sonsonetos

Falaba cun amigo [co amigo] das galas de verán, as mesas redondas, simposios, symposia, relatorios e todo o – en palabras súas- roce de anteniñas que supoñen. Tamén do feito de que as mesas de redondas teñan pouco. Cadaquen chega e – nun conmovedor comosemprismo– bota o seu rollo dun xeito frontal, en mesa oblonga e moitas veces sen facer nin caso ao outro presunto par – ou igual- de Camelot. O meu amigo formou parte dunha mesa redonda sobre haiku, nun lugar de La Mancha.

Tamén eu formei parte na miña vida de espectáculos similares. Isto parece ser unha condición sine qua non do escritor de hoxe en día, sen embargo estou certa de que non o é. Conditio sine qua. Mais con todo, así coñecemos mundo, idioteces e de cando en vez, marabillas.

Nun dos meu primeiros saraos regaláronme un libro. Foi o mellor que obtiven a cambio. Un deses libros de compilacións de textos e poéticas de autores varios, libros fatalmente destinados ben ao Moucho [tags: libros de segunda man, bo prezo, cidade vella herculínea, traer pola calle da amargura], ben a soster ese moble que coxea. No meu caso gardeino porque atopei algo valioso.

Dentro dese libro había moitas cousas indispensables para seren prescindidas ata que a miña vista desencriptou un soneto: un soneto, ese bargueño tan mono para o vestíbulo do noso intelecto. Queda tan ben. De moza facía sonetos. Claro, e quen non? O contrario indica unha grave ausencia de corazón e, quizais, de glándula pineal. Todos deberíamos perpetrar un soneto na nosa vida, debería haber Violantes pagadas polo estado que nos conminen, nos amenacen, nos violenten obrigándonos a un soneto, un soneto que é un son, un miraoquefago. Miraoqueseifacer. Como facer o pino con saia de volantes ante o rapaz que nos gustaba.

Atopei un soneto. É difícil escribir un soneto hoxe que non se asemelle a un bargueño estilo florentino do século XVI. Por moi canalla que poidamos facer soar un soneto moderno hai algo vernizado nel, restos de pan de ouro nas gavetiñas, ABBA ABBA…  Sen embargo, naquel libro compilatorio dei cun soneto diferente, disimuladas as molduras, as patas de bronce, as medidas na madeira e, pasados os anos, lembrei del a miúdo. Esa é a proba sublime: canto me lembras? Todo texto leva implícita esa pregunta, lévaa inscrita como unha marca de auga só visible ao trasluz.

Pois ben, lembreino. O soneto é dun poeta chamado Raúl Vacas Polo. Non o coñezo. A verdade é que o único que sei del é ese texto. De feito, coñezo máis o texto que ao seu autor. Iso é raro. O poema veume á cabeza en máis ocasións: nas farmacias, ollando recetas recén asinadas, revisando datas de caducidade nos frascos dun botiquín. E iso foi: nas mans dese escritor o soneto peza de marquetería devíu en botín de botiquín.

Un dos mellores sonetos actuais que lin.

Para os que a rima dea grima: abstéñanse. Abstéñanse.  E unha vez máis -isto é poesía, señores, fagan xogo- abstéñanse.

VADEMECUM

Ardine, Alugelibys, Aspirina,
Ornade, Frenadol, Polaramine,
Feldene, Mucorama, Betadine,
Bio-Hubber, Oralsone, Buscapina,

Prozac, Celestoderm, Maxicilina,
Septrín, Cefalexgobens, Augmentine,
Saldeva, Ferromorgens, Oraldine,
Vaspit, Oftalmolosa, Biodramina,

Isdinium, Hibitane, Nolotil,
Fluidasa, Termalgin, Rinofrenal,
Orudis, Tanakene, Clamoxyl.

Adiro, Conductasa, Senioral,

Profer, Optalidón, Gelocatil,

Zantac, Aureomicina y Hemoal.

Raúl Vacas

pals

5 pensamentos sobre “sonsonetos

  1. a farmaceútica é moi agradecida para o soneto, sempre tes a man unha -ina ou un -ine e ata podes xogar coa -asa ou o -ol para variar.
    É curioso como conclúe a experiencia poético-pirética en hemoal…non podía ser doutro xeito.

  2. Gústame moito a poesía de Raúl Vacas. É un poeta salmantino ao que tiven a sorte de escoitar varias veces. Eu abstéñome dos sonetos, pero Vacas ten moitos bos -mellores- poemas para seren lidos.
    Recoméndovolos.

  3. Graciñas pola recomendación, Falsirego. Seguirémola.

    Roi: si, hemoal é un final para todas as nosas vidas de botica, se cadra non moi digno, pero si con punch.

    A min, persoalmente, encántame a rima interna dos dous nomes máis intrincados do soneto: Cefalexgobens e Ferromorgens, no segundo cuarteto.

    E logo recoñecer – ah, a reminiscencia- moitos dos medicamentos porque os levamos no interior do noso corpo, agardando algún tipo de milagre: frenadol, augmentine, hibitane, fluidasa, isdinium [con ese nome de campamento romano]…

    Boto de menos os profiteroles. Ata os produtos de confitería teñen xa un aquel farmacéutico.

    O noso existencialismo de principios de século, de ser algo, será antibiótico ou non será. Por moi paradoxal que soe.

    Longa vida á biótica!

  4. pareseme un sonetaso e en vos alta soa da hostia (acabo de comprobalo). malia iso, o amor pola poesía local lévame a recoñecer en miro villar un sonetista mui bo. máis clásico, iso si, que raúl vacas.

    en realidade pasei por aquí a dicirche que chegou un paquetiño or correo! muitísimas grazas! 🙂 abríno emocionada porque é tan raro recibir cousas por correo hoxen en día…e tan bonito. o que traía dentro flipounos, a be tamén (por certo, aínda lle val, mesmo lle queda algo para as medras!)
    agradecémoscho muito.
    e temos muitas ganas de vos ver. de ver ese neno xa enorme que debe estar.
    en agosto prometo coruñear. estarme atentos!
    biquísimos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: