Estou soa nalgún lugar desta frase, entre onte e hoxe, entre norte e sur.
Entre. Aquí. E. Alá.
O derradeiro día do ano parece preciso dar explicacións de algo, facer listas de algo, facerse unha foto de un mesmo facendo algo. A miña foto deste instante é:
unha vella chaqueta de lá fucsia
un neno durmido
estas 4 lecturas, remotas unhas das outras, pero xuntas en min: Sloterdijk, Banksy, Pureza Canelo, Pilar Pallarés
Grizzly Man descargándose no Ares
non teño 12 uvas
na casa da miña nai hai uvas
Grizzly man de Rockettothesky [Jenny Hval] soando no iTunes
pensando en 2 agasallos que mercaría
na fiestra do 8º piso da casa da esquina alguén pegou unhas caras moi simpáticas . Sempre me fan sorrir
pensar agora nun animal abisal bioluminiscente, unha medusa ou algo similar, é absurdo. Pero penso nel. É o seu derradeiro día do 2008, a menos que siga o calendario chinés ou un calendario abisal bioluminiscente cuxa existencia énos descoñecida
teño que ducharme
escribín bastante os últimos días, o cal proporcióname unha fraudulenta sensación de avance. Persisten dous textos que non sei como rematar
se poidese manter o ritmo de escritura dos últimos días durante todo o 2009
2009
Barcelona
Madrid
pero Barcelona
Y
sempre tendo a preocuparme antes de que se corporeice [?] o propio motivo da preocupación. Esa é unha das facetas máis preocupantes do meu temperamento
2009: tampouco cambiarei de temperamento
2009: rozar o mínimo luxo de poder escribir sen moverme de aquí. Non moverme de aquí. De Y. Dos meus. Rozar o mínimo luxo de non precisar saír de aquí para gañar a vida.
os meus pes descalzos. Son bonitos, os meus pes
penso en MDM, en traballar máis con eles
pensar agora nunha galaxia similar á nosa é absurdo. É mesmo estúpido. Pero penso nela. Visualizar galaxias, estruturas celestes, vectores e cousas así é un exercicio de paixón. Ás veces teño que procurar a emoción niso, en visualizacións de neuronas, de accidentes solares, de fórmulas do carbono, de cristais de neve, de neanderthais abrazándose nunha gruta cantábrica… Ás veces iso emocióname máis que que me digan que me queren. Máis ca o pobre cadáver abeto ao que se lle cae a purpurina a cachos no salón. Máis que pasar o ano nunha festa
as festas sempre foron exames suspensos para min, ou que pasaba raspando
as festas son un guion de comportamento
onte recibín un sms bonito
vexo unha foto do meu gato. O meu gato só existe en foto. Do meu ex-gato
teño que espertar o meu neno
teño que ducharme
teño a regra
teño que escribir unha última cousa máis
lembro que hai 11 anos estaba regresando de Ucraína, cunha persoa á que quería
acabo de visualizar o caixón da roupa interior: alí, ás escuras, está Betty Boop
vou ducharme e poñer a Betty Boop
gústame escribir sen ducharme e ducharme xusto despois. Coido que Luísa Castro, en Baleas e baleas, falaba diso nun poema final: Despois de toda unha tarde escribindo versos, ducharse, ou algo así. Eu imaxinaba a Luísa Castro, bonita como é, ollando para o desaugue, matinando no que acababa de escribir
iso vou facer eu nuns minutos
ficar pampa ollando para o desaugue remesturando no cerebro todo isto, matinando en todo isto
en Barcelona, Betty Boop, Pureza Canelo, foam cities de Sloterdijk, a maternidade de Sloterdijk
na maternidade
en mamá
en Y
na peli que vin onte comendo puré de cabaza, soa: No limiar da vida. Unha marabilla interior de Bergman
a maternidade
a maternidade
eu son mamá
comprendo as figuriñas de fertilidade, as divindades mexicanas parindo en crequenas, comprendo as rachadelas espazo-tempo, as rupturas, todo o mundo debería parir algunha vez, mesmo que lexitimamente non aspire a ser nai
parir é unha droga
a miña amiga E. cando quedou grávida asegurou que camiñaba polo mundo sentíndose poderosa, poderosa afrodita
eu lembro sentir que levitaba: a gravidez produce levitación
na tenda Alita de cómics merquei unha lata de Caramelos Anti-Gravity. Trasantonte. A dependenta é moi guapa. Celebro comprarlle cousas
gústame a palabra trasantonte. En galego, o pasado é máis profundo que en castelán
Hoxe superácheste. Sempre na vangarda.
Increíble post. Non deixo de miralo e lelo co interese das aprendizas.
Grazas
!!!
Vaia, nom era isso exactamente.
!!! também.
Mas eu queria dizer:
.!!!
mmmm
grazas
🙂