Craváronme uns dardos polas costas. Dous. Un e dous. Agora hei facer eu o mesmo.
Penso. Non me saen 3 dardos. Sáenme máis de 3. Pero debo cinxirme a 3. As regras escrupulosamente din 3 dardos. Non 2 nin 8. 3. As regras tamén din, escrupulosamente, que debo pendurar a foto dos dardos nesta entrada. Pero a min esa foto non me gusta. Non me gusta. Gústame a idea dos dardos pero non a foto que teño que pendurar. Gústame a idea, pero non a totalidade da idea, non todo o ritual que comporta. Naturalmente, teño dardos para dar. Teño dardos para dar e tomar. Visito varios blogs con asiduidade, gústanme moito, admíroos, róubolles cousas, plantéxome [aberración castrapa] ser eles e escribilos eu por un momento. Zelig.
Pero esa foto dos dardos… non me convence. Préstame a idea dos dardos, mesmo me afaga mirarme agora no espello, no espello de esguello, para me ver as costas e albiscar esas dúas marquiñas diminutas, unha en cada omoplata, dos dous dardos que me lanzaron. Íspome, miro no espello da miña habitación que ten unha máscara de gato dun antroido pasado, doume a volta e xiro o pescozo para me ver o lombo. Sempre me gustou o meu lombo porque é de nadadora, anormalmente ancho. Algunha vez nadei ben. Imaxinaba devanceiras miñas, nadando e nadando ata conformar ese lombo que me foi tocar a min nesta vida. Un lombo que me fai crer que son forte, resistente. Un lombo de nadadora, de serea olímpica, de masculina sibila de Miguel Anxo, de balea, de leviathan. E aí están, aí as vexo: as dúas marquiñas dos dardos.
Que afortunada que son.
E agora eu debo lanzar os meus dardos. Tras todo este preámbulo estaredes en ascuas. Foi unha trampa. Tróuxenvos ata aquí para lésedes o do meu lombo e pouco máis. A próxima vez que me vexades e eu me dea a volta ollaredes o meu lombo mitolóxico, lombo de atlante, e falaredes del ás miñas costas. Sen eu sentir nada. E diredes, aí están, os buraquiños dos dardos, daí podemos enganchar unhas poleas e rubir ao universo, daí partirían unhas ás ou unhas escaleiras, por aí poderiamos meter un dedo e chegar ao seu interior visguento e marrón, foron dardos ben útiles, estes.
Os dardos. Vou lanzar 3 dardos.
Blog de Pablo Gallo: por relacionar incestuosamente literatura e debuxo ata o punto de non distinguir cal é qué.
Ovnis e Isoglossas: por desafiar, artefactar, colar, pegar, pendurar [se], convidar, inventar, múltiples personalidades adoptar, ovniar e isoglossar.
Lándoas: por semiotizar, dramatizar, matizar, isomerizar, polimerizar, polemizar, danzar, avanzar, lanzar.
E lanzaría, se non fose xoves e chovese, dardos diferentes porque aquí do que se trata é de linkar, non? pois linkemos como é debido: se fose venres e nevase cravaríallelos con certeza a esa especie de colega mental que non coñezo persoalmente e vive d’O outro lado do espello, a Calidonia e á mamaíña casatlántica. Se fose sábado e ventease lanzaríallelos sen pestanexar a Hotel junto a la vía, Agua del tiempo [que non é exactamente un blog, senón un híbrido haikublog] e Perdiendo mi eje [un clásico que admiro de sempre]; o domingo anubado: daquela fico na cama matinando en medusas, en peixes dardo de lume. Pero axiña volve ser luns con sarabia: francotiro entón a O Cartafol de silencios, O levantador de minas e Fíos invisibles. Se fose martes e tivese caído un meteorito probaría puntería en Das orixes de marzo, Incomunidade [ese blog orxiástico do ximnástico A. A. Miranda], A Regueifa Plataforma; de ter sido mércores cun arco da vella ensartaría a Cristinha, Roi Buligán e a marabillosa Luna Miguel…
E quédanme os Farrapos de Gaita, quédame o Lector Mal-herido, quédanme Beliscos pequenos, Ternura porno, MariBolheras precárias, Hikikomori, O blog dos pelachos, O porto dos escravos, a revelación de Lidia Bao… e moitos outros. Moitos outros.

Isto vai diso. De desparramarse en blogs. Por que so 3? Por que ese texto tediosamente cursi dos valores éticos e nonseiqué? Por que esa horrible foto?
Prefiro a de Dardo Lancaster nesa película que vin 300 veces, xunto có Temible Burlón.
Isto ía de linkar.
Linkemos.
Asaeteémonos.
Sansebastianémonos.
[…]
Ven? Gústame a idea dos dardos, pero non a totalidade da idea. Salteime algunha norma, unha desas normas escrupulosas dos memes que a min me encantaría poder seguir. Pero non son quen. Non pendurei a foto do premio, nin o copicola do texto explicativo. Non me puiden cinxir a 3 dardos só porque hoxe é xoves. E chove. Gústame a idea pero non a totalidade da idea.
Comprenden por que non podo ser política?

Graciñas polo dardo. É un pracer ser cravado, coma unha bolboreta, a esta folla internáutica de coleccionista de palabras fermosas. Linkémonos, pois. Un bico, Estíbaliz.
Grazas tamén polo disparo ao aire :p Gústanme por igual os venres e a neve.
🙂
Siempre bienvenida a mi Hotel junto a la vía, siempre con una habitación reservada. Siempre.
Obrigado!. Já sabe que as viagens interestelares em ovni ao redor das isoglossas do mundo som muito costosas. Prémios assim animam a continuar adiante.
Nunca na vida gustárame tanto un disparo!! Graciñas pola delicadeza coa que es quen de apuntar e lanzar estes dardos amorosos.
Apertas dende esta mañá de chuvia neste recanto do universo!
é un pracer estar aí, na metade da semana e cun arco da vella de por medio.
Extraordinario, delicado e magmático á vez, como adoito.
Recíboo todo da súa man, tamén o dardo, arroibado e grato.
Cumprimentos, minha senhor. Miiaaaaauu!