invalidado. Ou nom. Os caminhos do senhor som inexpugnáveis.

  6. Os comentarios, polo xeral, mesmo que sexan anónimos e con mala fe [que non é o caso, nin moito menos] melloran os posts. Engórdanos. Son o prebe que mollar despois. O que nos chorrea pola comisura logo de ter engu[lido] unha entrada calquera nun blog calquera, no último blog do universio.

    Agradézovos moito o voso tempo, dedicación, as vosas achegas a esta lista, como todas, aberta e incompleta.

    Personalizando:

    Chousa da Alcandra: non creo que odie a Steiner. Se hai unha lista de odiadores non creo que eu forme parte; non sei, tería que mirar esa lista a ver porque unha nunca sabe consigo mesma. Na entrevista que lle lin no xornal El País tamén expuña cousas interesantes. Non sei se o tipo ornea de máis ou non, supoño que aos 80 anos un pode permitirse o luxo de ornear todo o que se reprimíu cando era novo e descoñecido. En calquera caso, se algún día fago unha lista de odiadores de algo, inclúote. Eu tamén estarei, aínda que o branco dese sentimento tan dependente sexa distinto.

    Igor: “Nunca um helicóptero” aventuro que debeu de ser un grandioso libro e probablemente hoxe faga as delicias dalgunha clase de bacteria ou fungo que o ande a descompór polo mundo arriba. Nunca un helicóptero fica ben no medio dun poema? Xamais me decatara de semellante evidencia mais, xa que estamos, propóñoche un xogo: inserir helicópteros no medio de textos, poemas, entradas de blog, contos… Ha ser o único xeito que esas pobres bestas de carga terán para se redimir de tal condena lírico-tráxica.

    Non esquezamos que un helicóptero é a versión bélica e escravizada dunha libélula xigante do carbonífero superior [Meganeura].

    Nunca un helicóptero fica mal no medio dun poema. No medio dunha peli de ianquis salvíficos, en troques…

    Sorte polo Condado.

    Cristinha: E agora que facemos? Invéntoos eu ou ti inventas que os liches e nos contas que tal foi a cousa, que pasaxes che gustaron máis, que personaxe estaba mellor construído?

    Bicas a todos a esgalla.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: