elixir calceta

Retrato de muller negra. Maruja Mallo

Retrato de muller negra. Maruja Mallo

Estes días xanto con moita xente ao mesmo tempo. Estou nunha cidade con moita xente ao mesmo tempo. Xantamos delicias picantes de moitos lugares do mundo. Nós vimos doutro lugar do mundo. María Reimóndez tamén anda por aquí, cunha bolsa con agullas de calcetar e un protoxersei verde, a medio facer. É bonito ter cousas a medio facer. A vida, por exemplo, a medio facer.

Ollo longo tempo esa bolsa con calceta que repousa onda unha mesa, coma un biscoito nun forno, como unha nena nunha cama a medio facer.

A miña nai calcetárame unha vez un xersei terrible, medieval, que me molestaba na sisa. Aprendérame a calcetar. A calcetar e a ganchillar. Era delicado facelo pero había naquilo algo elocuente. Entre os sons que me gustaban por aquel entón atopábanse os miudísimos clin-clin das agullas de calceta ao entrechocaren, así que unha das motivacións da miña pseudocalceta consistía en propicialos no silencio da casa.

Mamá non calcetou moito máis e dedicouse aos patróns do Burda con resultados máis resultóns. A día de hoxe fai tapiz gobelino e patchwork. Hai anos que non calceta. Boto de menos o dano na sisa daquel xersei que probablemente xa non existe.

María si calceta e lémbrame a esa fotógrafa estrela do flickr, a islandesa Rebbeka Gundleifsdottir, que fai xerseis. Con grecas nórdicas. Aproveitando o seu éxito como fotógrafa, Rebbeka xa vendeu varios na rede.

O ano pasado, María ordenoume calcetar. Dixo:  Calcétame unha bufanda. Non sei facelo, non me lembro– respondín. Logo, que sabes facer? Crin que sabía escribir, como todo occidental. Escríbeme un texto para un libro con textos de galegas e mais etíopes

Penseino un pouco.

Podo escribir un texto sobre algo que só coñezo mediatizadamente? Talvez debería poñerme a calcetar bufandas.

Unha bufanda para unha etíope. Se cadra serviralle o mesmo que este texto que calcetei ao longo duns poucos días do ano 2008.

Escribín “para unha etíope”. Imaxino máis facilmente a unha muller etíope que a un home etíope. Son consciente dese pequeno luxo inxusto: que no meu cerebro unha categoría nacional estea representada en abstracto polo suxeito feminino e non o masculino. Etiopía éme unha categoría mental feminina.

Velaquí copicolo o texto para un futuro libro conxunto de etíopes e galegas que coordina María dende o seu traballo como escritora e activista  á fronte da ONG Implicadas no Desenvolvemento. A día de hoxe míroo e xa é un pouco menos meu. Unha bufanda de varios centímetros que emerxe das miñas axilas e roza por un momento a ilusión de ser significativa na garganta dunha abisinia. Unha inxenuidade tamén occidental. Asumo con digno pesar que pertenzo a esa raza terrible, vanidosa. Xs occidentais.

Elixir

Entre ser texto ou non selo, elixiches selo.

Entre unha rocha de Lalibela, unha desangrada árbore de coral ou un representante do reino animal, titubeaches uns cen milenios.

Entre cordada ou invertebrada, deuche igual: chordata

Tetrápoda ou bípeda. Aí pensáchelo un pouco. Logo, traballosamente, levantaches.

Ao lonxe, unha panteira bocexaba logo de terche devorado por non correr dabondo aínda.

Decidiches criar aos cachorros dentro da propia especie e non ceibalos en ovos
tan perfectos, si,
mais fendendo apenas ao os nomear.

Entre primate e non primate: quixeches termar do mundo coas túas mans. E fuches primate.

Doado.

Na casilla chimpancé ou homo escolliches homo, na terra na que os homo aconteceron e pestanexaron antes que en ningunha outra terra.

Viches claramente a un chimpancé tapando a boca por non escachar a rir.

Despois, o deus copto puxo ante ti: elixe agora, varón ou femia.

Deixaches medrar as mamas e penduraron así o resto de todas as túas vidas. Un trofeo obtido do engado á natureza.

A raíña de Saba, tataravoa túa.

O perfil monárquico de mulleres con 40 quilómetros de auga na cabeza.

As rastafari primixenias, invocadas dende dentro dun anel de fume.

Algunha concubina fértil de Rimbaud.

O sol renxe por riba das túas miles de nais, provoca o parto do futuro.

O calcio dos seus ósos reencarna nos teus dentes. Que sorrín. Os teus dentes.

Todas esas damas abisinias, supervivintes a esgrimiren un coitelo e un par de máximas arcaicas. E así seccionar á pura da impura, á moza que aprendeu a enfeitar colares da muller mutilada de despois.

Os homes fumando e ollando a outro lado, a un pasado escintilante, cos seus orgasmos ben cargados no horizonte.

Terías ante ti toda esa estirpe de mulleres no lombo

Elixiches ser muller porque nesta terra xa ninguén querería selo.
E ser muller é un xeito de ser
calquera cousa.
Animal, mineral ou cousa.

Elixiches ser
as tres.

Estíbaliz… 2008

4 thoughts on “elixir calceta

  1. Yo también conocí en una ocasión a una chica de eritrea, que para el caso es más o menos lo mismo. Se reía mucho de mis chistes de cinico occidental y me decía k me comportase, que era muy “camp”. Un tiempo más adelante conocí a otra chica de nigeria, creo, con la que tuve una experiencia similar. Desde entonces se me da por pensar k al ojo de la mujer africana no se le escapa nada: una tontería antisociológica como cualquier otra… Pero, estibaliz, que reconfortante es el peso de la intranscendencia…

  2. ais…que texto tan chulo! e eu que deixei o meu a medio facer…estarei aínda a tempo de o acabar? aínda que despois disto, non sabería que dicir nel.
    bicos grandes dde nós os tres!

  3. Alberto: qué reconfortante es y qué poco pesa.

    Anónimo: coido que aínda estás a tempo. Fala con María. Seguro que, se es quen eu penso, sabes moi ben que dicir

    Roi Buligán: e calcetistas. Un saudiño

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s