música reptiliana

040508_ConnieImboden
by Connie Imboden

Dende a revista dixital Sono-Tone pedíronme unha lista. Os 10 temas da miña vida.

[inclúo o artigo xa que o link da revista desapareceu:

Resúltame claustrofóbico elixir 10 temas. Daí que, deslizados nos comentarios, vaian moitos máis. E agora que vexo o decálogo rematado e comprobo que non puxen nada dos Beatles nin dos Cure nin de Mogwai nin de Björk nin de Police nin de Bola de Nieve nin de Buika nin de Astrud nin de Bowie nin de Rockettothesky nin de Air nin de Jobim nin de Milton Nascimento nin de Debussy, dáme ganas de darlle á tecla supr e volver argallar un de cero.

1.- Angelene, PJ Harvey. Por compulsión. Este tema escoiteino unha e outra vez dálle que te pego sen parar durante eóns ata que formou parte do meu ADN. Con similares resultados podería citar Servant to the slave de Capercaillie, Hyperballad de Björk, Rape me de Nirvana, Pyramid Song de Radiohead, Mes pas dans la neige de Keren Ann… Así son as compulsións, qué lles queren. Teño toda PJ Harvey. Préstame PJ Harvey, ela, a súa roupa, a súa boca fea, as súas letras, a súa guitarra e o seu piano. O piano en Angelene. O ritmo repentino. O baixo. A letra. Pretty mouth and green my eyes entereime máis tarde de que era o título dun libro de D.J. Salinger. Non hai puta máis melancólica e sabia que ela. E se a hai, debería escoitala.

http://www.goear.com/listen/e07910a/Angelene-PJ-Harvey

2.- Pueblos del mundo, extinguíos, Siniestro Total. Porque son de Vigo e eu de Coruña. Que carallo. Considéroos letristas insuperables. Axudáronme a comprender non só o universo, senón tamén a morriña, a chusma, o punk e a homosexualidade. Canda as de Radio Futura [e o mito sexual do buraquiño no queixo de Auserón] as súas letras e temas avellentaron bárbaro.

http://www.goear.com/listen/e45cbd8/Pueblos-del-mundo,-extingu%C3%ADos-Siniestro-Total

3.- Paranoid Android,  Radiohead. Porque ninguén canta con tanto frío como este tipo, Thom Yorke. A menos que pensemos no cantante de Kraftwerk.

http://www.goear.com/listen/67b8c8f/Paranoid-Android-Radiohead

4.- Comfortably numb, de The wall, Pink Floyd. Por romper crac unha lanza por eses lastradiños fronte ao neopop: os progresivos ou sinfónicos como King Crimson, Gentle Giant, Genesis ou Yes. Eran insoportablemente brillantes.

Este tema gravita. Pásalle algo similar ao Round the bend de Beck.

http://www.goear.com/listen/49d9eb6/Comfortably-Numb-Pink-Floyd

5.- Venus in furs, Velvet Underground. Por maldade. Da miña etapa-Patachim hai moitas, dende Os Pixies a Os Planetas, de Beck a Andrés do Barro. Ah, pero o sitar! Ah, pero Severin!

http://www.youtube.com/watch?v=2rkVQgX6mC8

6.- Im Abendrot, dos Vier Letzte Lieder, Richard Strauss. Por esas pezas que xamais cheguei a cantar. Estudei e cantei arias, oratorio, partes de réquiem, coros de sinfonías de Mahler… pero esta non. É marabillosa. Quizais como todo o que rozamos e non alcanzamos.

Versión de Kiri Te Kanawa. Tamén a de Jessye Norman é sublime.

http://www.goear.com/listen/925091e/Im-Abendrot-Strauss

7.- The box, Orbital. Por paseos nocturnos por Coruña. Gustaríame poñer unha dos Cranes que me gravara Emma Couceiro pero nunca lle souben o título.

http://www.goear.com/listen/52e267c/The-Box-(part-one)-Orbital

8.- Vem, Madredeus. Por saudadismo. Da miña etapa-covafolk podería poñer todas as de Milladoiro, Capercaillie, Hedningarna ou mesmo dun grupo tradicional xaponés chamado Ensemble Nipponia. Pero a voz de Teresa Salgueiro é a máis atlántida de todas. Pertenço-te…

http://www.youtube.com/watch?v=CwO9lHwQ3R4&feature=PlayList&p=ADC3CCE5B14CD2ED&playnext=1&playnext_from=PL&index=22

9.- I got plenty o nuttin’, de Porgy and Bess, George Gershwin. Con Ella Fitzgerald e Louis Armstrong, por suposto. Calquera cousa deles. A min vaime a música melancólica en tonalidades menores, como queda demostrado neste decálogo, pero algunha alegre había poñer, ho. Podía ter sido de calquera banda sonora, son fan [fun fan] de West Side Story [Somewhere versión Tom Waits], Sorrisos e bágoas, American Beauty, O derradeiro emperador ou Blade Runner.

10.- Suite dos Planetas, Gustav Holst. Polo meu irmán. Polos domingos dos 80. Por Saturno, Marte e o coro de Neptuno. Como moita familia burguesa algo vida a menos os domingos tocaba escoitar música clásica. Stravinsky, Bach, Satie… xa saben. O resto da semana, La abeja Maya, Ulises 31, El hombre y la tierra, Cosmos, Michael Jackson, Madonna, Mecano, Enrique y Ana, … eses hits.

http://www.goear.com/listen/5c5075e/holst—the-planets-complete-Holst]

Esas foron as miñas respostas ao pedimento.

Un pedimento tal que leva a crer que a vida de unha pode ser tan relevante e cinematográfica como para dispór de banda sonora.

Obediente de min, pensei durante varios días os 10 temas, tachei varios, considerei outros. Finalmente parín 10 entre os cales foron inseridos moitos máis. Sibilina que é unha cando se cre sibilina. Pero non foi ata días despois que reparei na falta dalgúns temas, temas do cerebro reptiliano poderiamos dicir, temas que burbullan tan profundos que a bote pronto non agroman, tardan máis, veñen de máis lonxe, de onde a médula espinal se cruza coa órbita de Sedna e cun crocodilo que pasaba por alí.

Lista de temas dun cerebro reptiliano:

1.- Ommadawn, part II, On horseback. Mike Oldfield. Coñecida na miña casa como a canción dos gnomos. Deille a vara a moita xente moito tempo cantaruxándolla logo de tela emborrachado [á xente]: por casualidade, sóache esta canción? A táctica non deu froitos. Eu medraba, afastábame desa canción e desesperaba. Como se chamaba? Sabía que era de Mike Oldfield pero, como atopala na cantidade inxente de melodías dese tipo? Internet, o pirateo e demais fixeron o resto. 20 anos despois atopeina. Por suposto, como debe ser, era moito máis misteriosa e gnómica a que eu escoitaba na nenez. En realidade todo Ommadawn así como o estraño disco Five Miles Out [parte Taurus II] forman parte dunha banda sonora que eu sentín moitas veces a través da porta da habitación do meu irmán cando moi cativa.

Unha mañá atopamos roto o vidro do Ford Fiesta amarelo de mamá. Roubárannos a radio do coche. Con boa parte das cassettes, claro. Entre elas Ommadawn, xunto con algunha de Milladoiro, os Calchakis, Silvio Rodríguez, Nino Bravo e máis.

As bandas sonoras a través da porta dunha nenez grávanse no cerebro reptiliano e atópanse por riba [ por baixo] de calquera elaboración que teña que ver cos gustos, as referenzas culturais. Iso xa é neocórtex. A lista das miñas 10 publicada en Sono-Tone, por exemplo. Iso é neocórtex.  En troques, no cerebro reptiliano flotan outros: temas que me sacuden por motivos alleos aos meus gustos musicais dado que se atopan na súa xénese mesma. Nesa mesma onda de música-escoitada-tras-da-porta-do-irmán-maior andarían Yes, Genesis, King Crimson, Jethro Tull, o ska de The Specials, The Cure, Bela Bartok, Os Planetas de Holst, Satie, Stravinsky, Charlie Parker, Fuxan os ventos, Milladoiro e por riba de todos eles pola insistencia, The Police.

2.- Neverending Story, Limahl. El pode ter pasado sen moita trascendencia por este planeta pero é a voz e o rostro do tema para a Historia Interminable, de Ende. Para min, unha das mellores obras da literatura, comparable a enxeñosos fidalgos a magdalenas proustianas e castelos de K se habemos de nos poñer estupendirmos citando clásicos. A canción non revolucionou a historia da música pero si as almas de centos de nenos que saíron do cine Coruña crendo cegamente na Emperatriz Infantil. Oitenteira a máis non poder e cunha letra entre new-age e au pied de la lettre da novela.

3.- A Bruxa, Milladoiro. A día de hoxe escoito ao azar unha peza de Milladoiro e regreso a unha aldea que nunca tiven, ao momento íntimo -a carón dunha cociña bilbaína- no que a miña tía prohibíalles ás miñas curmás maiores asistir ao Festival Celta.  Aí vou, directa ao renxer do faiado dunha casa enorme na que durmía na mesma cama coa miña nai e a unha casa diminuta, de ananiños, case un alpendre onde vivira a miña bisavoa Dorotea soa a meirande parte da súa vida. Onde paríu a un avó que axiña emigrou  á Habana  e regresou e… En fin. Todo iso.  Ao longo deses anos, a zanfona d‘A Bruxa consentíu en evocarme toda esa bruma que me sempre me abrumaba.

4.- Bring on the night, Police. En  realidade, absolutamente todo Police, que era a banda fetiche da adolescencia do meu irmán, equivalente á miña nenez. Déronme a escoitar hai pouco esta versión de Gustavo Cerati que me parece soberbia. A súa voz é… É.

5.- 21st. century schizoid man, King Crimson. Con 8 anos non comprendía moito ese tema pero iso non impedía que me enchera dunha especie de terror after-the-bomb ao que acabei por tomarlle gusto.

6.- What a feeling, Irene Cara, Flashdance. Vin esa peli cunha curmá e a súa nai. A miña tía comentoulle logo á miña nai: Moi para nenas a verdade que non era. De golpe, fíxenme maior. Pasei varias metamorfoses posteriores [de crisálida a avelaíña, de discofun a punkie, de nena a muller] bailando un chisco o tema principal perante ese espello no que toda nena se fabrica unha falsa unicidade, esa primeira maquillaxe de postureos e bailes que é un espello. Un bo día, sepultei o casette. Agora exerce de  fósil que, nas arqueoloxías das limpezas ou das mudanzas, obra o poder de me retrotraer a outras eras xeolóxicas.

7.- Banda sonora de Ulises 31. Tan juxtapoz que era esa serie, tan futurismo de clásico revisited: argonautas con extraterrestres, deuses gregos noutros planetas, robots mascota… Quienquiera que se atreva a desafiar el poder de los dioses merece ser castigado. Desde ahora errarás por mundos desconocidosUlises, el camino hacia la Tierra se ha borrado de mis memorias… Encantábame [sobre todo Thais]  e a súa  intro é unha inxección de posibilidades aventureiras, esas que todo neno experimenta cando se deixa levar. Gregos e marcianos, mitoloxía e espadas láser… Todas esas series que lesionaron para sempre os nosos brandos miolos.

8.- Banda sonora de El hombre y la tierra, Antón García Abril. Fago un chamamento ás autoridades musicais para que desalambiquen este endiañado ritmo co que todos vimos unha águia arrebatar un rebeco das abas dos picos de Europa e a Rodríguez de la Fuente abrazar unha anaconda.  Todas as síncopas visuais da natureza encarnaron en dúas síncopas acústicas: a voz de Félix [amigo…] e esta partitura.  Con ela non se pode evitar corriscar cos lobos. Marabillosa.

9.- Con las manos en la masa, Vainica Doble con Sabina. Era a sintonía que sinalaba a fin da programación infantil da tarde malia que unha sempre ficaba a escoitar a letra [unha lista de cousas de comer nas que fulguraba o lacón con grelos, como esas fotos vintage nas que distinguimos a un familiar noso de pequeno no medio dunha morea de alumnos descoñecidos e dende alí fulgura para nós].

Alén diso, o tema falaba doutras cociñas, doutros pratos e doutras nais que xa non eran as nosas. As nosas nais -a miña en concreto- saían a traballar, cosían a sua roupa, ás veces xa non tiñan home e facían como podían.

Grazas a Vainica Doble lembro que o gazpacho leva allo e pepino, que o morteruelo e o cordon-bleu son cousas de comer e que o pato chinés non pertence á gastronomía castiza. A canción non é que sexa espectacular, pero levanta capilares oitenteiros ao seu paso.

10.-Cosmos, Vangelis. Nesta recta final de bandas sonoras non podía faltar ese pianiño con synth que abría outro programa mítico, quizais un dos máis, conducido por Carl Sagan. Reunir a unha familia de clase media-baixa-que-fora-algo -alta de 3 membros (adulta, adolescente e nena- e gato) nunha provincia dun recuncho do mar arredor do calendario cósmico, a biblioteca de Alexandría, Andrómeda e Eratóstenes, lost somewhere between inmensity and eternity... coido que foi o milagre máis grande que a televisión fixo algunha vez por min.

2 pensamentos sobre “música reptiliana

  1. Unha vez escoitei o tema de “El hombre y la tierra” nunha discoteca indie moi de moda en Madrid. Mezcláronna cos Strokes, ou os Smiths, ou algo dese tipo. Quedou moi ben.

    Por certo, esgotadas (e moi ben invertidas) as viaxes de metro en BCN. Pagou a pena que foses por Madrid só para iso, je. Grazas. En breve volto a ver a Grace Jones, Orbital e moitos máis si la bolsa sona.

  2. a Harvey ten moi puico que facer soamente perante cancions coma Where duty calls e People have the power e Dream of life de a Patti Smith, deste xeito, abofé!¡

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: